Historia visual de Internet

Se queredes saber de forma visual e rápida como evolucionou Internet recoméndovos esta animación flash de Discovery Chanel: Internet.

internet_discovery.png

Seleccionamos na ruleta a década que queremos ver e premendo nas flechas do teclado imos avanzando no tempo e vendo os acontecementos máis importantes de Internet.

Aparecen curiosidades. Por exemplo, a primeira mensaxe que se intentou enviar a través da rede en 1969 foi a palabra “login”. O “l” e o “o” chegaron ao seu destino, pero o sistema colapsouse ao chegar ao “g”. Comparádeo cos millóns de datos que circulan hoxe en día pola rede.

Feliz viaxe no tempo!

(Visto en villaves56)


Digalego no navegador

Mentres a Consellería de Educación quere poñernos cada vez máis difícil aprender galego, a tecnoloxía vai poñéndonos as cousas máis doadas.

A través do Xornal.com atopei unha aplicación de Digalego que permite consultar o significado de calquera palabra en galego desde calquera páxina web premendo só un botón. (Grazas @chevarria_gz)

logo-diccionario.gif

Vai a digalego.com e arrastra “Buscar en Digalego” á barra de marcadores ou favoritos. Cando desexes saber o significado dunha palabra en galego que apareza en calquera web, só tes que seleccionala e premer na ligazón. Sairá unha xanela emerxente co significado en galego, sinónimos e a tradución a outras linguas.

No Xornal.com póñennos isto aínda máis fácil, pois non tes que ter instalado nada, senón que facendo dobre clic sobre calquera palabra aparece a xanela do dicionario coa súa definición.

En Internet, tamén en galego!


Manifesto “En defensa dos dereitos fundamentais en Internet”, tamén en feminino.

ethernet_espaguetti.jpgtecnoloxia.org súmase ao Manifesto na defensa dos dereitos fundamentais en Internet, pois defende unha Internet libre, democrática e participativa que permita e promova o acceso á cultura e ao coñecemento a tódalas persoas.

Modifico o manifesto orixinal corrixindo a linguaxe sexista utilizada, pois internet é de tódalas persoas, homes e mulleres. As mulleres estamos, e só hai que facelo visible.

Este manifesto, elaborado de forma conxunta por varias persoas, é de todas e de ningunha. Publicouse en multitude de sitios web. Se estás de acordo e queres sumarte a el, difúndeo por Internet.

Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet

Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentábel das modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, xornalistas, blogueiros e blogueiras, usuarios e usuarias, profesionais, creadores e creadoras de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que …

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais da cidadanía, incluíndo o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e a liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é e debe seguir sendo unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza.
Este anteproxecto, ao contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura, a potestade de poder impedir o acceso das cidadás e cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da nosa economía, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e creadoras e dificulta a creación cultural.
Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industria culturais, se non de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores e autoras teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións.
Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio baséase no control das copias dos traballos e na Internet non é posíbel sen violar os dereitos fundamentais, haberán que atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, cribles, accesíbeis e que atendan aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sendo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno asegure por lei a neutralidade da rede en España, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentábel para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan os dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata de outro tema.

Máis información na web da asociación de internautas


tecnoloxia.org entre os 10 primeiros blogues de educación

bitacorascom.pngNon esperaba este éxito de tecnoloxia.org premios bitacoras.com, pero segundo a II clasificación parcial este blogue está entre os 10 mellores blogues de educación votados polo público.

Quero dar as grazas a todas as persoas que destes o voso voto, e animar a quen aínda non votou para axudar a que tecnoloxia.org non baixe desa posición. Aínda tedes ata o 30 de outubro.

Hai que rexitrarse aquí, e logo votar na categoría de educación.

Polo que vin, Capítulo 0 e tecnoloxia.org son os únicos blogues escritos nunha lingua diferente ao castelán que están entre os primeiros posicionados nas diferentes categorías, e esa lingua é o galego. Dende logo que é un bo apoio á presenza da lingua galega en Internet. Así que un voto tamén para Capítulo 0 na categoría de blogues gastronómicos.