O motor V12 máis pequeno do mundo

En tecnoloxia.com descubrimos este interesante vídeo: Un motor V-12 naval de inxección de aire comprimido construído de xeito artesanal.

Ten 12 cm3 de cilindrada, o diámetro dos cilindros é de 11,3 mm e a carreira dos pistóns é de 10 mm. Funciona con aire comprimido, cunha presión de 0,1 kg/cm2. Está construído con aceiro inoxidable, aluminio e bronce.

[youtube: El motor V-12 más pequeño del mundo]

Pero non nos imos quedar co motor máis pequeno, pois os enormes motores de barcos creo que impresionas máis. Non te perdas o Mega Motor diésel.

Actualización 29/11/2011:
Nesta páxina temos máis información sobre Patelo, o xubilado que se dedica a fabricar minimotores.


Motores de combustión interna

Cando pensamos nun motor o primeiro no que pensamos é no clásico motor alternativo de 4 tempos con 4 cilindros, pero hai moitos outros modelos. Imos ver uns cantos.

4-Stroke-Engine.gifMotores de 4 tempos:

O motor alternativo de combustión interna aproveita a forza expansiva dos gases inflamados no interior dun cilindro para proporcionar así o traballo útil necesario para a propulsión mecánica.

motor4tempos.gif

Poden ser motores de acendido por chispa (Gasolina) ou motores de acendido por compresión (Diésel). Xa vimos en clase os tempos e diferenzas, e aquí póñovos uns vídeos nos que podemos ver mais detalles:

[youtube playlist: Motor4tempos]

motor2t2.gif

Motores de 2 tempos:

O motor de dous tempos é un motor térmico de combustión interna con acendido provocado que realiza as catro etapas do ciclo termodinámico (admisión, compresión, expansión e escape) en dous movementos lineais do pistón (1 volta do cegoñal). Utilízase en motores foraborda, motocicletas, motoserras, etc.

Como complemento á explicación vista en clase tedes estes vídeos:
[youtube playlist: Motor2tempos]

Aquí tedes outras animacións: 2tiempos e 2tiempos_valvula.

Radial_engine_WACO_QCF2.jpg

Cantos cilindros?

Aínda que a maioría dos automóbiles utilicen 4 cilindros colocados paralelamente, existen múltiples disposicións posibles.
Por exemplo, en coches de alta gama podemos atopar motores de 6 ou 8 cilindros, e na Fórmula 1 o regulamento marca que deben ser de 8 cilindros en V.

A disposición dos cilindros tamén varía. Podédelo ver neste vídeo:

[youtube: Balance of I.C.Engines]

Os motores radiais ou en estrela que aparecen ao final do vídeo utilizábanse en aviación ata a aparición do motor a reacción.

Nesta animación, por exemplo, podes ver a disposición dos pistóns nunha Harley Davidson

Wankel_Cycle_anim_es.gif

Motor rotativo Wankel

O motor Wankel é un motor de combustión interna con pistón rotatorio en forma de triángulo equilátero de lados curvilíneos que se move no interior do estátor. Unha coroa dentada no interior do rotor fai mover un piñón solidario co eixe do motor.

Aquí podedes ver uns vídeos co funcionamento:

[youtube playlist: MotorWankel]


Videocuestionarios

A través do blogue Recursos Educativos atopei a aplicación ESvideo.

Trátase dun servizo que nos permite crear cuestionarios a partir de vídeos e enviar os resultados. Ten o inconveniente de que non permite til, ñ, º, e outros caracteres, pero é moi sinxelo de usar.

Fixen un pequeno cuestionario de proba sobre o motor diésel para ver como funciona o servizo.


[ESvideo: Motor diésel]

Despois de cubrir o cuestionario podedes enviarme o resultado poñendo:

  • Teacher code: tecnoloxia
  • Class ID: O curso. Por exemplo, se es de 4º PDC pon “4PDC”

Paréceme unha interesante aplicación, que seguramente usarei máis adiante.


Motor de gomas

No blogue “El Tao de la Física” podemos ver as instrucións para montar un interesante motor que funciona con bandas elásticas e unha lámpada que actúa como fonte de calor.

O funcionamento é simple: cando se quentan as bandas de goma, contráense e a súa tensión aumenta, producindo un cambio na posición do centro de masas, o que provoca o xiro da roda.

Aquí tes un vídeo no que se pode ver o seu funcionamento:

Se as tensións de tódalas gomas é a mesma, o centro de masas está no centro da roda e non xira, pero se o centro de masas sae o centro, a roda pesará máis dun lado e xirará de xeito que a parte de maior peso tenda a baixar. Co movemento, as gomas anteriores arrefríanse e serán outras as que se quenten, volvendo a deprazar o centro de masas e facendo xirar a roda no mesmo sentido, e así sucesivamente.

Haberá que facer un para probalo.

Tes uns vídeos coas instrucións no Tao de la Física.


Megamotor diésel

Que vos parece este cegoñal?

rta96c_crank.jpg

Impresionante, non?

Atopei hai uns meses esta foto en “tecnología obsoleta“, e forma parte do motor diésel máis grande en funcionamento, o Wärtsilä-Sulzer RTA96-C, que se utiliza para a propulsión de grandes barcos cargueiros. O motor no seu conxunto mide máis de 13 m de altura e 27 de lonxitude, o seu peso supera as 2300 toneladas e desenvolve unha potencia de máis de 80MW.

rta96c.jpg

Máis fotos, información e características en The Most Powerful Diesel Engine in the World!

 
Actualización 21/11/2011:

Non te perdas esta interesante galería de fotos de shipsnostalgia.com onde nos mostran o proceso de fabricación do motor Doxford entre 1957 e 1958.

Podes ver máis fotos en shipsnostalgia.com