tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Simulador de arduino online

Hai tempo que tiña noticias deste simulador, pero ata agora non me puxen a probalo, e a verdade é que ten moitas posibilidades.

123D Circuits permite realizar montaxes electrónicas virtuais e programar unha tarxeta arduino UNO, o cal é moi interesante para que o alumnado faga probas de programación na casa e comprobe o resultado sen necesidade de ter os compoñentes físicos. Como calquera simulador, é unha axuda que non substitúe as montaxes prácticas, que se deben realizar na clase.

Con 123D Circuits podemos tamén deseñar proxectos de maneira colaborativa entre varias persoas e compartir o resultado coa comunidade.

Ademais, a aplicación permite embeber os proxectos en calquera sitio web. Por exemplo, aquí tedes un programa para xerar diferentes cores cun LED RGB no que se pode ver a montaxe e o código arduino.

DoCircuits, un novo simulador online

Hai tempo que falei aquí do simulador de circuítos CircuitLab, e grazas a un comentario que chegou hoxe a aquel artigo coñecín outro simulador: DoCircuits.

É bastante limitado e bótanse en falta moitas cousas para que resulte útil, pero supoño que pouco a pouco irán ampliando as súas funcionalidades, pois acaban de empezar. Permite introducir nos circuítos un xerador de funcións e conectar un osciloscopio para visualizar o sinal, o cal é bastante interesante.

Non están mal os exemplos que xa veñen feitos de rectificadores e amplificadores.

Botádelle unha ollada se vos interesa usalo. Eu para educación secundaria aínda estou agardando a que a alguén se lle ocorra facer algo similar aos fantásticos Crocodile Technology ou Yenka, pero para traballar vía navegador desde calquera plataforma. A ver se algún día o vemos.

[youtube: Getting Started with Do Circuits]

ElectroDroid. Electrónica no teu Android.

Se tes un teléfono con SO Android e es estudante ou profesional da electrónica seguramente te gustará a aplicación ElectroDroid que podes descargar de balde.

Aínda que moitos dos recursos que ofrece excedan as necesidades dos estudantes de Educación Secundaria, podemos sacarlle partido a moitas ferramentas.

Por exemplo, inclúe calculadoras do código de cores das resistencias, da Lei de Ohm, divisores de voltaxe, da resistencia equivalente de sistemas en serie e paralelo ou da frecuencia e tempo de disparo dun temporizador 555.

Tamén inclúe táboas de datos moi útiles para clase: Símbolos electrónicos, valores de resistividade e condutividade, táboas de verdade das portas lóxicas, álxebra de Boole ou os pins dos integrados da serie 7400.

Pódense instalar novos plugins, coma un pequeno simulador de circuítos “EveryCircuit“. Non é gran cousa, polo menos a versión free que probei, pero para levar no peto está moi ben. Inclúe animacións e sinal de osciloscopio.…

CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.…

Simulador do LHC

Hoxe ponse en marcha de novo o Gran Colisor de Hadrones do CERN, que pretende facer chocar feixes de protóns. Podedes seguilo en directo aquí.

Ao chocar entre si, os protóns desintegraranse en partículas elementais, o que permitirá estudar:

  • Cantas partículas totais hai no átomo. En Educación Secundaria estúdase que que os átomos están formados por protóns, neutróns e electróns, pero en realidade mirando máis ao fondo atopamos moitas partículas elementais (quarks, leptóns e bosóns).
  • Que é a masa. Si, iso que tan acostumados estamos a tocar aínda non se sabe moi ben que é exactamente.
  • Cal é a orixe da masa das partículas. A teoría dálle a responsable disto ao Bosón de Higgs, pero aínda faría falta comprobalo experimentalmente.
  • Que é a materia escura. Sábese que existe, pero cos medios actuais non pode ser estudada. A ver se co LHC descúbrese algo máis.

Antes de poñer o LHC en marcha os científicos e enxeñeiros (e científicas e enxeñeiras) do CERN levan meses facendo probas nos sistemas de guiado dos feixes de protóns e nos sistemas de protección dos instrumentos.

¿Queredes facer estas probas?
En realidade non debe de ser tan sinxelo como nolo pintan neste simulador, pero válevos para ter unha idea do que están a facer alí.

LHC.jpg

Con este simulador podedes controlar algúns dos parámetros do LHC como a temperatura dos supercondutores, o campo electromagnético e a enerxía da colisión, que deben estar ben axustados para que o colisor funcione.

Probade con estes valores:

  • Temperatura 1,9K
  • Campo Magnético 8,4T
  • Enerxía de colisión 14TeV

Despois de bloquear os valores dádelle a “run” e podedes ver as imaxes capturadas. Logo mediante as ferramentas (tools) podedes mirar se atopastes o bosón de Higgs.

LHC.jpg

Neste vídeo podes ver o que ocorre no interior do LHC:
Da botella ao Big Bang: A viaxe dun protón no LHC

[youtube: De la botella al Big Bang: El viaje de un protón en el LHC ]

(Información: microsiervos, Simulador: Electrónica Pascual)