tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Impresión 3D dunha ponte de aceiro

Cando pensamos nunha impresora 3D o primeiro que nos vén a cabeza é unha máquina en forma de caixa na que se imprimen unha pequenas pezas de plástico, pero esta tecnoloxía está evolucionando tan rapidamente que xa estamos a ver robots imprimindo estruturas de todo tipo, sen limitarse a unha caixa cadrada na que todo sucede.

MX3D_Bridge

Un exemplo de impresión de estruturas xa o vimos hai tempo no artigo “A impresora 3D capaz de imprimir edificios” no que se observa unha impresora botando chorros de formigón para “imprimir” a estrutura dun edificio.

Hoxe imos ver que tamén podemos imprimir aceiro. A empresa MX3D pretende construír unha ponte de aceiro sobre un canal de Amsterdam utilizando robots industriais e aplicando unha novidosa técnica de impresión 3D que abre paso á creación automatizada de estruturas a gran escala.

Nesta animación presentan o seu proxecto:

[youtube: MX3D Bridge Visualisation]

Nestes vídeos podemos ver algunhas das probas realizadas pola empresa para construír unha pequena ponte de aceiro de pequenas dimensións.

[youtube: MX3D printing]

[youtube: MX3D to 3D print a steel bridge in Amsterdam]

 

Máis información en MX3D

III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego

Pensaba que esta convocatoria sería para un día concreto en novembro coma nos anos anteriores, pero parece ser que o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego celébrase este ano desde o 16 de outubro ata o 5 de novembro. Este evento está organizado polas asociacións IGACIENCIA, AGAPEMA, ENCIGA e APETEGA, e ten coma principal obxectivo defender a idoneidade do uso do galego nas áreas de ciencias e de tecnoloxía.

Desde a organización propóñense varias actividades, entre elas:

Tecnopoly

Ideado por profesorado de APETEGA, consiste nun xogo similar ao Monopoly, pero as rúas substitúense por inventos das diferentes épocas da historia da humanidade: parafuso de Arquímedes, arcos, imprenta, máquina de vapor, transistor, robots, … onde os xogadores comprarían as patentes ou dereitos de explotación. As casiñas de sorte e similares substitúense por preguntas tipo trivial que dan cartos ou posibilidade de volver tirar.

Tanto o taboleiro como os cartos e títulos de propiedade están dispoñibles para a súa descarga nun formato imprimible:

Ponte e cúpula desmontables de Leonardo:

Podemos construír no taller unha ponte deseñada por Leonardo Da Vinci que non necesita cravos nin cordas para unir as madeiras. Neste documento tedes as instrucións. Veredes que fácil!

No IES A Sangriña de A Guarda vai construíla o alumnado de 2º de ESO. O profesor, Antonio Lomba, busca financiación para poder construír unha ponte de grandes dimensións (2 ou 3 m de largo), así que se alguén se anima a axudar, que se poña en contacto con el.

Outro traballo interesante é a construción dunha cúpula baseada nun patrón iniciado por Leonardo Da Vinci. Neste documento tedes as instrucións.

Vídeoconferencia do CERN

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística propón de novo unha interesante actividade. Reunirán nunha videoconferencia a varios investigadores e investigadoras que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Será o martes 6 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h e está destinado ao alumnado do segundo ciclo de ESO e Bacharelato. Tedes aquí máis información.

Como material complementario para os máis cativos temos “Alicia e a sopa de quarks e gluóns“, banda deseñada creada dende o CERN na que se explica dun xeito didáctico cales son as partículas elementais e como se experimenta con elas no proxecto ALICE. Descargar pdf.

Revoltallo de termos

Foi unha actividade promovida por este blogue para o evento de hai dous anos, pero segue aberta a todas aquelas persoas que queiran utilizala. Consistiu en enviar a través dun formulario un termo en galego do mundo da tecnoloxía, e logo realizar cos termos recollidos unha serie de actividades: encher as paredes con eles, participar na galipedia, etc.

Tedes toda a información na sección “Revoltallo de Termos“.

Cando?

Non é estritamente necesario que estas actividades se fagan estes días, agás o da conferencia, claro. A ciencia e a tecnoloxía poden ser en galego todos os días do ano!

VII concurso de pontes con paus de xeado

concurso_pontes.pngA delegación de estudantes da Universidade Miguel Hernández de Elche convoca o VII concurso de maquetas de pontes construídas con paus de xeado e cola branca.

Trátase dun concurso para estudantes universitarios de todo o estado, que poden participar en calquera destas tres categorías:

  • Peso: Nesta categoría gaña a ponte que consiga resistir máis peso cumprindo cunha serie de requisitos na súa construción.
  • Estética: Valórase o deseño.
  • Mobilidade: Aquí prémianse as pontes articuladas, que poden dispoñer de motores e compoñentes electrónicos.

Es estudiante da universidade? Anímate a participar. Tes toda a información en: www.epse.es/concursodepuentes/

Tamén teñen unha categoría Junior, para estudantes do 2º ciclo de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, pero só para centros da provincia de Alicante. Neste caso trátase de construír a ponte que soporte máis peso sen deformarse.

Se nos les desde un intituto de Alicante, podes descargar aquí as bases para a categoría Junior (pdf)

Dada a restrición para centros de Alicante non podemos participar, pero non está de máis botarlle unha ollada á galería que teñen en Flikr, onde se mostran interesantes deseños.

Aquí tes a proba de carga:
concurso_pontes.jpg

Antes de poñerte a construír convén probar o deseño nun simulador. Na sección de ligazóns tedes varios simuladores e xogos de estruturas resistentes.

O que máis me gusta para educación secundaria é o simulador West Point Bridge Design Contest. Deseña a túa ponte e comproba que resiste o paso dun camión.

West Point Bridge Design Contest

Pontes de plástico

Se te lembras do que estudamos outros anos, a resistencia dunha estrutura depende da súa forma, da disposición e perfil dos seus elementos e do material coa que está construída.

O que non é nada habitual é utilizar o plástico como material para estruturas que se van someter a elevadas cargas, pero o exército dos EEUU acaba de construír e probar unha ponte de plástico reciclado que é capaz de soportar cargas superiores a 70 toneladas.

Pódelo ver neste vídeo:

[youtube: VID00004]

Aínda haberá que investigar máis para poder construír pontes de plástico de forma xeralizada, pois deben ser moi seguras e fiables. A Universidade de Rutgers xa leva tempo traballando no reciclado de plásticos para a obtención de novos materiais estruturais que poidan substituír outros utilizados habitualmente.

Repasando as propiedades dos plásticos e os ensaios mecánicos:

  • Que vantaxes lle ves respecto a outros materiais como a madeira, o aceiro ou o formigón?
  • Cales son os principais inconvenientes ou problemas a resolver?
  • Aparte da proba de carga do vídeo, que outros ensaios conviría facer?

(Visto en alt1040.com)