Lambetadas Baiona

Lambetadas Baiona” é a máquina expendedora de caramelos que deseñaron, construíron e programaron os alumnos de Tecnoloxía Industrial I, e que gañou o segundo premio en Robocampeones 2010.

Aquí podedes ver un vídeo coa explicación do seu funcionamento:

[Lambetadas Baiona from María L on Vimeo.]
[Música: Manu Chao. Trapped by love + Le rendez vous]

Para coñecer máis detalles sobre a máquina podedes visitar a web:

http://lambetadas.jimdo.com

Podedes ver alí como se deseñaron e construíron os distintos sistemas e mecanismos, descargar os programas así como información sobre as máquinas expendedoras comerciais.

Aínda falta algún apartado por completar, pero agardo que o rematen esta semana.

Se queredes deixarlles algún comentario aos autores utilizade o libro de visitas.


Roboparking

Aquí vai o vídeo do proxecto que presentamos o curso pasado á proba libre de Robocampeones 2009.

Trátase dun aparcadoiro de 4 prazas capaz de detectar vehículos diante das barreiras, que se abren automaticamente, e de contar os vehículos que hai dentro. Cando o parking está completo non deixa pasar máis vehículos ata que queda algunha praza libre. Un cartel “libre-ocupado” indícallo ao condutor que desexa acceder.


[Roboparking from María L on Vimeo]
[música: Mika-Rain]

Foi deseñado, construído e programado con Lego Mindstorms NXT por Ángela, Jessica, Iago e Javier. Presentárono en Robocampeones 2009 Ángela e Sandra.

O alumnado de 1º de bacharelato anda agora a argallar como facer unha máquina expendedora de caramelos. Haberá que traballar intensamente para que dea tempo de presentala en Robocampeones 2010.


Lámpada con pinzas

Aproveitando as vacacións e que o tempo está de chuvia e vento, que tal construír unha lámpada con cousas atopadas na casa?

lampada_pinzas.jpg

O deseño da imaxe é de David Olschewski, e resulta moi doado de reproducir cunhas pinzas da roupa, un pouco de cola branca e os compoñentes eléctricos. Esta é unha lámpada de mesa, pero poderíase facer igualmente unha de teito, utilizar pinzas de plástico de cores ou crear unha con outros materiais.

E se che fai falta un colgadoiro, aquí tes un ben simple:
fukasawa-resseny.jpg

E xa que estamos coa simplicidade, non te perdas este organizador de cables:
binderclips-kabels.jpg


Namorados electrónicos

segueluz.jpgUn xeito de facer luces intermitentes é mediante un multivibrador astable con transistores. Témolo utilizado nalgún proxecto para engadirlle efectos luminosos, como por exemplo neste robot seguidor de luz no que as autoras engadiron un leds decorativos.

Hoxe atopei unha simpática aplicación deste circuíto multivibrador. Trátase de dividir o circuíto en dúas partes simulando dúas “persoas”. No intre en que unen os seus brazos os LEDs comezan a latexar. Moi apropiado para o día dos namorados.

Aquí tedes dous vídeos:

[youtube: Lista de reprodución multivibrador]

O circuíto utilizado é:
led_people_schematic.jpg

Fixádevos en que a terra ten que ser común. No primeiro vídeo utilízase papel de aluminio como terra. No segundo vídeo non se ve moi ben, e pode ser que estean unidos os bonecos mediante un cable.

(Visto en Make)


Robot de calceta

Cando deseñamos robotiños pensamos sempre en poñerlle unha estrutura de madeira, metálica, de plástico, … e por que non de calceta ou ganchillo?

Aquí tes un robot de la. Chámase RoboKnit “hello, world” e fixérono Osamu Iwasaki e Hanakomet:

crochetwalkingearth.jpg

Neste vídeo podes ver a RoboKnit camiñando:


[Vídeo en Flikr: RoboKnit “hello, world”]

Mágoa que ganchillar non é o meu, que se non…

(Visto en Make)