tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

A traxedia electrónica

la tragedia electronicaCosima Dannoritzer, autora do documental “Mercar, tirar, mercar” que desvela como a industria se esforza en limitar conscientemente a vida útil dos produtos ao servizo da economía, ten outro interesante traballo: “A traxedia electrónica“, sobre o negocio mundial existente ao redor dos residuos electrónicos, a súa reciclaxe ilegal e o tráfico desde Europa e EEUU ata os vertedoiros de Ghana e China, que destrúe o medio ambiente e pon en risco a vida de milleiros de persoas en África e Asia.

Cada vez que nos desfacemos un produto electrónico cómpre ser consciente da vida que vai ter despois. Que podemos facer para pór remedio a isto?

[youtube: La tragedia electrónica, Documentos TV]

Vertedoiro sonoro

Vertedoiro sonoro é unha interesante iniciativa consistente en construír instrumentos musicais con material de refugallo.

vertedoiro.jpgvertedoiro2.jpg

Comparten a súa investigación lixo-sonora explicándonos o material utilizado, os pasos a seguir para construír os instrumentos, imaxes, e tamén, como non podería ser doutro xeito, un arquivo de audio co son obtido para cada instrumento.

Claro que non tódolos instrumentos son inventados por eles. Non podería faltar este tradicional instrumento galego feito con cunchas de vieiras:

vertedoiro_vieiras.jpg

Gústache a música? Proba construír os teus propios instrumentos con cousas que atopes pola casa.

Ligazón ao vertedoiro sonoro

Reutilizando disquetes

Os disquetes sons eses dispositivos de almacenamento de datos que utilizábamos hai anos e que xa son tecnoloxía obsoleta.
Moita xente xa os tirou hai tempo ao lixo, pero se aínda tes disquetes na casa aí van unhas ideas de reutilización:

(Slidemypicks)

Se che gusta pintar, podes utilizalos como soporte para as túas obras, como fai o artista Nick Gentry

E qué che parece reutilizar cassettes?…

Cloaca Nº 5

Cloaca Nº5 é unha máquina-escultura que reproduce o sistema dixestivo humano, dende a masticación ata a excreción, e forma parte dunha serie de máquinas coa mesma función: Cloaca Factory.

cloaca01.jpg

Aliméntase dúas veces ao día cos restos da cafetería durante a exposición e, ao final do proceso, a máquina produce feces que logo envásanse ao baleiro.

cloaca04.jpg

O propio artista, Wim Delvoye, recoñece que esta máquina é inútil, que non vale para nada, pero como intervención artística que é ten un fin reflexivo, pois explora a actual cultura consumista e xeradora de resíduos.

Este tema precisamente está de actualidade no noso IES. A semana pasada o alumnado do ciclo fixo unha instalación e intervención educativa sobre os desperfectos e a xeración de lixo. Despois dos recreos vemos como unha manta de residuos cubre o chan dos patios e corredores: papeis de chicles, anacos de bocatas, servilletas, latas, … Consumimos, pero non pensamos en todo ese material inservible que producimos diariamente.

Necesitaremos instalar no insti unha máquina-cloaca que trate e recicle todo ese refugallo?

cloaca.jpg

A mellor opción é concienciarse, usar as papeleiras, consumir menos produtos envasados e reciclar. Pero iso depende de cada quen. Non necesitamos ningunha máquina para manter o instituto máis limpo. Ou si?…

Lixo creativo

taller_cirquit_beding_02_p.jpgBasurama é un colectivo dedicado á investigación e á xestión cultural desde 2001 que centrou a súa área de estudo e actuación nos procesos produtivos e na xeración de lixo que estes implican. Nacido na Escola de Arquitectura de Madrid, aborda a produción de lixo na sociedade de consumo a través de actividades creativas de diversa índole, aportando novas visións que actúan coma xeradoras de pensamento crítico.

Entre as súas accións atopamos obradoiros e exposicións de traballos feitos con material de refugallo de todo tipo, incluídos vellos ordenadores, ou a construción de instrumentos musicais e posterior concerto con eles.

Tamén están Circuit Bending e Obsoletos, proxectos de investigación, creación e difusión de sistemas creativos de transformación de residuos electrónicos.

Outras actividades desenvolvidas en Basurama pódense consultar nesta páxina, e as que aínda non se atopan arquivadas estan en proxectos recentes.

taller_obj_5.jpgOs escasos orzamentos cos que traballamos na educación secundaria, que nos conducen inevitablemente a botar man de material de refugallo para a construción dos prototipos desenvolvidos na aula, tamén nos axudan a ser conscientes da cantidade de lixo que xeramos e tiramos e que aínda se pode reutilizar.

Os cargadores dos vellos móbiles válennos coma fontes de alimentación, os vellos ordenadores que ninguén quere aínda pódense aproveitar para traballar con aplicacións que non requiren moita memoria ou velocidade de procesamento, dos vellos xoguetes que o alumnado aínda garda na casa podemos aproveitar motores, interruptores, LEDs, mecanismos, e un longo etcétera.

Non está de máis, nesta sociedade consumista na que vivimos, que tratemos nas aulas o tema dos resíduos dende un punto de vista crítico, e a utilización creativa do lixo paréceme unha forma eficaz de abordalo.…