Electricidade con bicicletas

Moi interesante esta instalación que fixeron no IES Laxeiro de Lalín. O alumnado do centro tivo que pedalear duramente para producir a electricidade necesaria para a festa do Día das Letras Galegas. Unhas bicis, un alternador, unhas baterías e sobre todo moito esforzo físico para iluminar un festival do máis didáctico. Parabéns!

(Visto en mecanizadofacil.blogspot.com)


Electricidade 2.0?

Gústanme as visións de futuro. Moitas non son máis ca ciencia ficción, pero outras acaban facéndose realidade.

Hoxe atopeime unha destas visións no blogue de Tiscar que me deixou bastante perplexa: Electricidade distribuída, ao estilo web 2.0., da man de Tom Raftery, consultor de GreenMonk.

decor_1.jpgPara Tom Raftery, trátase da posibilidade de crear no futuro unha rede eléctrica intelixente para o fornezo de enerxía que tome como modelo o sistema de distribución propio das redes dixitais. No concepto de Electricidade 2.0 ou Grid 2.0 que propón Raftery, novas tecnoloxías posibilitarían unha redistribución da electricidade e un aproveitamento dos excedentes enerxéticos a escala mundial.

Un dos retos máis importantes aos que se enfronta o planeta é a xeración, conservación e distribución de enerxía dentro dun equilibro sostible. Ata agora tiñamos grandes empresas que se dedicaban á xeración masiva de electricidade. Aplicando a lóxica da web 2.0, o modelo de rede eléctrica intelixente ábrese aos usuarios, de modo que estes poidan converterse tamén en xeradores e distribuidores de enerxías renovables e adaptar os seus consumos segundo a información de prezos en tempo real.

Será posíbel tal cousa no futuro?

(Información obtida en tiscar.com)


Pilas con patacas

Podemos construír unha pila con limóns e dous electrodos de cobre e cinc para acender un Led ou un reloxo dixital. Algunha vez fixémolo en clase.

limonsled.jpg

Pero como aquí o que sobran son patacas, algún día probaremos facer unha pila con elas.

Kristof Kintera é un artista que aplicou isto nalgunhas das súas esculturas, nunha serie titulada “We´ve got the power!”:

we-have-power3.jpg

300 kg de patacas, 250 pares de electrodos de cinc e cobre, microchip controlador, pantallas LCD, reloxos dixitais, todos alimentados por enerxía eléctrica extraida das patacas.

Toda unha escultura tecnohortícola!
O malo é que é perecedoira:

we-have-power2.jpg


Electricidade con bostas de vaca

En Galiza habitan máis vacas que persoas, unha cantidade suficientemente grande como para que nas granxas se poidan xerar anualmente toneladas e toneladas de excrementos. Sabías que eses excrementos pódense aproveitar para xerar electricidade e para producir fertilizante?

Isto pódese facer cunha planta de biogás, que utiliza o metano producido na fermentación dos excrementos nun biodixestor para alimentar un xerador diésel, que é o encargado de producir electricidade.
Os líquidos resultantes do proceso convértense en fertilizantes.

Biodigestor.JPG

Un biodixestor é un contenedor hermeticamente pechado no que se deposita o material orgánico que se fai fermentar con certa cantidade de auga, producindo unha mestura de gases con alta concentración de metano, tamén chamado biogás.

biodigestor2.jpg

O biogás producido serve de combustible para a xeración de electricidade a partir dun xerador diésel, ou pódese aproveitar tamén para os sistemas de calefacción.

Aquí hai unha infografía do funcionamento:
How does a biogas plant work?