tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Compressorhead, unha banda robótica

Aínda non é algo que poidamos ver en Vigo, pero atopar a actuación dunha banda robótica na programación de concertos xa é algo que sucede nalgúns lugares do mundo.

Compressorhead é unha banda berlinesa de metal formada polos robots Stickboy, batería de catro brazos e dous pés, Fingers, guitarrista de 78 dedos de accionamento hidráulico, e o último en chegar ao grupo, o baixista Bones.

Déixovos un vídeo no que se ve unha actuación de Stickboy e Fingers interpretando TNT, de AC/DC.

[youtube: Fingers and Stickboy TNT]

Podedes ver aquí máis vídeos de actuacións de Compressorhead. A calidade deixa moito que desexar, e vese que aínda lle queda moito que mellorar á música robótica, pero todo se andará.

(Vía: robotic-lab.com)

OpenPipe, a gaita electrónica

As persoas aficionadas á gaita e á electrónica xa teñen un novo xoguete: OpenPipe.

Trátase dun proxecto de gaita electrónica MIDI desenvolvido por @Xulio Coira. Utiliza un tubo de PVC cuns sensores capacitivos que detectan a posición dos dedos. Estes sinais envíanse a unha tarxeta controladora arduino, que utiliza a saída PWM para a xeración de son.

Aquí tes o resultado:

[youtube: OpenPipe meets eChanter]

A cousa mellora cando engadimos unha tarxeta MIDI, pois dese xeito podemos cambiar o instrumento que desexamos que soe.

[youtube: OpenPipe breakout board & Arduino Musical Shield]

Para saber máis sobre este proxecto visita a web de OpenPipe. Alí tes a información sobre os compoñentes utilizados e podes descargar o código fonte utilizado na programación.

Se che interesa como foi levado a cabo este proxecto, podes ver a presentación do mesmo na Castelao Barcamp Vigo 2012

Quinteto de corda robótico

Hoxe é venres, así que imos animar esta fin de semana cun pouco de música. Hoxe traemos un quinteto de corda robótico que é capaz de compoñer e interpretar melodías de forma autónoma.  É obra de Wilfried Stoll e un equipo de enxeñeiros da firma Festo. Aquí tedes o vídeo:

[NewScientist: Robotic instruments compose and perform tune]

O sistema escribe música ao escoitar a un intérprete tocar unha melodía nun xilófono ou nun teclado MIDI.

Unha computadora é capaz de crear unha reinterpretación da melodía descompóndoa en diferentes partes para cada instrumento. Para facelo utiliza unha serie de normas derivadas do xogo do matemático John Conway, Game of Life.

O sinal procesado resultante transmítese ás cordas robóticas: Un actuador eléctrico móvese cara arriba e cara abaixo da cadea para producir o ton correcto e un cilindro pneumático move un martelo para facer vibrar a corda.

Os robots poden escoitarse os uns aos outros, xerando novas variacións do tema orixinal.

A instalación ten o único propósito de demostrar como un sistema manual pode ser substituído por unha rede de robots autónomos. O equipo busca agora automatizar os procesos baseados na teoría evolutiva para transformar as fábricas do futuro. Xa nos informaremos do que se vai acadando, pero de momento quedámonos coa música.

(Visto en alt1040)
 

Se o teu é a música algo máis cañeira, podes ver unha banda de robots interpretar «The Beautiful People» de Marilyn Manson.…

Facendo soar calquera superficie

Chámase Mogees, acabo de velo en microsiervos e encántame.
Trátase dun dispositivo que, a través dun micrófono de contacto e dun software específico (MuBu), é capaz de recoñecer xestos sobre calquera superficie e asocialos a diferentes sons. É obra de Bruno Zamborlin e Norbert Schnell.

Non te perdas o vídeo:
[youtube: Mogees – Gesture recognition with contact-microphones]

 

Os micrófonos son dispositivos capaces de converter o son en impulsos eléctricos.
Os micrófonos de contacto son micrófonos deseñados para detectar formas de onda sonora nun medio sólido no canto de facelo a través do aire. Utilízanse, por exemplo, para recoller o son directamente de instrumentos musicais de xeito que non afecte o son ambiental.

No caso de Mogees, o micrófono detecta vibracións na superficie, que serán diferentes en función da textura e xestos que se realicen sobre ela, e transfórmaas en impulsos eléctricos. Estes datos eléctricos dixitalízanse e, mediante o software MuBu, asóciase un arquivo de audio almacenado nunha base de datos a cada patrón sonoro que recolle o micrófono.

software MuBu

Música con bicicletas

Para amenizar estas vacacións, aquí vai outro vídeo deses de facer música sen instrumentos musicais, esta vez con bicicletas:

[Specialized Beats from WhiteNoise | Lab on Vimeo.] (Visto en ilustrae)

Actualización:
A xente de WhiteNoise Lab ten esta outra interesante composición musical feita cos sons obtidos ao manipular unha navalla suíza:

[Giant Swiss Army Knife Beats from WhiteNoise | Lab on Vimeo.

Outros vídeos da serie:

·…