Antes e agora: Como cambiaron esas cousas que nos rodean

Antes e Agora é un dos traballos que fixo este curso o alumnado de 4º de ESO.

antesagora.jpg

O obxectivo fundamental foi investigar sobre a evolución tecnolóxica que sufriron esas cousas que nos rodean e que usamos día a día e reflexionar sobre a importancia de tecnoloxía na mellora da nosa vida, facéndoa cada vez máis cómoda.

Dedicámoslle moi pouco tempo á realización deste traballo (2 horas de clase e algo de traballo na casa), pero maila iso creo que o resultado non está mal, pois foron moitos alumnos e alumnas os que incorporaron fotografías e vídeos propios de cousas que teñen na casa vendo a evolución do que teñen máis preto.

Por exemplo, podemos ver como se elaboraba o pan, antigamente a man e agora con maquinaria industrial, con fotos e vídeos caseiros. Tamén a evolución dos ferros de pasar, das cociñas, das aspiradoras, … e incluso dos váteres.

Observaron tamén que todos estes trebellos electrónicos coma os teléfonos móbiles, consolas, monitores ou os dispositivos de almacenamento de información aos que tan acostumados están non teñen tantos anos, ou descubriron que as calculadoras non foron sempre electrónicas como as que temos agora, ou que antes había que pinchar unha agulla para poder escoitar música.

Non faltou ao final unha reflexión moi imaxinativa sobre como seguirán evolucionando estas cousas nun futuro, pero quedou isto sen incorporarse ao traballo. Mágoa non telo engadido e volver dentro duns anos para ver se se cumpriron as predicións.


O primeiro e-book naceu en Ferrol en 1949

Alixeirar o peso das mochilas, facer máis atractiva a aprendizaxe e adaptar o ensino ao nivel de cada estudante non son necesidades de agora. En 1949 a mestra Ángela Ruiz Robles xa pensaba niso, e deseñou a máquina taquimecanográfica, un mapa e atlas lingüístico gramatical e unha enciclopedia mecánica.

g16p64f2.jpg

A enciclopedia mecánica constaba de dúas partes:

thumb_600_87_01.jpg A primeira, de coñecementos básicos (lectura, escritura, numeración e cálculo), funcionaba facendo presión en abecedarios e números, de xeito que se podían formar sílabas, palabras e leccións.

A segunda funcionaba con bobinas, cada unha dedicada a unha materia, de xeito que quedaban recollidos nun só libro os contidos das materias de estudo dun curso.

Todo ese sistema atopábase protexido baixo unha lámina transparente con cristal de aumento. Tamén incorporaba luz para poder ler na escuridade, e incluso incorporaba sons coas explicacións de cada tema. Fixo un equivalente mecánico aos novos lectores de libros electrónicos.

(Visto en La Voz de Galicia)

60 anos despois e en plena era dixital aínda vemos aos estudantes cargados con pesados libros de papel nas súas mochilas. Non resulta coherente cando xa existe a posibilidade de almacenar abundante información e interactuar con ela en pequenos dispositivos portátiles.

Aínda que xa se está a por en marcha o Plan Escola 2.0 (en Galicia Abalar), a lentitude coa que se vai implantar pode dar lugar a que cando chegue a todo el alumnado se estea a dotar as aulas cunha tecnoloxía obsoleta.

Outros problemas importantes son as reticencias do profesorado, a falta de formación didáctica ou as presións exercidas polas editoriais e as empresas de software.

Utilizando software libre e contidos educativos abertos calquera familia tería que pagar unicamente polo dispositivo a utilizar (ultraportátil ou e-reader), que pode servir varios cursos, o cal supón un custo moi inferior ao que se está a pagar actualmente polos libros de texto, ademais de alixeirar moitísimo o peso das mochilas e permitir que alumnado traballe con soportes e formatos imprescindibles na actualidade.

Bueno, a ver se vai chegando aos centros isto do Abalar, e agardaremos a que non sexa unha ilusión, como puido ser a “enciclopedia mecánica” para moitos centros na súa época.


Historia visual de Internet

Se queredes saber de forma visual e rápida como evolucionou Internet recoméndovos esta animación flash de Discovery Chanel: Internet.

internet_discovery.png

Seleccionamos na ruleta a década que queremos ver e premendo nas flechas do teclado imos avanzando no tempo e vendo os acontecementos máis importantes de Internet.

Aparecen curiosidades. Por exemplo, a primeira mensaxe que se intentou enviar a través da rede en 1969 foi a palabra “login”. O “l” e o “o” chegaron ao seu destino, pero o sistema colapsouse ao chegar ao “g”. Comparádeo cos millóns de datos que circulan hoxe en día pola rede.

Feliz viaxe no tempo!

(Visto en villaves56)


A historia do mundo a través dos obxectos

History of the World é un recurso realizado pola BBC e o Museo Británico que se centra na historia do mundo a través dos obxectos que fabricamos, dende as primeiras ferramentas de pedra ata a telefonía móbil. Os obxectos son os que se atopan nos museos británicos, así que podemos botar en falta moitas cousas.

historyoftheworld.gif

Mediante unha aplicación flash podemos acceder aos diferentes obxectos segundo a súa época. Clicando no que nos interese accedemos a máis información, fotos e vídeos.

Tamén podemos buscar obxectos por temas (por exemplo, ciencia e tecnoloxía), cultura, material de fabricación, cor, etc.