tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Convocatoria para un proxecto de automática/robótica con hardware e software libre

GALPon (Grupo de Amigos Linux de Pontevedra), coa intención de fomentar o coñecemento e emprego das tecnoloxías libres entre a mocidade, fai un ofrecemento moi interesante a aqueles centros de ensino e entidades adicadas á formación da provincia de Pontevedra que presenten un proxecto de automática e robótica con hardware e software libre.

GALPon subministrará o material necesario para a realización do proxecto ata un importe máximo de 1.000 €, contribuirá no asesoramento do equipo de traballo na escolla de software, poderá axudar na programación dos scripts, e concederá un premio en metálico aos membros do equipo no caso de que o proxecto acade o resultado previsto.

Non queda moito tempo para presentar un proxecto (ata o 1 de outubro), pero paga a pena intentalo, especialmente para aqueles centros que non conten con recursos para mercar hardware. É unha oportunidade para arrancar con arduino nas clases de tecnoloxía de ESO e Bacharelato, ou de montar unha impresora 3D como a que nos contaba Tucho hai pouco neste blogue.

Tes toda a información en:

XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Para o profesorado de Tecnoloxía: Xa están en marcha as XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas por APETEGA.

Este ano terán lugar no IES A Guía, en Vigo, os días 31 de maio e 1 de xuño de 2013, e contarán con múltiples obradoiros prácticos. O prazo de inscrición abrirase o 17 de maio.

Tedes toda a información na web de apetega.

 

Intentarei achegarme por alí, pero coa intención de tomalo con calma. A ver se me atopo ben eses días.…

VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”

Quen estea en Santiago de Compostela o vindeiro venres 1 de xuño non debe perderse a VII Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na Rúa”, na céntrica Praza do Toural. A mostra está organizada por APETEGA coa imprescindible colaboración do IES Rosalía de Castro.

Coma noutras edicións, exporanse os proxectos realizados polo alumnado na materia de Tecnoloxía da ESO de diversos institutos galegos e haberá algúns obradoiros prácticos nos que os asistentes poderán participar.

Este ano, coma novidade, levaremos algúns antigos trebellos que nos permitirán ser conscientes da evolución da tecnoloxía ao longo do tempo. Poderedes falar por uns teléfonos de manivela, facer cálculos con calculadoras mecánicas, ver como eran os ordenadores dos anos 80 (ZX Spectrum, commodore 64), unha videoconsola SOUNDIC, un amplificador HI- FI de válvulas, e moitas máis sorpresas.

  • Data: 1 de xuño de 2012
  • Lugar: Praza do Toural en Santiago de Compostela
  • Horario: de 17:00 a 20:30 horas
  • Cartel anunciador
  • Díptico

Campus Científicos de Verán

campuscientificos.es

Se es estudante de 4º de ESO ou de 1º de Bacharelato na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía e o curso pasado tiveches unha nota media igual ou superior a 7,50 tes a oportunidade de participar durante 7 días do verán nun proxecto de achegamento científico e tecnolóxico nas áreas de bioloxía, biomedicina, física, química, matemáticas, medio ambiente, robótica ou enxeñaría, complementado con actividades de lecer e deportivas.

Os Campus Científicos de Verán están organizados pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e desenvolveranse durante o mes de xullo e de forma simultánea en diferentes laboratorios e departamentos de investigación universitarios.

Os participantes seleccionados deberán abonar 90€ en concepto de matrícula e custear o desprazamento ata o campus asignado. A organización correrá cos custos de manutención, aloxamento en residencias e colexios maiores universitarios, traslados, material necesario para os proxectos, etc.

Tes ata o 16 de maio de 2012 para presentar a solicitude. Hai 1800 prazas e unha delas pode ser a túa.

Máis información:

 


Fotos de campuscientificos.blogspot.com.es

V Xornada Monográfica de APETEGA: As redes sociais na educación

O sábado 12 de novembro terá lugar no I.E.S. de Brión a V Xornada monográfica de Apetega, que este ano tratará o tema das redes sociais na Educación.

Contará con dous grandes expertos no tema: Juan José de Haro e Juan Carlos López Ardao, que nos achegarán ao mundo das redes sociais aplicadas ao procesos educativos.

Tedes ata o 5 de novembro para inscribirvos.

Podes consultar máis información na web de apetega

 …


1 2 3 7