Fabricación dun automóbil

O xoves que vén imos de visita a PSA Peugeot Citroën, en Vigo.

Hai tempo na web de Citroën tiñan unha estupenda animación na que se vían todas as fases do proceso de fabricación, pero por desgraza xa non está. Porén, hai moitos vídeos en Internet nos que se amosa o proceso. Aquí tedes algúns, pero lembrade antes as fases do proceso de fabricación dun automóbil:

1. Embutición:A partir de chapa galvanizada confórmanse as distintas pezas da carrocería. Primeiro córtanse as pezas e despois embútense mediante grandes prensas. Foto 4
2. Soldadura:As distintas pezas de chapa únense mediante soldadura láser ou por puntos eléctricos. É a parte máis robotizada do proceso. feraxe
3. Pintura:As carrocerías sométense a tratamentos que as protexen da corrosión e píntanse. Realízase tamén mediante robots, pero nós non imos ver esta parte. pintura
 4. Montaxe:Colócanse a portas, taboleiro de mandos, asentos, parabrisas, rodas, motor, etc.  montaxe
5.  Control de calidade.

Vídeos da fabricación dun automóbil:

[youtube: PSA Peugeot Citroën Fabricación de un automóvil.]

[youtube: Citroën C-Elysée Fabricación – PSA Peugeot Citroën Vigo]

[youtube: Cómo se fabrica un coche]

Vídeo de robots industriais traballando en distintos sectores:

[youtube: Robots industriais traballando]


Captives. Escultura e robótica

Cando Michelangelo esculpiu a serie de esculturas inacabadas coñecidas como “Os escravos” ou “Os prisioneiros ” utilizaba o método da talla directa: Primeiro facía uns bosquexos e despois introducía as súas ferramentas no mármore de forma manual. El mesmo dicía “Dentro do bloque está a figura, o único que fago é arrincar coa ferramenta a pedra que sobra ao redor desta, ata que a figura queda liberada da súa envoltura.”

Neste caso non liberou completamente as figuras, que quedaron prisioneiras, atrapadas no mármore que as encerraba completamente.

captives141
Prigioni – (1513-1534) – Michelangelo

O artista italiano Davide Quayola acaba de presentar no festival Ars Electronica a súa interpretación contemporánea da serie “Prigioni” de Miguel Anxo. As esculturas xa non se fan en mármore, senón en polietileno expandido (EPS de alta densidade) máis coñecido como poliexpán, e non son unhas mans cun martelo e un cicel quen as esculpe, senón un robot industrial controlado por ordenador.

Captives – (2013) – Davide Quayola

Nun mundo dixital as máquinas encárganse da técnica, pois manualmente non podemos alcanzar a precisión do fresado CNC, e a creatividade, a imaxinación e a arte céntranse no deseño dixital, un debuxo en 3D que un robot sexa capaz de interpretar.

Nos seguintes vídeos amósase o proceso escultórico no que se visualizan as funcións matemáticas que forman parte do “pensamento” do robot escultor.

[Captives – Robotic Milling from Quayola on Vimeo.]

[Captives – Robot session]

Nesta páxina podedes ver máis imaxes da obra “Captives” de Quayola

 


RoboCup 2014

Xa rematou o mundial de fútbol, pero no mesmo Brasil comeza o 19 deste mes outro torneo máis importante desde o punto de vista tecnolóxico: RoboCup 2014.

A RoboCup foi fundada en 1997 co principal obxectivo de “desenvolver ata 2050 un equipo de Fútbol de Robots capaz de gañar ao equipo humano campión do Mundial da FIFA“.

Desde logo que o reto é ambicioso, pero non pensedes que a única motivación é gañar un simple partido entre robots e humanos, por complicado que sexa, senón que detrás de todo isto está o interese por estimular a investigación e o desenvolvemento dunha ampla gama de tecnoloxías que permitan aos robots actuar de forma autónoma e coordinada: Integración entre electrónica, mecánica e informática, intelixencia artificial, aprendizaxe e toma de decisións, desenvolvemento de sensores, procesamento de imaxe en tempo real, recoñecemento de patróns, coordinación e comunicación entre robots, etc.

A RoboCup hoxe en día abrangue outras ligas amais da do fútbol: A RoboCup Rescue promove o desenvolvemento de robots capaces de intervir en situacións de desastre ou nun ambiente hostil, na RoboCup Home os robots deben saber desenvolverse en escenarios realistas e cotiáns, como o ámbito doméstico, a RoboCup Work promove a investigación e desenvolvemento de robots para aplicacións industriais, a RoboCup Logistics ten coma obxectivo desenvolver sistemas de robots auto-organizados que sexan capaces de resolver problemas de procesamento, transporte e distribución de pedidos, e non pode faltar a RoboCup Junior, unha iniciativa cuxa finalidade é achegar a robótica a estudantes de educación primaria e secundaria.

Nestes vídeos podedes ver en que consiste a competición:

Vídeo promocional RoboCup Brazil:
[youtube:RoboCup Overview]

Vídeo promocional da anterior edición de 2013:
[youtube:RoboCup 2013 Trailer ]

Este cóntanos a historia das competicións de fútbol entre 1997 e 2011
[youtube:RoboCup Robot Soccer History 1997 — 2011]


Danza contemporánea con robots de Blanca Li

Non é a primeira vez que vemos robots actuando en espectáculos de danza e teatro, e tampouco será a última. A comunicación humano-máquina é un tema que dá para moito, e parece que a coreógrafa Blanca Li sabe aproveitalo ben introducindo instrumentos musicais robóticos de Maywa Denki e varios robots NAO de Aldebaran Robotics no seu espectáculo de danza contemporánea.

Encantaríame velo!

[Robot! (extraits) Compagnie Blanca Li from Blanca Li on Vimeo]

Visto no telexornal da TVE:
[TVE: La coreógrafa Blanca Li crea una orquesta donde los músicos son máquinas y los bailarines robots]


Smart Trashbox: A papeleira intelixente

Xa temos a solución á falta de limpeza nos colexios e institutos, cuxos chans vemos sempre ateigados de papeis engurrados e de envoltorios de larpeiradas: Smart Trashbox, unha papeleira que persegue os obxectos que se dirixen cara ela, facendo que os tiros sempre atinen no seu interior.

A papeleira utiliza kinect para realizar un escaneo da habitación. Cando detecta un obxecto en movemento no aire, calcula a súa posición, velocidade e punto de caída aproximado, e comunica estes datos á papeleira, que se moverá cara ás coordenadas calculadas para intentar atrapalo.

No seguinte vídeo tes o anuncio no que se inspirou o autor, o proceso de deseño e fabricación, e verás a papeleira en acción a partir do minuto 2:25.

[youtube: Smart Trashbox] (Visto en: kirainet.com)

O malo de implantar un sistema así nas aulas dos institutos é que non contribuiría a educar ao alumnado.

Temos outro modelo de papeleira robotizada, pero neste caso non se encarga de recoller o lixo, senón en pedirnos educadamente que o recollamos. Cando a papeleira-robot, despois de pasearse dun lado a outro da habitación, atopa algo de lixo, o que fai é dirixirse cara os humanos e inclinar o corpo ante eles pedindo axuda para recoller os desperdicios.

A papeleira en cuestión chámase Sociable Trash Box, e representa un novo concepto de robótica: Os robots non se deseñan para axudar aos humanos, senón que son os robots os que necesitan a axuda das persoas para lograr o seu cometido. Aquí o importante é a capacidade dos robots de comunicarse coas persoas, a súa sociabilidade.

[youtube: Sociable Trash Box] (Visto en: nippon.com)

De tódolos xeitos, como non dispoñemos destes robots, non queda outra que tirar os papeis ás papeleiras intentando ter boa puntería, e recolléndoos cando non fagamos canasta.