Na Casa. Unha breve historia da vida privada.

Libro: En Casa. Unha breve historia da vida privada. Bill Bryson. Editorial RBA. En castelán.

“A Bill Bryson ocorréuselle un día a idea de que adicamos moito máis tempo a estudar as batallas e as guerras da historia que a reflexionar sobre aquilo do que está feita a historia: séculos de xente desenvolvendo con discreción a súas tarefas cotiás, comendo, durmindo e tratando de vivir con máis comodidades, e que a maior parte dos principais descubrimentos da humanidade atópanse na mesma estrutura das casas que habitamos”.

Vale, supoño que moitos de nós teremos feita esta acertada reflexión, pero cando quen a fai é un escritor e divulgador de éxito internacional, autor dun dos bestsellers científicos máis merecidos das últimas décadas, Unha breve historia de case todo (Ed. RBA), o resultado é un ensaio de 600 páxinas que se deixa ler na súa maior parte con unha axilidade e intriga propia das novelas.

En casa é un percorrido por unha inxente cantidade de innovacións presentes nas nosas vidas cotiás: arquitectura, electricidade, cociña, medicina, etc… seguindo o esquema de narrar cronoloxicamente o desenvolvemento dun invento ou proceso presente nunha habitación da mansión actual do autor, mansión cuxo plano serve de índice-guía do libro. Por exemplo, no capítulo da cociña, relata como e cando empezou a utilizarse o xeo coma conservante moitas décadas antes dos frigoríficos actuais. A proposta investigadora e divulgativa do autor enmárcase nunha rama historiográfica recente que pode denominarse Historia da vida cotiá ou da vida privada.

Dado o inabarcable propósito do libro, o autor decide restrinxirse a estudar un período de tempo moi concreto, a partir do século XVIII en adiante, e en especial a partir de mediados do século XIX. Por suposto este período de tempo ten de particular o inxente número de innovacións, cambiando máis as vivendas e a sociedade nos últimos 150 anos ca nos 2000 anteriores.

Así mesmo, e por citar un dos poucos peros que se lle poden por ao libro, está todo moi centrado en Inglaterra: o desenvolvemento das típicas mansións inglesas, da campiña inglesa, da sociedade inglesa, do vocabulario doméstico en inglés,… Aínda que era normal que o autor escollese esta autolimitación, para os foráneos pode quedar un tanto aburrido.

En definitiva, pode non ser un libro tan tan redondo coma o de Unha breve historia de case todo pero o seu tema o converte nunha obra a ter en conta por calquera interesado na tecnoloxía e a súa historia.

 

Posible uso do libro na área de tecnoloxía:

Penso que o libro podería figurar na biblioteca de calquera profesor ou profesora de Tecnoloxía, en especial calquera que teña interese en facer traballos interdisciplinarios.

Unha vez lido o libro é factible consultalo a modo de enciclopedia para utilizar a información do desenvolvemento dunha innovación determinada. Por exemplo, para realizar unha proposta de traballo do análise e estudo da evolución dun obxecto cotiá, que pode complementarse coa visita á exposición Deseño de Sistemas. Escola de Ulm na sede de Vigo da Fundación Barrié (ata o 14 de Outubro). Nesta exposición, breve e sinxela, pero de alto interese para os interesados no deseño, hai varios exemplos de tecnoloxía cotiá (xoguetes, mobles, electrodomésticos,…) que no seu momento foron innovacións revolucionarias.


O museo dos sons en perigo de extinción

Témome que isto vaille gustar máis á xente da miña idade que á máis nova: The Museum Of Endangered Sounds.

Trátase dunha web que recompila aqueles sons procedentes dunha tecnoloxía xa obsoleta, pero que formou parte das nosas vidas: A cinta de casete, o lector de disquetes, a cinta de vídeo, a roda dun teléfono ou os xogos de 8 bits.

Véñenme á cabeza moitos máis sons que agora nunca escoitamos, pois foron substituídos por outros que, á súa vez, en pouco tempo serán substituídos por outros novos.

Mentres que a tecnoloxía se vai facendo cada vez máis silenciosa (pensade nos últimos portátiles con discos duros de estado sólido e sen lector de CD), nós cada vez xeramos máis ruído. Non está de máis acompañar de sons o estudo da nosa historia, porque desde logo que forman parte da mesma.

Clica aquí para visitar o museo

(Vía @ComandanteTom_)


Aparellos ximnásticos do século XIX

Chegan as vacacións, o solciño, e comeza algunha xente a apuntarse ao ximnasio para intentar lucir un corpo máis xeitoso na praia. Alí atopan aparellos controlados por ordenador cheos de funcións, con pantallas que amosan os datos recibidos de múltiples sensores repartidos polas máquinas.

Pero a cousa non foi sempre así. A evolución destes trebellos non é allea ao desenvolvemento tecnolóxico. Mira esta galería de aparellos de ximnasia do século XIX e compáraos cos actuais.

(Ver en SlideMyPics) (Visto aquí)

A roupa deportiva sufriu tamén unha gran evolución, verdade?

Non hai escusas, a operación bikini é hoxe máis fácil ca nunca, polo menos no referente á tecnoloxía utilizada ;-)


(Venice Beach, California, EEUU. 1932.)


A historia da aviación en tres minutos

ХудожникRepasando o lector de feeds, que hai tempo que teño moi abandonado, atopei en Microsiervos este xenial vídeo de Aaron Bristow y Adam Evans que resume a historia da aviación en tres minutos:

[youtube: Animated History Of Aviation]

No blogue Fronteras podemos ver a información ampliada sobre os diferentes sistemas que van aparecendo no vídeo.


Museo dos obxectos obsoletos

Curiosa canle de youtube que descubrín grazas a @iulium18:
The Museum Of Obsolete Objects.

Pertence á empresa de deseño alemá Jung von Matt, e presenta unha serie de obxectos xa en desuso dos que podemos ver o ano de creación, o ano en que se deixou de usar e un vídeo no que se mostra o seu funcionamento.
Se queremos, podemos propoñer a inclusión doutros obxectos deixando unha suxestión nos comentarios.

Incluso atrévense a prognosticar o ano da morte dalgún obxecto que aínda usamos, como o rato de ordenador: morrerá, segundo eles, no 2015!

Atrevédesvos a por a data de morte dos obxectos que máis usades hoxe en día? Que haberá no seu lugar?