tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.…

O transistor como amplificador

trans_circ3a.gifA primeira práctica que fixemos con transistores é unha das que máis gustan. Conseguimos acender un LED ou facer soar un zoador tocando un cables coas mans.

Como sabedes, o corpo humano, formado por auga, é conductor da electricidade, e por iso sufrimos cambras, pero ten unha resistencia moi alta.

Sen embargo a pequena intensidade que circula pola base do transistor cando tocamos as sondas coas mans é suficiente para activalo e que circule suficiente corrente polo colector para que se acenda un LED.

IC = β IB

Incluso funciona coa corrente que circula por tódolos corpos do alumnado de clase fando forma unha cadea.
Aquí tes o vídeo:


[youtube: O transistor como amplificador]

A partir desta práctica fixemos outras como sensores de luz, temperatura, humidade, amplificadores de audio, etc. Podemos detectar correntes moi pequenas e amplificalas para facer funcionar un dispositivo.

No esquema do circuíto, a resistencia de 8,2 KΩ é para protexer o transistor cando por descuido tócanse as sondas entre si.

Máis sobre transistores aquí

Relé con encravamento

Engadín unha nova páxina na sección de propostas de proxectos de electricidade: Relé de enganche ou con encravamento. Este circuíto é moi versátil: modificando a saída, a activación da entrada e do desenganche mediante diferentes dispositivos e circuítos podemos deseñar unha gran variedade de proxectos. Nesta sección só inclúo algunhas ideas e proximamente incluirei algún vídeo no que se amose o funcionamento. Cando complete a sección de proxectos de electrónica engadirei outros circuítos con relés activados por sensores electrónicos, pero iso será máis adiante.

Na didáctica da electricidade en tecnoloxía hai algo que me parece moi importante: o alumnado ten que deseñar os circuítos axeitados para os seus proxectos, polo menos en parte, modificando a saída, engadindo un circuíto sinxelo que o complete (luces, son, etc.), ou combinando entre si varios esquemas preestablecidos. Se lles damos todo feito creo que se perde a esencia do proxecto en tecnoloxía, o deseño.

Clica no pulsador normalmente aberto para enganchar o relé. Clica no pulsador normalmente pechado para desenganchalo:
alarma

pulsador NO pulsador NC