tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Ciencia Clip, un concurso de vídeos divulgativos

Ciencia ClipCienciaClip_logo-v2 é un concurso de vídeos divulgativos de ciencia e tecnoloxía deseñados, producidos e protagonizados por estudantes de ESO, Bacharelato e dos ciclos básico e medio de Formación Profesional. O obxectivo do concurso é fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía, e ofrecer aos concursantes unha oportunidade para exercitar a súa creatividade e habilidades comunicativas usando ferramentas que proporciona internet.

Poderase participar de dúas maneiras, a nivel individual ou en equipo de 3 membros como máximo. Hai que gravar e editar un vídeo divulgativo que dure entre 3 e 5 minutos, subilo a YouTube ou Vimeo e inscribirse enchendo un formulario antes do 17 de abril. Pódese gravar en calquera das linguas oficiais do estado español ou en inglés, así que animádevos a facelo en galego.

Robot-dron Erle SpiderCales son os premios? Ademais da viaxe e estancia de hotel para asistir á sesión do sábado de Naukas Bilbao 2016, na categoría individual podedes gañar un kit completo para a construción e manexo dun Robot-dron Erle Spider, e se recibides o premio especial do xurado podedes gañar unha visita ao CERN, en Xenebra. Non está nada mal!

Aquí tendes o vídeo de presentación do concurso:

[youtube:¡Participa en Ciencia Clip!]

Ciencia Clip é unha iniciativa da Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU, patrocinada pola Deputación Foral de Bizkaia e na que colaboran o grupo Big Van e a plataforma de divulgación científica Naukas.

Tedes toda a información na web de Ciencia Clip.…

Éche así

echeasiTemos un novo programa de divulgación científica na Televisión de Galicia: Éche así.

Emítese os domingos ás 10:30 da mañá e está producido por Ceo Aberto e Danga Danga co financiamento de FECYT. Está dirixido a un público familiar baixo un formato de entretemento co xogo e a curiosidade como eixos narrativos. Cada emisión achégase a aspectos da vida cotiá, desde a tecnoloxía ata o corpo humano.

Na súa web podemos acceder aos vídeos do programa, experimentos, curiosidades, e proximamente moito máis. Paciencia! A web acaba de arrincar e pouco a pouco irán engadindo contidos.

Na web da TVG podedes ver o vídeo do primeiro programa que se emitiu este domingo 6 de decembro.

echeasi1

Ciencia, técnica e tecnoloxía.

Queda moi pouco para que comece o curso e, coma sempre, empezaremos falando da tecnoloxía. Moitas preguntas podemos facernos: Que é, que abrangue, como se traballa, cales son os seus produtos, que repercusións teñen na nosa vida e na sociedade, …

Moito se fala de tecnoloxía nestes tempos, pero chama a atención a confusión existente entre a ciencia, a técnica e a tecnoloxía na maioría das intervencións que proveñen de todos os ámbitos, e especialmente preocupantes resultan as confusións presentes nos currículos e materiais escolares en referencia a isto, pois dificultan enormemente a educación sobre estes temas. Verei se algún día me poño a debullalos detidamente. Polo de pronto neste artigo intentarei falar da tecnoloxía e das súas relacións coa ciencia e a técnica.

A tecnoloxía

BMW_Leipzig_MEDIA_050719_Download_Karosseriebau_max2A Tecnoloxía pódese definir como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.

Para resolver un problema ou satisfacer unha necesidade, as persoas transformamos a natureza deseñando, fabricando ou creando novos produtos e sistemas que fan a nosa vida máis doada e poñéndoos a disposición da sociedade. Logramos alumear as nosas casas e cidades, desprazarnos a altas velocidades, voar, escoitar música almacenada nunha pequena memoria, comunicarnos a grandes distancias en tempo real,  xogar en rede, sacar fotografías e vídeos, programar robots para realizar tarefas diversas, compartir datos en internet, construír longas pontes e miles de exemplos máis. Todo ese mundo artificial é produto da tecnoloxía.

Ciencia e tecnoloxía

As relacións de interdependencia entre ciencia e tecnoloxía son moi elevadas, sen embargo os campos de actividade dunha e da outra son moi diferentes.

O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento do coñecemento.

   adn

O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de satisfacer as súas necesidades, o que leva a desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.

   ball-597523_640

Relacións entre ciencia e tecnoloxía

360px-CERN_CMS_endcap_2005_OctoberNon son poucas as persoas que defenden que a tecnoloxía non é máis cá “ciencia aplicada” aos procesos de produción, definindo a tecnoloxía como algo subordinado á actividade científica. Sen embargo trátase dun dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da actividade tecnolóxica. Basta recordar que moitas tecnoloxías básicas relacionadas coa vivenda, transporte ou alimentación desenvolvéronse antes de que existise a ciencia ou se coñecesen os principios científicos que explicaban o seu funcionamento.

É certo que na actualidade a tecnoloxía utiliza coñecementos científicos, entre outras moitas cousas, pero tamén cabe dicir que a ciencia tamén utiliza a tecnoloxía, pois é imprescindible para avanzar na investigación. A relación non é de subordinación, senón de complementariedade e interdependencia. Hoxe en día non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación.

A creación de tecnoloxía proporciona novas ferramentas e sistemas para a ciencia coas que estudar novos conceptos, avances científicos que á súa vez contribuirán a xerar novas tecnoloxías. Deste xeito ciencia e tecnoloxía fanse complementarias e, xuntas, fan avanzar á humanidade. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.

Relacións entre técnica e tecnoloxía

640px-Soldering_a_0805Desde un punto de vista xeral, a técnica é o conxunto de procedementos que teñen como obxectivo obter un resultado determinado. Tamén podemos dicir que se trata dos procedementos postos en práctica ao realizar unha actividade (construír algo, efectuar unha medición ou unha análise, tocar o piano, etc).

A técnica abarca os coñecementos técnicos e as ferramentas, mentres que a tecnoloxía ten en conta ademais os coñecementos científicos, a estrutura sociocultural, a infraestrutura produtiva e as relacións mutuas que xorden.

Na técnica está o “como” facer, mentres que na tecnoloxía están ademais os fundamentos do “por que” facelo así.

I+D+i

I+D+IÉ moi común nos medios ler que se refiren unicamente á ciencia cando se fala de I+D+i, ocultando a compoñente tecnolóxica. O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.

  • Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.
  • Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.
  • Enténdese por innovación ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.

STEM

STEMSTEM é un acrónimo en inglés de Science, Technology, Engineering e Mathematics que serve para designar as disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Estas disciplinas son consideradas fundamentais para as sociedades tecnoloxicamente avanzadas, pois a educación nestes campos de STEM contribúen a conseguir unha maior competitividade, unha maior prosperidade económica e constitúe un claro índice da capacidade dun país para obter un crecemento sostido.

 

En definitiva, ciencia e tecnoloxía na actualidade van xuntas, alimentándose mutuamente, e resulta alarmante o retroceso educativo que supón a LOMCE ao cambiar a “Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía” por “Modalidade de Ciencias” deixando as materias tecnolóxicas no plano da optatividade e reducindo a súa carga horaria, ou eliminando a tecnoloxía das materias da vía de ensinanzas académicas de 4º de ESO. Non só iso, nos currículos básicos elaborados a correr polo Ministerio de Educación atópanse un elevado número de incongruencias relacionadas co tratamento da ciencia e a tecnoloxía  en todos os niveis educativos. Noutro artigo, se atopo tempo para poñerme, intentarei falar delas en profundidade.

 

Referencias:

 …

Campus Científicos de Verán

SDC17326Se es estudante de 4º de ESO ou de 1º de Bacharelato na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía e o curso pasado tiveches unha boa nota media tes a oportunidade de participar durante 7 días do mes de xullo nos Campus Científicos de Verán nun proxecto de achegamento científico e tecnolóxico en diferentes laboratorios e departamentos de investigación universitarios nas áreas de bioloxía, biomedicina, física, química, matemáticas, medio ambiente, robótica ou enxeñaría, complementado con actividades de lecer e deportivas.

Por exemplo, na área tecnolóxica está o proxecto “Os robots ao noso servizo” da Universitat Politécnica de Catalunya ou o proxecto “Deseño mecánico asistido por ordenador” da Universidade Carlos III de Madrid.

Os participantes seleccionados deberán abonar 80€ en concepto de matrícula e custear o desprazamento ata o campus asignado. A organización correrá cos custos de manutención, aloxamento en residencias e colexios maiores universitarios, traslados, material necesario para os proxectos, etc.

Tes ata o  20 de marzo de 2015 para presentar a solicitude. Hai 1.920 prazas e unha delas pode ser a túa.

Máis información:


(Fotos de campuscientificos.blogspot.com.es)

Esta fin de semana: Freeday4Girls e Naukas2014

Cunha fin de semana con bo prognóstico meteorolóxico e unha temperatura da auga da ría de 21ºC cando o habitual é 17ºC vai ser difícil quedar na casa mirando a pantalla do ordenador. Porén, para quen queira, temos dous interesantes eventos que podemos seguir en streaming a partir de mañá.

Freeday4Girls

Mañá pola mañá, de 9:30 a 14:00 h, podemos conectarnos a Freeday4Girls, Xornada de software libre e muller, un evento orientado a visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, e no que se amosarán experiencias en diversas disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.

Podedes consultar o programa completo en http://osl.cixug.es/freeday4girls/ e poderedes conectarvos ao streaming desde a páxina tv.usc.es.

Naukas

naukas_bilbao_14Desde as dez da mañá ata as oito da tarde do venres e do sábado podedes conectarvos a Naukas Bilbao 2014, un evento de divulgación científica con múltiples charlas de 10 minutos de duración sobre temas do máis diverso, o que fai que adquira unha dinámica moi amena e fluída.

Alégrome especialmente de que esta edición de Naukas conte con máis mulleres que outros anos, e agardo que se vaia dando cada vez máis visibilidade ao importante traballo das mulleres no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Podedes consultar o programa completo en naukas.com e conectarvos ao streaming en eitb.com. O hashtag en twitter é #Naukas14

 

Boa fin de semana!

 

Actualización: Podes ver todos os vídeos de naukas2014 en eitb.com