tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Asasinando a un coello de chocolate

Buscando pola rede exemplos de transmisión do calor por condución, radiación e convección atopei este curioso vídeo. Resulta algo “gore”, pero exemplifica moi ben como son estas formas de transmisión de enerxía térmica.

[youtube: Salón del chocolate. Asesinar un conejo.]

(Visto en Ciencia en el siglo XXI)

Chocolate solar

Hoxe recibimos o verán facendo chocolate no patio con dúas cociñas solares.

A primeira é do tipo Fun-Panel, e fixérona o curso pasado os alumnos e alumnas de 3ºPDC, así que xa é coñecida no insti. A partir duns paneis de polipropileno celular fíxose a estrutura seguindo un modelo, forrouse con papel de aluminio utilizando silicona como cola, e lista!

cocinha_solar1.jpg

O segundo modelo que estreamos este ano utiliza unha antena parabólica de telecomunicacións. Só houbo que forrala con papel de aluminio, atopar o foco e buscar un soporte para a pota para mantela no punto correcto, iso si, revisando a posición cada certo tempo, xa que ao moverse o Sol o foco cambia de lugar.

cocinha_solar2.jpg
(Nesta foto xa lle quitáramos á pota o plástico envolvente e, aínda que pareza que non, é negra.
A cor brillante da pota é o reflexo da luz concentrada nela)

En dúas horas as cociñas chegaron aos 100ºC, así que houbo que separar as potas de chocolate e poñelas á sombra mentres non chegaba a hora á que quedamos para a chocolatada.

Para quecer o chocolate aproveitamos o que sabemos sobre a transmisión de enerxía calorífica e buscamos estes efectos:

Colector_parabolico.jpg1. Concentración:

A enerxía térmica transmítese do Sol á Terra por radiación, é dicir, en forma de ondas electromagnéticas. As cociñas funcionan como concentradores solares, facendo que toda a radiación que chegue a elas se concentre nun punto ou superficie pequena. É alí onde colocamos a ola.

Seguro que tamén sabedes que o negro absorbe moi ben as radiacións, así que por iso pintamos as potas de negro.

2. Acumulación:

esquemaInvernadoiro.jpgInterésanos que a enerxía térmica non escape do chocolate para que se vaia acumulando e vaia aumentando a súa temperatura. Para iso puxemos unha bolsa de plástico (polipropileno) rodeando cada ola, de xeito que no interior prodúcese o efecto invernadoiro. O aire quente circulará por convección no interior da bolsa.

A bolsa con aire no seu interior tamén fai de elemento illante, evitando que a enerxía térmica escape por condución.…

Agora que hai sol, cociña solar e fotosaltóns!

Esta última semana de curso aproveitamos para facer uns miniproxectos que non levan moito tempo nin traballo. Trátase dun fotosaltón e dunha cociña solar na que fixemos chocolate.

As ideas saqueinas do obradoiro de Xavier Diz nas IX Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas por APETEGA.

Fotosaltón:

Aquí podedes ver un vídeo do funcionamento do fotosaltón, un vibrobot solar que funciona cun pequeno motor vibratorio e unha placa fotovoltaica. Ao poñerse ao sol o fotosaltón comeza a vibrar.


youtube: fotosaltón

Segundo como coloquemos as patas a dirección do movemento é diferente.

Se queredes construír un podedes dercargar aquí as instrucións.

Cociña solar

Onte puxemos ao sol a cociña solar. Quedounos un pouco xusto o tempo para facer un litro de chocolate, e houbo que recoller antes de tempo, polo que só chegamos a 70ºC. Na seguinte ocasión haberá que reservar polo menos 2 horas.·

Aquí tes as instrucións para montar unha.