tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Yes is More. Arquitectura en banda deseñada.

Banda deseñada: Yes Is More. Un arquicómic sobre a evolución arquitectónica. Editorial Taschen. En castelán.

O grupo BIG (Bjarke Ingels Group), formado por arquitectos, deseñadores e creativos daneses presenta os seus proxectos urbanos e arquitectónicos a modo de manifesto gráfico utilizando o formato banda deseñada, distribuído tamén coma aplicación do IPad.

Dita opción converte un catálogo estendido de proxectos nunha obra de divulgación e aproximación aos métodos, medios e procesos dun estudo arquitectónico, ilustrando no mundo real o desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico, dende o deseño ata a construción ou o rexeitamento da idea proposta.

O medio de comunicación escollido, a banda deseñada, vai en consonancia coas propostas arquitectónicas do grupo BIG: populares, modernas e innovadoras, como é o caso dos proxectos Lego Towers ou The 8-House.

[8H – The 8-House from BIG on Vimeo.]

En calquera caso estamos ante unha obra que pode espertar o interese no urbanismo e na arquitectura, ao velos como temas abertos e dinámicos, tan problemáticos coma apaixonantes.


(Clica na imaxe para ampliar. Edición en Inglés)

 

Posible uso do libro na área de Tecnoloxía: O uso pode ser dobre, coma forma e como contido.

En canto a forma, basta con ler un capítulo para decatarse da potencia da banda deseñada como medio de comunicación. Neste senso hai que avisar de que a calidade gráfico-narrativa da obra é modesta, non é de interese para aficionados ao cómic coma medio artístico, pero si para os interesados no cómic coma medio de comunicación. Aínda así, pode servir como exemplo para que o alumnado faga un traballo similar utilizando fotografías e programas de edición, como estes cómics sobre o Proxecto Bata (proxecto interdisciplinar de igualdade de xénero) ou este sobre como cambiar a fonte de alimentación do ordenador.

En canto ao contido pode ser un libro de interese para as áreas de Tecnoloxía, Plástica e Ciencias Sociais, ou para calquera traballo interdisciplinario sobre arquitectura, urbanismo ou a ordenación do territorio.

Moitos institutos e colexios levan anos participando no Proxecto Terra, magnífico traballo creado por Xosé Manuel Rosales e financiado polo Colexio de Arquitectos. No material do proxecto hai un cómic sobre arquitectura, A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, o mellor autor de banda deseñada galega. Non é precisamente o seu mellor cómic, pero cumpre a súa función. O cómic atópase en todos os centros e pode lerse en liña aquí.

 

Por outra banda, a quen lle interese o tema da arquitectura e a banda deseñada pode botarlle unha ollada a Arquicómics.…