4 de novembro: A Ciencia e a Tecnoloxía en Galego!

Hoxe, 4 de novembro, en moitos colexios e institutos celebramos a Xornada pola Ciencia e a Tecnoloxía en Galego, facendo ver que a nosa lingua é perfectamente válida e rica para expresar e difundir ciencia e tecnoloxía.

No IES Primeiro de Marzo de Baiona xuntámonos os departamentos de Tecnoloxía e Bioloxía, coa axuda do departamento de Galego, para facer un Mega-Revoltallo de Termos. Mi madriña! non pensei eu que fósemos chegar a tanto!

Podédelo ver aquí:
[youtube: Revoltallo de termos] [Música: Ruxe-Ruxe. Buratos e Non te entendo, do álbum Na Fura de Diante ]

Moitísimas grazas a tódolos institutos que participaron na colleita de termos a través do formulario desta web. Pasamos dos 200 termos!
nube_revoltallo
O formulario non se vai pechar, así que seguirá aberto para que sigamos engadindo vocabulario técnico na nosa lingua e traballar con el. Aínda hai moito traballo por facer, pois a galipedia está bastante baleira. Ademais tamén prometera uns xogos en liña cos termos recollidos, pero non tiven tempo de poñerme con iso. Queda pendente.

Millóns de grazas pola vosa participación, tanto polas vosas achegas ao formulario como na complexa tarefa de recortar, emparellar e empapelar as paredes. Agardo que isto sirva para aprender un pouquiño máis.

Máis información: Revoltallo de Termos.


Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego.

Xa está en marcha a “Xornada pola Ciencia e a Tecnoloxía en Galego” do 4 de novembro, unha xornada dirixida dende o ensino a toda a sociedade galega, para defender a idoneidade do uso do galego nas áreas científico-tecnolóxicas, comunicarlle á sociedade o orgullo de expresar ciencia e tecnoloxía en galego e divulgar experiencias científicas e tecnolóxicas pensadas e desenvolvidas en galego.

En coordinación coa CENDL e apetega, tecnoloxia.org súmase coa actividade “Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego“, iniciativa que pretende dar a coñecer e difundir vocabulario técnico existente na nosa lingua, perfectamente válido para expresar e difundir tecnoloxía.

cartaz

Nunha primeira fase calquera persoa pode participar a través dun formulario aportando aquela terminoloxía en galego utilizada no campo da tecnoloxía. Animádevos a participar!

Nunha segunda fase, coincidindo coa celebración da Xornada pola Ciencia o 4 de novembro, poderá utilizarse este léxico recollido nas actividades que se organicen en cada centro de ensino. Hai algunhas propostas, e vós tamén podedes participar enviando as vosas suxestións.


Ignorancia tecnolóxica e poder

“Creamos unha civilización na que os seus elementos máis cruciais dependen profundamente da ciencia e da tecnoloxía. Tamén arranxamos as cousas para que case ninguén entenda de ciencia e de tecnoloxía. Esa é unha receita para o desastre. Talvez salgámonos coa nosa un tempo, pero tarde ou cedo esta explosiva mestura de ignorancia e poder vainos a voar a cara.”
Carl Sagan

(Visto en Aula Geek)


A ciencia e a tecnoloxía españolas non necesitan tesoiras

TijerasNO_galego.jpgAnte a redución do orzamento para I+D+i que plantexa o goberno, a iniciativa da Aldea Irreductible estendeuse como a escuma por Internet: Hoxe, 7 de outubro, centos de blogues de todo o estado publican un post baixo o título “La ciencia en España no necesita tijeras” denunciando a pésima situación na que pode quedar investigación científica cunha redución orzamentaria.

Este blogue, como non, únese á iniciativa, pero non sen certos cambios. En primeiro lugar, falarei de I+D+i e incluirei a tecnoloxía, esquecidas na iniciativa inicial, que só fala de ciencia e de I+D.

Coa miña contribución tratarei de explicar que é a ciencia, que é a tecnoloxía e que é iso da I+D+i

Ciencia e tecnoloxía

A Ciencia é o conxunto de coñecementos obtidos mediante a observación e o razoamento, sistematicamente estruturados e dos que se deducen principios e leis xerais.

O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento estruturado e sistematizado do coñecemento.

ciencia.png

A Tecnoloxía defínese como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.

O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de resolver problemas e satisfacer as súas necesidades, o que leva a deseñar e desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.

tecnoloxia.png

Ollo ante un dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da tecnoloxía: A tecnoloxía non é ciencia aplicada. Iso sería o mesmo que dicir que a ciencia é tecnoloxía aplicada. Vamos, que como se van estudar as partículas subatómicas sen unha obra de enxeñería coma o LHC?

As motivacións, as actividades e os produtos resultantes da ciencia e da tecnoloxía difiren substancialmente entre si, pero as relacións entre unha e outra son intensas, funcionando coma un binomio inseparable. Non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.

I+D+i

O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.

Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.

Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.

Enténdese por innovación tecnolóxica ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.

IDi-3.png

Algunhas das accións estratéxicas actuais da I+D+i en España desenvólvense nos campos da saúde, a biotecnoloxía, a enerxía, as telecomunicacións e sociedade da información, a nanociencia e nanotecnoloxía, ou o desenvolvemento de novos materiais e procesos industriais.

Unha diminución do orzamento en I+D+i non só afecta á actividade científica, senón que abrangue a ciencia, a tecnoloxía, a industria, a economía e, por suposto, a toda a sociedade.

Enténdese que en época de crise haxa recortes orzamentarios, pero se pensamos no futuro, non apostar pola educación, a ciencia e a tecnoloxía pode supoñer unha seria hipoteca para o país.

( Hashtag para seguir esta iniciativa en Twitter: #TijerasNO)

Actualización 24/10/2009:
Mª Luz Congosto realizou unha recompilación de tódolos posts unidos a esta iniciativa. Podes consultala en barriblog.com.


Fotciencia 08

Xa podemos ver as fotos do Certame Nacional de Fotografía científica Fotciencia 2008.

Eu quédome coas fotografías microscópicas. Ábrennos os ollos a un mundo completamente descoñecido, pero non por iso menos real co macroscópico. Non e vano a nanotecnoloxía está a empezar a cambiar o noso entorno artificial, anque non nos deamos de conta, e máis o fará nos vindeiros anos.

Nano-metrópoli
00404a.png

A imaxe superior presenta nanoestruturas dun óxido metálico obtido en laboratorio que evocan o perfil dunha metrópoli, ofrecendo unha conexión visual entre o seu mundo submicrométrico e as nosas dimensións humanas, onde serán integradas.

A rede dos desexos (Media térmica)
00029 - Imagen1.png

Un textil termorregulador é un tecido que é capaz de reaccionar de distinto xeito en función das condicións térmicas do medio externo que o rodea. Se o medio externo é de elevada temperatura, esta clase de tecidos provocará unha sensación de frescor sobre o individuo, e viceversa. Este particular comportamento conséguese grazas á incorporación de microcápsulas que conteñen no seu interior un material de cambio de fase ou tamén chamado PCM “Phase Change Material”.

Podes ver o resto de fotografías en Fotciencia08.