tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Compressorhead, unha banda robótica

Aínda non é algo que poidamos ver en Vigo, pero atopar a actuación dunha banda robótica na programación de concertos xa é algo que sucede nalgúns lugares do mundo.

Compressorhead é unha banda berlinesa de metal formada polos robots Stickboy, batería de catro brazos e dous pés, Fingers, guitarrista de 78 dedos de accionamento hidráulico, e o último en chegar ao grupo, o baixista Bones.

Déixovos un vídeo no que se ve unha actuación de Stickboy e Fingers interpretando TNT, de AC/DC.

[youtube: Fingers and Stickboy TNT]

Podedes ver aquí máis vídeos de actuacións de Compressorhead. A calidade deixa moito que desexar, e vese que aínda lle queda moito que mellorar á música robótica, pero todo se andará.

(Vía: robotic-lab.com)

A visión artificial

imaxe de blog.infaimon.com

O outro día vimos na visita de eficienTIC como mediante unha cámara web e un software especial somos capaces de recoñecer caras e distinguilas doutras.

Neste caso usábano para detectar se a persoa usuaria dun ordenador está traballando nel ou non, e decidir segundo iso se manter acesa a pantalla ou apagala para aforrar enerxía. Tamén valía para permitir o uso dese ordenador só a unha persoa determinada recoñecida polos seus trazos faciais, e non a outras, mellorando a seguridade do sistema.

O propósito da visión artificial é programar un ordenador mediante complexos algoritmos para que sexa capaz de interpretar unha escena determinada.

As aplicacións disto son moi variadas: estudo do tráfico, movemento de persoas, bacterias, detección de defectos en froitas, detección da posición de pezas fabricadas, medición de magnitudes físicas e moito máis.

No seguinte vídeo podemos ver uns exemplos de utilización da visión artificial:

[Robot readable world from Timo on Vimeo.] (Vía: Quo)

Aínda que non te deas conta, se miras unha cámara filmando algo, seguramente estará conectada a un ordenador con algún software de visión artificial. Pensa, por exemplo, na detección de matrículas nos aparcadoiros.

Se queres saber máis sobre visión artificial non te perdas blog.infaimon.com

 …

Terceiros en Robocampeones 2011

De novo chegamos de Robocampeones cun trofeo: O equipo Baiñedo formado por Manuel, Gael e Esteban acadou o terceiro premio na proba de relevos. Parabéns campións!
robocamp11-3.jpg

Os equipos BaiOia (Samuel e Paula) e The Escarallas (Javier e Jonatan) tampouco quedaron nada mal: sétimos e oitavos dun total de 30 equipos participantes na proba de relevos. Moi ben!

robocamp11-5.jpg
robocamp11-4.jpg

Parabéns aos outros equipos gañadores da proba de relevos, de Toledo e Bizkaia. Uns cracks!

O proxecto da proba libre “Robomulta” non gañou ningún premio, pero tamén hai que felicitar a Sara e a Chono polo seu traballo, e tamén ao resto da clase que axudou na construción. Problemas técnicos a última hora, nervios e medo escénico desluciron un pouco o proxecto de control de velocidade, pero o traballo está moi ben, así que felicidades!
robocamp11-6.jpg
Máis adiante informaremos máis sobre este proxecto, con algún vídeo e explicacións máis detalladas.

Hai que agradecer ao IES Sefarad de Toledo a fantástica organización do evento, especialmente a Julio e a Mati. Un 10 para o IES Serafad!

Grazas a Jesús e a Javier que nos acolleron e felicidades ao alumnado de Velilla, que aínda que non gañasen ningún premio fixeron un traballo estupendo.

robocamp11-5.jpg

Foto conxunta Baiona-Velilla. Clica na imaxe para ampliar

E nada, xa se nos acaba o programa Arce. 4 anos estupendos cos institutos de Velilla (Madrid), el Greco (Toledo) e Zalla (Bizkaia). Unha experiencia magnífica.

—–

Actualización 22 de maio de 2011:

Saímos no xornal Faro de Vigo:
farodevigo_22-05-2011.jpg
Clica na imaxe para ampliar | Ver a edición dixital.

Marchamos a ‘Robocampeones’!

Unha selección de 8 alumnos e alumnas de Baiona sairán hoxe cara Madrid para pasar dous días cos rapaces e rapazas de Velilla que viñeron visitarnos os pasados 11 e 12 de abril, dentro do programa Arce de Agrupamentos escolares.

O venres 20 asistiremos á competición “Robocampeones 2011” no IES Sefarad de Toledo.

Foto conxunta dos equipos de Baiona e Velilla:
Xornadas2011_grupo.JPG
(Clica aquí para ver a foto con maior tamaño)

Moita sorte!…


1 2 3 11