O camiño da electricidade

Aquí tedes algúns materiais de apoio aos apuntamentos de clase, e que vos poden axudar a facer os traballos sobre as instalacións eléctricas que tedes nas vosas vivendas.

Xa coñecemos o funcionamento dos diferentes tipos de centrais eléctricas. A enerxía eléctrica xerada nelas debe chegar agora ás nosas casas. O camiño que segue podémolo ver na seguinte infografía de Rede Eléctrica de España, e constitúe o que chamamos rede de distribución pública:

O centro de control eléctrico (CECOEL) é o responsable da operación e supervisión coordinada en tempo real das instalacións de xeración e de transporte. Garante a continuidade e seguridade do subministro eléctrico mantendo en constante equilibrio a xeración e o consumo.

Para entender como funciona podes realizar una visita virtual ou xogar ao xogo “CONTROLA, simulador de control eléctrico“. A misión é manter o subministro eléctrico ante incidencias diversas, controlando la produción das centrais para dar resposta ao consumo en núcleos urbanos e industriais.

A instalación de enlace une a rede de distribución pública coa instalación interior de cada vivenda.

Para comprender agora por onde entra a electricidade nun edificio de varias vivendas temos esta infografía de educarex.es:

A instalación eléctrica interior é a que temos dentro da vivenda. Cada derivación individual chega a unha vivenda a través do Cadro Xeral de Mando e Protección que se atopa á entrada da mesma.

Outro material que pode ser útil é o que nos ofrece digital-text: “Instalaciones de la vivienda

– – – – – – – – – –

Para axudarvos a identificar todo isto nas vosas casas, desde o poste ou desde a acometida ata o cadro de mando e protección, poden servirvos estes documentos de Foremfe Elea, nos que se ilustran as diferentes partes con fotografías:

  1. Caixa de protección
  2. Centralización de contadores
    (Isto válevos aos que vivides nun edificio de varios pisos. Nas casas unifamiliares o que soedes ter é unha caixa de protección e medida. Mirade os apuntamentos de clase.)
  3. Cadro eléctrico de distribución.

 

Orientacións para os traballos:

  • Saca fotografías de todo o percorrido, polo menos desde a acometida, e engádelles descricións aos distintos elementos. Se podes, intenta atopar o poste eléctrico e o transformador de media a baixa tensión.
  • Se decides facer un vídeo, débese escoitar ben toda a explicación.
  • Se o cadro xeral de mando e protección da túa vivenda está sen etiquetar, engade etiquetas identificativas debaixo de cada interruptor.
  • Fixándote no cadro, fai un esquema unificar da instalación.

 

Cando remates o traballo podes botar unha partida ao xogo simulador do centro de control eléctrico “controla”.


Xogo: Alto aos desastres!

A Estratexia Internacional para a Redución dos Desastres (EIRD), das Nacións Unidas ten coma obxectivo reducir o número de persoas mortas e feridas que causan os desastres provocados por perigos naturais propoñendo medios e medidas necesarias para reducir os efectos dos incendios, innundacións, tsunamis, furacáns, etc.

Mellorar as construcións, poñer barreiras naturais e artificiais, lexislar para non permitir construír en lugares de risco, protexer instalacións vitais e educar á poboación son algunhas das accións necesarias para preparar unha zona ante un posíbel desastre e minimizar o seu impacto.

Queres probar como xestionarías ti esta labor? Proba o xogo Alto aos desastres!

altoaosdesastres.png

A túa misión consiste en planear e construír un entorno seguro nunha unha zona determinada do mapa. Debes avaliar os riscos e tomar as decisións necesarias para minimizar o impacto dun desastre sobre a poboación.

Sorte!

(Vía: @luis_en_transit)


Pipe Down 3D

Realizar unha intalación de auga, gas ou calefacción nunha vivenda ou cidade pode que non sexa tan doado como pensamos, e tampouco as instalacións pneumáticas e hidráulicas. Se non o cres mira esta foto:

pipes
(imaxe de darkroastedblend.com)

Queres probar a túa habilidade?
Vai a Pipe Down 3D e axusta as tubarías correctamente para que a bola chegue ao seu destino. Debes botar man da túa visión tridimensional.

pipedown


PlayPump

PlayPump é un tiovivo que utiliza a enerxía desbordante dos nenos e nenas para mover unha bomba que recolle auga do subsolo e a leva ata un depósito, para logo distribuíla a través de fontes á poboación.

playpump_2.jpg

Xa están instaladas máis de 1000 bombas de auga deste tipo en escolas de Sudáfrica, Mozambique, Zambia e outros países africanos, axudando non só ao acceso á auga potábel das comunidades locais, senón tamén á educación dos nenos e nenas, que antes non ían á escola porque tiñan que percorrer tódolos días varios quilómetros na procura de auga.

playpump_1.jpg

Poderíase engadir ao patio da escola outro tiovivo similar que servise para producir electricidade.

(Visto en technabob.com)