tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Levantando un coche con espaguetes

Agora que andamos co ensaio de tracción en tecnoloxía Industrial vén a conto este reto da Escola de Arquitectura da Universidade CEU San Pablo: Propuxéronse levantar un vehículo de 1200kg con 260 espaguetes, e conseguírono!

Nun ensaio posterior comprobaron que os espaguetes resistiron 1650 kg antes de romper, así que aínda puideron utilizar menos espaguetes na proba, pero non escatimaron en coeficiente de seguridade.

É máis que habitual que os estudantes universitarios de todo o mundo utilicen espaguetes para os seus deseños estruturais. Basta que fagades unha busca “spaghetti bridge” en google para atopar miles de exemplos.

Por que espaguetes? A tensión máxima de rotura do material do espaguete está ao redor de 27,7 MPa e ten un módulo de elasticidade de 1375 MPa, habendo variacións dependendo das características do material. Un espaguete da marca Barilla do nº7 (2mm de diámetro) en tracción resiste uns 80 kg. Sen cocer, claro.

[imaxe de estructurando.net]

Que terá a sémola de trigo duro para ser tan resistente?

Materiais que engordan cando se estiran

Cando sometemos un material a un esforzo axial de tracción observamos como sofre unha redución da súa sección transversal. Pola contra, cando aplicamos un esforzo axial de compresión observamos como a súa sección transversal aumenta. É dicir, cando estiramos o material faise máis fino e cando o comprimimos faise máis groso.

Isto é algo que vimos ao estudar os ensaios de tracción e compresión, e parécenos do máis lóxico. Porén, non todos os materiais se comportan así. Os materiais auxéticos caracterízanse por comportarse xusto de xeito contrario: Fanse máis grosos cando se estiran e máis finos cando se comprimen. Podes velo neste vídeo:

[youtube: The strange behaviour of auxetic foams]

Estes materiais son sintéticos e presentan un coeficiente de Poisson negativo.

Por teren unhas propiedades mecánicas fóra do normal as aplicacións dos materias auxéticos son moi interesantes. Por exemplo en medicina permiten que sexa máis doada a introdución de implantes ou sondas para abrir vasos sanguíneos, pois fanse máis finos ao empurralos. Tamén teñen aplicacións en procesos de envasado, roupa de seguridade, seda dental, etc.

Xa sabes, non afirmes con rotundidade que ao estirar un obxecto estréitase, pois podes ter ao teu redor algún obxecto fabricado cun material auxético e podes quedar mal.…

Simulador do ensaio de tracción

O blogue Aula de Tecnologías dános a coñecer un interesante simulador do ensaio de tracción: Tensile Testing Simulation.

traccion.png

Permite seleccionar entre seis tipos de aceiros e comparar as diferentes gráficas.

traccion_grafica.jpg

A web Why Study Materials ofrece outros interesantes recursos en inglés para o estudio dos materiais.

Unha mágoa non telo coñecido antes, pois xa rematamos este tema de 2º de bacharelato, pero queda aquí gardado para o curso que vén, e por se alguén o quere utilizar.

Se a alguén lle interesa, materiais.wik.is é un traballo realizado polo alumnado do curso pasado, que buscou vídeos dos diferentes ensaios mecánicos realizados na industria. Este curso actualizámolo con algún vídeo máis.…

Ensaios de materiais

BrinellO alumnado de Tecnoloxía Industrial de 2º de bacharelato elaborou o seguinte wiki sobre ensaios de materiais: http://materiais.wik.is

O obxectivo era atopar vídeos das máquinas e procesos que se utilizan na industria, xa que no instituto unicamente podemos facer na práctica o ensaio de tracción, pero non outros.

En dúas horas de clase, repartíndose o traballo, atoparon fotos, vídeos e a descrición dos ensaios mecánicos máis importantes.

Desexan compartir o seu traballo con estudantes doutros centros, así que se vos interesa botádelle unha ollada.…