tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Samaín 09

Coma tódolos anos, no insti celebramos a festa do Samaín, con obradoiros de cabazas organizados polo Equipo de Normalización Lingüística e o Ciclo Superior de Animación Sociocultural.

No departamento de Tecnoloxía tamén poñemos o noso gran de area, e invitamos a que os grupos que queiran lles poñan ás cabazas un circuíto eléctrico para acadar efectos de luces, son ou movemento.

Este ano foron poucas as cabazas eléctricas, pois a última hora aínda estaban co baleirado e decoración, pero houbo unhas cantas de 1º e 2º de ESO con lámpadas e LEDs no interior. Incluso un alumno cambioulle á súa cabaza un ollo por unha roda en movemento.

Grazas ao alumnos e alumnas de 4º de ESO Xeila, André, Pedro, Jessica, Sara, Belén e Anxo, por axudar aos máis pequenos coa conexión dos cables. Iso sí, botei de menos algunha cabaza dos maiores, cun circuíto algo máis complexo. Outros anos sempre hai alguén que se anima.

Aquí vai o vídeo:


[youtube: Samaín 09. Baiona]

Música: Matías o Morcego. Os papaqueixos.

Xeradores de corrente eléctrica

Un xerador é un dispositivo capaz de transformar a enerxía mecánica en enerxía eléctrica. Utilízase na maioría de centrais eléctricas para producir a electricidade que chega ás nosas casas. O seu funcionamento baséase en que cando movemos un condutor no seno dun campo magnético xérase unha corrente eléctrica por indución.

Se facemos xirar unha espira nun campo magnético prodúcese unha forza electromotriz (f.e.m.) inducida nos terminais, e unha corrente eléctrica no condutor.
A tensión eléctrica obtida a través do anel colector e a vasoiriña en cada extremo da espira ten unha forma senoidal, e a súa frecuencia dependerá da frecuencia de xiro.

Xerador de corrente continua:

Os extremos da espira conéctanse mediante unhas vasoiriñas cun anel dividido en dous. Deste xeito a corrente sempre circulará no mesmo sentido, obténdose corrente continua pulsante.


[aplicación flash]

Xerador de corrente alterna ou alternador:

No caso dos alternadores, o contacto realízase a través de dous aneis continuos, de xeito que a corrente producida vai cambiando de sentido de forma alternada. Estamos producindo corrente alterna.


[aplicación flash]

Aquí tedes un vídeo explicativo:

[youtube: xerador eléctrico]

Se queredes ver un xerador eléctrico caseiro non vos perdades o tinglado con bicicletas que fixeron no IES Laxeiro de Lalín.

(as animacións son de www.animations.physics.unsw.edu.au e pódense descargar para utilizar en educación)

Xogo: Little Wheel, o xerador eléctrico principal

Había unha vez un mundo habitado por robots. Un día aconteceu un grave accidente no xerador eléctrico principal. Ao quedarse sen subministro eléctrico o mundo caeu nun profundo sono, nada podía funcionar.
10.000 anos despois un raio carga de enerxía a un dos robots. Será capaz de conectar de novo o xerador e devolver a vida robótica ao seu mundo?

Aquí tes o xogo: Little Wheel
little-wheel.jpg

Nós non somos robots, pero imaxínaste como poderiamos vivir se non tivésemos subministro eléctrico? Podes deixar aquí a túa opinión.…

Os electróns móvense motivados polas electroas!!??

Non podo deixar de alucinar ao ver os libros dixitais de Digital-Text, concretamente o tema de circuítos eléctricos de 1º e 2º de ESO.

Mirade como explican a diferencia de potencial (Fai clic na imaxe para ampliala):

digital-text.png

Vaia! Así que os electróns móvense a través dun condutor porque están motivados por electroas que se atopan ao final do camiño!

Desgraciadamente é algo habitual atopar nos libros de texto imaxes sexistas e linguaxe sexista, pero había tempo que non atopaba unha imaxe sexista tan lamentable e patética.

Aparte disto, as explicacións tamén deixan moitísimo que desexar. Hai unha falta de rigor alucinante, e incluso resulta insultante, pois trata ao alumnado de 12-13 anos como se fose estúpido.

Pódense explicar estas cousas de xeito sinxelo, adaptando os contidos á idade do alumnado, pero nunca perder o rigor científico. O potencial non é ningunha “motivación”, a intensidade non mide o “número” de electróns por segundo, os enchufes non son “xeradores” de corrente alterna, a potencia non é a “rapidez á hora para realizar un traballo”, e un longo etcétera.

Vamos, que se analizamos a fondo o material non sei se é máis grave a imaxe do electrón saído que corre detrás da electrona cursi cun laciño ou a cantidade de erros conceptuais que transmite este libro dixital.

Outra cousa que me chama a atención é que este contido estea dirixido ao ensino da tecnoloxía. Dígoo porque un dos obxectivos principais do estudo da electricidade en tecnoloxía debe ser, e así o marca o currículo, o deseño de circuítos que cumpran unha función predeterminada, o que constitúe a actividade tecnolóxica, sen embargo é algo que non se traballa nesta unidade, que aborda os contidos só dende o punto de vista … ía dicir científico, pero por suposto que tampouco.

Dito isto, resulta alucinante que Digital-Text sexa unha das empresas que recibiu subvencións para dotar de libros dixitais ao plan Escola 2.0 que está impulsando o goberno. Estamos pagando esta bazofia?

Reafirmo o meu convencemento: Non aos libros de texto, nin analóxicos nin dixitais.

(Atopeino grazas a @jordijubany que ligou ravalnet.org)

Almacenamento de enerxía eléctrica

elec_rato.jpgO curso pasado, cando explicaba en 3º de ESO o proceso dende que se xera enerxía eléctrica ata que chega ás nosas casas, preguntoume un alumno que ónde se almacenaba a enerxía que se xeraba.

Pois non, non se almacena, a grande escala non é posíbel. Esa enerxía que consumes estase a producir nalgunha central nese mesmo intre.

O que se fai coa enerxía eléctrica sobrante nas centrais é invertela noutras cousas coma, por exemplo, elevar de novo auga ao encoro nas centrais hidroeléctricas de bombeo, pero non hai ningún sitio onde se garde.

Explícannolo brevemente neste vídeo de teknopolis:

[Vídeo: almacenamento de electricidade]

Quen se encarga de controlar a cantidade de enerxía eléctrica que cómpre xerar e distribuír é o Centro de Control Eléctrico. Podes probar realizar este traballo co simulador “Controla“.

Aproveito para dicir que en teknopolis temos interesantes vídeos de ciencia e tecnoloxía que se poden descargar ou inserir nos sitios web.…