tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Electrotecnia e robótica como novidades?

Leo con estupor un artigo publicado este xoves no Faro de Vigo, “Educación incorporará electrotecnia a las materias opcionales en Bachillerato“, no que se presentan as materias de electrotecnia e de robótica como novidades introducidas recentemente no sistema educativo galego, dando a entender un impulso da administración educativa cara á educación tecnolóxica.

Nada máis lonxe da realidade!

Para quen non estea ao tanto do que sucede na educación, gustaríame indicar unha serie de cousas que poden axudar a ler este artigo cunha visión crítica.

Electrotecnia

electrotecniaA materia de Electrotecnia existe no sistema educativo desde a implantación da LOGSE, hai máis de 20 anos. Era unha materia troncal en 2º de bacharelato, de 4 horas semanais, primeiro na modalidade de Tecnoloxía do bacharelato LOGSE e despois na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía coa LOE. Desde a aprobación da LOMCE, a modalidade de Ciencias e Tecnoloxía pasa a ser modalidade de Ciencias, a secas, a Electrotecnia elimínase do programa e Tecnoloxía Industrial I e II deixan de ser materias troncais, pasando a ser específicas cunha carga horaria reducida.

Se ben hai que alegrarse de que en Galicia se recuperase a electrotecnia no bacharelato dentro das materias de libre configuración, aínda que sexa cunha ínfima carga horaria de 2 horas semanais, non é de recibo que se presente como se fose unha novidade, e menos dar a entender que se aposta pola orientación cara os estudios científico-técnicos, cando a LOMCE elimina a vía tecnolóxica do bacharelato.

Robótica

2054-brazo-robot-dibujante-01Outra materia que se presenta coma novidade é a Robótica. Se ben é certo que se se introduciu o curso pasado ma materia a robótica de libre configuración de 2 horas semanais en 1º de bacharelato, cabe facer un par de consideracións, que non se teñen en conta neste artigo.

A robótica está incluída no currículo de Tecnoloxía de 4º de ESO desde o ano 2006. Tamén se inclúen contidos de programación, control e robótica en todos os cursos de Tecnoloxía da ESO e na materia de Tecnoloxía Industrial do bacharelato. Polo tanto, non é algo novo no sistema educativo. É para alegrarse de que por fin a Consellería de Educación teña reservada unha partida orzamentaria para equipar aos centros, pero xa tardou en facelo. Galicia é a única comunidade autónoma na que non se realizou ningunha dotación específica para traballar os contidos de robótica que temos no currículo de tecnoloxía desde o ano 2006, e en todo este tempo os centros tivemos que buscarnos a vida para poder traballar. Xa choveu!

Outro dos problemas que ten esta nova materia de robótica é que na maioría dos centros, especialmente os pequenos, non se pode ofertar. A combinación de horas no 1º curso de bacharelato impide que se poda cursar a materia de Tecnoloxía Industrial e a de Robótica conxuntamente, a non ser que se obrigue ao alumnado a cursar relixión, cousa que se intenta evitar, evidentemente.

Minifundismo curricular

minifundioHai unha cousa que me preocupa enormemente do que está a suceder en cada reforma educativa, e é a continua parcelación e fragmentación do coñecemento que se está a producir. Proliferan as materias de 1 e 2 horas semanais a costa de reducir a carga horaria doutras. Non ten sentido, agás para facer publicidade e saír nos medios presumindo da aposta por determinados campos do coñecemento, neste caso a tecnoloxía e a robótica.

Hai que salientar que a robótica non é unha disciplina en si mesma, senón que é un conxunto de tecnoloxías, nas que se integran a mecánica, electricidade e electrónica, estruturas, programación, proxectos, etc. Onde mellor se traballa non é nunha materia illada, senón no seo dunha materia global na que se tratan todos estes temas, como poden ser a materia de Tecnoloxía da ESO ou na de Tecnoloxía Industrial do bacharelato.

A fragmentación do coñecemento en disciplinas illadas e con reducida carga horaria non é educativamente eficaz, pois non hai continuidade, non hai visión global e non dá tempo á realización de proxectos complexos. É moitísimo máis eficaz a aprendizaxe en 1º de bacharelato con 4 horas de tecnoloxía industrial, que con 3 + 2 horas de Tecnoloxía e robótica, pero nin sequera isto é posible, xa que non se poden ofertar conxuntamente. O alumnado ou ten 3 horas de tecnoloxía Industrial ou 2 horas de robótica, cando antes eran 4 horas de tecnoloxía. Empeoramos moito na educación tecnolóxica, por moita publicidade que fagan.

Propostas

Como amañar isto?

Para empezar, cómpre algo de cordura no sistema educativo, que deixen de tomar decisións á lixeira coa intención de sacar réditos políticos e se faga unha proposta curricular global, seria, sensata e coherente. Non podemos seguir coa pelexa de horas para ver quen apaña o cacho máis grande do pastel curricular, o que conduce a situacións completamente insostibles e ineficaces. Témome que pido moito.

Derrogar a LOMCE e repensar o sistema educativo. Non chega con intentar frear as nefastas reválidas ou cambiar o status da relixión. A organización curricular e os propios currículos non hai por onde collelos.

Recuperar a vía tecnolóxica no bacharelato, con materias troncais ao mesmo nivel que outras. A tecnoloxía non pode ser un complemento de segunda categoría cando se quere apostar pola orientación cara aos estudos STEM (Ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Coa LOMCE a cousa se queda en SM, pois non se considera a tecnoloxía e a enxeñería como opción formativa. Para iso cómpre tamén recuperar a tecnoloxía de 4º de ESO como válida para calquera orientación, tanto de FP como para o bacharelato.  Coa LOMCE queda relegada á vía dirixida a FP e non na vía de ensinanzas académicas.

E se non teñen intención de parar a LOMCE, no bacharelato polo menos se podería asignar unha hora semanal a unha materia específica, para que poda utilizarse como alternativa á relixión. Dese xeito si se poderían cursar Tecnoloxía Industrial e Robótica simultaneamente. A materia de “cultura científica” podería ser unha boa opción, ciencia como alternativa á relixión.

En fin, se queren demostrar interese pola orientación académica cara ós estudos tecnolóxicos fai falta máis compromiso real e menos publicidade.…

A tecnoloxía: Unha actividade menor?

Hoxe voume desafogar un pouco.

Aínda só é un borrador, pero proximamente vaise publicar o “Decreto polo que se establece o currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia”, decreto que, xunto coa LOMCE do Ministerio de Educación, constitúe unha absoluta aberración no tratamento da Educación Tecnolóxica.

En 4º de ESO, se non mudan as cousas, o alumnado da vía de ensinanzas académicas dirixida cara o Bacharelato non vai poder cursar a materia de Tecnoloxía. Por que se impide que un alumno ou alumna interesados nas enxeñarías ou nos estudos técnicos superiores de FP poda estudar contidos coma os de electrónica analóxica e dixital, pneumática, programación, robótica ou sistemas de comunicación que aparecen no currículo de Tecnoloxía de 4º de ESO? Tecnicamente a LOMCE non impide isto, e é a propia Consellería de Educación a que establece esta limitación impedindo que o alumnado curse materias que non sexan da súa propia opción (Artigo 14-4-9º).

No Bacharelato a LOMCE fai desaparecer a “Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía” e cámbiaa por “modalidade de Ciencias”, a secas, deixando as materias tecnolóxicas nun segundo plano, que deixan de ser materias de modalidade para converterse en meras optativas. A Consellería de Educación agrava a situación reducindo a carga horaria asignada a Tecnoloxía Industrial, que pasa de 4 a 3 horas lectivas semanais, e a de TIC, que pasa de 4 a 2 horas.

Só se pode entender esta situación desde unha concepción escolástica da educación, entendida coma un exercicio teórico, memorístico, academicista e afastado de referencias empíricas e prácticas, e na que a tecnoloxía é entendida coma unha actividade menor polas elites culturais. Para quen nos goberna, a tecnoloxía non forma parte da cultura. O que se está a ofrecer nos currículos LOMCE é unha educación que consiste na transmisión de saberes cristalizados que se ensinan de forma dogmática e abstracta, e na que o alumnado ten o papel de almacenar no seu cerebro datos e máis datos de forma memorística para despois vomitalos nunha reválida consistente nun exame de tropecentasmil preguntas tipo test. A resolución de problemas teóricos e prácticos, o traballo en equipo, o deseño, construción e avaliación de prototipos que cumpran unha función determinada, con múltiples solucións posibles e nos que se deben resolver problemas prácticos que non están predefinidos e que non se poden avaliar nunha reválida non caben nun sistema baseado nesta concepción da educación.

arduino_montaxeResulta inconcibible este tratamento no século XXI, no que a tecnoloxía evoluciona a un ritmo vertixinoso, transformando continuamente a nosa maneira de vivir, traballar, relacionarnos ou comunicarnos. A tecnoloxía forma parte da nosa cultura, e cómpre entendela, traballar con ela e ser capaz, non só de usala de forma pasiva, senón tamén de forma activa, resolvendo problemas técnicos e creando dispositivos e sistemas que resolvan problemas e necesidades, especialmente para quen desexa dirixir a súa formación postobrigatoria cara ós estudos superiores técnicos, precisamente os máis demandados no mercado laboral aínda nunha situación de crise como a que estamos a vivir.

Iso si, despois son quen de vendernos nos medios de comunicación o modernos e interesados que están na tecnoloxía introducindo unha materia de programación como optativa dunha hora semanal en 1º de ESO, cando realmente o que fan é estragar completamente a educación tecnolóxica impedindo que o alumnado interesado nela poda cursala.

Aínda sería posible mudar o decreto de Galicia, e agardo tamén que se derrogue o antes posible a LOMCE e se deseñe unha Sistema Educativo estable e consensuado, pero tamén moderno, equilibrado e afastado de prexuízos e concepcións erróneas e nesgadas das distintas disciplinas.

Por desgraza, a aprobación da LOMCE cos seus incongruentes currículos cheos de erros e a aplicación desta lei a fume de carozo sen dar tempo aos centros e ao profesorado a planificar o vindeiro curso son unha absoluta irresponsabilidade. Mentres, a pesar dos sucesivos cambios de leis, dos incongruentes currículos aprobados e no marxe que teñamos, moitos profesores e profesoras de tecnoloxía seguiremos traballando como cremos que debemos facelo, por responsabilidade.…

Non á LOMCE

Hoxe toca manifestarse en contra da nova lei educativa: a LOMCE.
Son miles as razóns para estar en contra desta absurda e inxusta lei, inaceptable para todas aquelas persoas que defendemos unha educación pública de calidade. Só agardo que se impida a súa implantación, e que chegue o día en que os representantes políticos sexan capaces de tomarse a educación en serio e de chegar a un acordo que dea estabilidade ao sistema educativo, garantindo o acceso a toda a poboación a unha educación pública de calidade en calquera nivel, acadando deste xeito unha sociedade máis culta, máis competente e máis libre.

Tecnoloxía en Acción. Se a tecnoloxía se para, párase todo.

Co proxecto de LOMCE aprobado polo Consello de Ministros, e a falta de todo o trámite parlamentario, a Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, coa axuda económica desinteresada da xente a través de croudfunding, acaba de poñer en marcha a campaña “Tecnología en Acción“, coa finalidade de explicar á sociedade que facemos en Tecnoloxía da ESO e do Bacharelato, como traballamos nestas áreas, e poñer en valor unhas ensinanzas que están sendo completamente infravaloradas e apartadas no actual proxecto de reforma educativa impulsada polo ministro Wert.

A campaña comeza cunha serie de vídeos nos que un grupo de profesionais de diversos ámbitos se reúnen para falar dun tema común: Se a tecnoloxía se para, párase todo.

Podédelos ver aquí:

Sentenciaron á Tecnoloxía á pena de morte.

Xullo Olmo (Profesor Secundaria Tecnoloxía. IES Lluís Vives. Valencia).
A nova LOMCE fai que a materia de Tecnoloxía desapareza en idades temperás e no Bacharelato. Perplexidade nos docentes, malgasto de recursos, coñecementos e experiencias adquiridas durante 25 anos que desaparecen mentres outras materias como a Relixión cobran importancia.

[youtube: Han sentenciado a la tecnología a pena de muerte ]

Todo é tecnoloxía.

Javier Turégano (Decano Colexio Oficial Enxeñeiros Industriais CV)
Desde que nos erguemos ata que nos deitamos facemos un uso continuado de tecnoloxía. Introducir os seus conceptos desde mozos e mozas é fundamental porque a tecnoloxía é o que move o mundo.

[youtube: Todo es tecnología]

Non coñecen a materia de Tecnoloxía.

Tàfol Nebot (Profesor de Secundaria Tecnoloxía. IES Torre do Rei. Orpesa. Castelló)
Todo o mundo ten moi claro que a tecnoloxía é moi importante para un país, que fan falta enxeñeiros, etc. O problema é que a xente descoñece o contido e o valor desta materia. Cambiando o nome cambiarían as cousas? E se a chamásemos enxeñaría?

[youtube: No conocen la asignatura de Tecnología]

A tecnoloxía, unha aposta do país.

Eduardo Vendrell (Director ETS Enxeñaría Informática. Universitat Politècnica de València)
Un país ten que planificar onde quere estar. Para medrar, ou ten recursos naturais, ou é de servizos e man de obra barata ou é un país que basea o seu crecemento no coñecemento e na innovación. Queremos ser un país de man de obra barata e de servizos? Queremos ser un país punteiro? Sexa o que sexa hai que crealo desde a base.

[youtube: La tecnología ha de ser una apuesta del país]

Estamos carentes de industria

Pedro Beira (Director Instituto de Biomecánica. Universitat Politècnica de València)
Esta materia é necesaria para coñecer como se vive hoxe en día e as posibilidades que nos ofrece a tecnoloxía. Ademais permite aterrar coñecementos abstractos como as matemáticas e, por último, a tecnoloxía achega unha gran empleabilidade, máis hoxe en día en que como país estamos tan carentes de Industria.

[youtube: La tecnología es necesaria para vivir]

Campaña en favor da Educación Tecnolóxica

Desde a Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, está a organizarse unha campaña informativa-reivindicativa na que se explicará que é a Tecnoloxía e a contribución da EducaciónTecnolóxica no Sistema Educativo, coa fin de facer ver o nefasta que pode ser a eliminación destas ensinanzas, tal e como se prevé na LOMCE.

Para poder levala a cabo necesítase a vosa colaboración económica, que podedes facer a través da plataforma de crowdfunding lanzanos.com. O procedemento é moi sinxelo e seguro.

Eu xa fixen a miña contribución :-)…