tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Esta fin de semana: Freeday4Girls e Naukas2014

Cunha fin de semana con bo prognóstico meteorolóxico e unha temperatura da auga da ría de 21ºC cando o habitual é 17ºC vai ser difícil quedar na casa mirando a pantalla do ordenador. Porén, para quen queira, temos dous interesantes eventos que podemos seguir en streaming a partir de mañá.

Freeday4Girls

Mañá pola mañá, de 9:30 a 14:00 h, podemos conectarnos a Freeday4Girls, Xornada de software libre e muller, un evento orientado a visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, e no que se amosarán experiencias en diversas disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.

Podedes consultar o programa completo en http://osl.cixug.es/freeday4girls/ e poderedes conectarvos ao streaming desde a páxina tv.usc.es.

Naukas

naukas_bilbao_14Desde as dez da mañá ata as oito da tarde do venres e do sábado podedes conectarvos a Naukas Bilbao 2014, un evento de divulgación científica con múltiples charlas de 10 minutos de duración sobre temas do máis diverso, o que fai que adquira unha dinámica moi amena e fluída.

Alégrome especialmente de que esta edición de Naukas conte con máis mulleres que outros anos, e agardo que se vaia dando cada vez máis visibilidade ao importante traballo das mulleres no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Podedes consultar o programa completo en naukas.com e conectarvos ao streaming en eitb.com. O hashtag en twitter é #Naukas14

 

Boa fin de semana!

 

Actualización: Podes ver todos os vídeos de naukas2014 en eitb.com

Na Casa. Unha breve historia da vida privada.

Libro: En Casa. Unha breve historia da vida privada. Bill Bryson. Editorial RBA. En castelán.

“A Bill Bryson ocorréuselle un día a idea de que adicamos moito máis tempo a estudar as batallas e as guerras da historia que a reflexionar sobre aquilo do que está feita a historia: séculos de xente desenvolvendo con discreción a súas tarefas cotiás, comendo, durmindo e tratando de vivir con máis comodidades, e que a maior parte dos principais descubrimentos da humanidade atópanse na mesma estrutura das casas que habitamos”.

Vale, supoño que moitos de nós teremos feita esta acertada reflexión, pero cando quen a fai é un escritor e divulgador de éxito internacional, autor dun dos bestsellers científicos máis merecidos das últimas décadas, Unha breve historia de case todo (Ed. RBA), o resultado é un ensaio de 600 páxinas que se deixa ler na súa maior parte con unha axilidade e intriga propia das novelas.

En casa é un percorrido por unha inxente cantidade de innovacións presentes nas nosas vidas cotiás: arquitectura, electricidade, cociña, medicina, etc… seguindo o esquema de narrar cronoloxicamente o desenvolvemento dun invento ou proceso presente nunha habitación da mansión actual do autor, mansión cuxo plano serve de índice-guía do libro. Por exemplo, no capítulo da cociña, relata como e cando empezou a utilizarse o xeo coma conservante moitas décadas antes dos frigoríficos actuais. A proposta investigadora e divulgativa do autor enmárcase nunha rama historiográfica recente que pode denominarse Historia da vida cotiá ou da vida privada.

Dado o inabarcable propósito do libro, o autor decide restrinxirse a estudar un período de tempo moi concreto, a partir do século XVIII en adiante, e en especial a partir de mediados do século XIX. Por suposto este período de tempo ten de particular o inxente número de innovacións, cambiando máis as vivendas e a sociedade nos últimos 150 anos ca nos 2000 anteriores.

Así mesmo, e por citar un dos poucos peros que se lle poden por ao libro, está todo moi centrado en Inglaterra: o desenvolvemento das típicas mansións inglesas, da campiña inglesa, da sociedade inglesa, do vocabulario doméstico en inglés,… Aínda que era normal que o autor escollese esta autolimitación, para os foráneos pode quedar un tanto aburrido.

En definitiva, pode non ser un libro tan tan redondo coma o de Unha breve historia de case todo pero o seu tema o converte nunha obra a ter en conta por calquera interesado na tecnoloxía e a súa historia.

 

Posible uso do libro na área de tecnoloxía:

Penso que o libro podería figurar na biblioteca de calquera profesor ou profesora de Tecnoloxía, en especial calquera que teña interese en facer traballos interdisciplinarios.

Unha vez lido o libro é factible consultalo a modo de enciclopedia para utilizar a información do desenvolvemento dunha innovación determinada. Por exemplo, para realizar unha proposta de traballo do análise e estudo da evolución dun obxecto cotiá, que pode complementarse coa visita á exposición Deseño de Sistemas. Escola de Ulm na sede de Vigo da Fundación Barrié (ata o 14 de Outubro). Nesta exposición, breve e sinxela, pero de alto interese para os interesados no deseño, hai varios exemplos de tecnoloxía cotiá (xoguetes, mobles, electrodomésticos,…) que no seu momento foron innovacións revolucionarias.…