Os electróns móvense motivados polas electroas!!??

Non podo deixar de alucinar ao ver os libros dixitais de Digital-Text, concretamente o tema de circuítos eléctricos de 1º e 2º de ESO.

Mirade como explican a diferencia de potencial:

Vaia! Así que os electróns se moven a través dun condutor porque están motivados por electroas que se atopan ao final do camiño!

Desgraciadamente é algo habitual atopar nos libros de texto imaxes sexistas e linguaxe sexista, pero había tempo que non atopaba unha imaxe sexista tan lamentable e patética.

Aparte disto, as explicacións tamén deixan moitísimo que desexar. Hai unha falta de rigor alucinante, e incluso resulta insultante, pois trata ao alumnado de 12-13 anos como se fose estúpido.

Pódense explicar estas cousas de xeito sinxelo, adaptando os contidos á idade do alumnado, pero nunca perder o rigor científico. O potencial non é ningunha “motivación”, a intensidade non mide o “número” de electróns por segundo, os enchufes non son “xeradores” de corrente alterna, a potencia non é a “rapidez á hora para realizar un traballo”, e un longo etcétera.

Vamos, que se analizamos a fondo o material non sei se é máis grave a imaxe do electrón saído que corre detrás da electroa cursi cun laciño ou a cantidade de erros conceptuais que transmite este libro dixital. As dúas cousas están ao mesmo nivel.

Outra cousa que me chama a atención é que este contido estea dirixido ao ensino da tecnoloxía. Dígoo porque un dos obxectivos principais do estudo da electricidade en tecnoloxía debe ser, e así o marca o currículo, o deseño de circuítos que cumpran unha función predeterminada, o que constitúe a actividade tecnolóxica, sen embargo é algo que non se traballa nesta unidade, que aborda os contidos só dende o punto de vista … ía dicir científico, pero por suposto que tampouco.

Dito isto, resulta alucinante que Digital-Text sexa unha das empresas que recibiu subvencións para dotar de libros dixitais ao plan Escola 2.0 que está impulsando o goberno. Estamos pagando esta bazofia?

Reafirmo o meu convencemento: Non aos libros de texto, nin analóxicos nin dixitais.

(Atopeino grazas a @jordijubany que ligou ravalnet.org)


Exeria: alternativas á linguaxe sexista

A través do canal fwwwrando de vieiros atopamos unha aplicación que analiza textos, detecta termos susceptíbeis de seren sexistas e ofrece alternativas. Chámase Exeria, e pódese descargar para integrala no paquete ofimático Open Office.

exeria.jpg

Considero que nun campo de actividade como a Tecnoloxía, no que a presenza da muller é mínima, cómpre facer un esforzo na educación para eliminar todo tipo de discriminación sexista, incluída a linguaxe.

Xa sei que non chega con isto, pero para fomentar nas nenas e mozas o interese pola tecnoloxía e os estudios e profesións relacionadas, que se sintan incluídas en tódalas referencias orais e escritas paréceme fundamental. As enxeñeiras, arquitectas e técnicas tamén existen, así que deben existir igualmente na linguaxe utilizada.