Esta fin de semana: Freeday4Girls e Naukas2014

Cunha fin de semana con bo prognóstico meteorolóxico e unha temperatura da auga da ría de 21ºC cando o habitual é 17ºC vai ser difícil quedar na casa mirando a pantalla do ordenador. Porén, para quen queira, temos dous interesantes eventos que podemos seguir en streaming a partir de mañá.

Freeday4Girls

Mañá pola mañá, de 9:30 a 14:00 h, podemos conectarnos a Freeday4Girls, Xornada de software libre e muller, un evento orientado a visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, e no que se amosarán experiencias en diversas disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.

Podedes consultar o programa completo en http://osl.cixug.es/freeday4girls/ e poderedes conectarvos ao streaming desde a páxina tv.usc.es.

Naukas

naukas_bilbao_14Desde as dez da mañá ata as oito da tarde do venres e do sábado podedes conectarvos a Naukas Bilbao 2014, un evento de divulgación científica con múltiples charlas de 10 minutos de duración sobre temas do máis diverso, o que fai que adquira unha dinámica moi amena e fluída.

Alégrome especialmente de que esta edición de Naukas conte con máis mulleres que outros anos, e agardo que se vaia dando cada vez máis visibilidade ao importante traballo das mulleres no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Podedes consultar o programa completo en naukas.com e conectarvos ao streaming en eitb.com. O hashtag en twitter é #Naukas14

 

Boa fin de semana!

 

Actualización: Podes ver todos os vídeos de naukas2014 en eitb.com


Convocatoria para un proxecto de automática/robótica con hardware e software libre

GALPon (Grupo de Amigos Linux de Pontevedra), coa intención de fomentar o coñecemento e emprego das tecnoloxías libres entre a mocidade, fai un ofrecemento moi interesante a aqueles centros de ensino e entidades adicadas á formación da provincia de Pontevedra que presenten un proxecto de automática e robótica con hardware e software libre.

GALPon subministrará o material necesario para a realización do proxecto ata un importe máximo de 1.000 €, contribuirá no asesoramento do equipo de traballo na escolla de software, poderá axudar na programación dos scripts, e concederá un premio en metálico aos membros do equipo no caso de que o proxecto acade o resultado previsto.

Non queda moito tempo para presentar un proxecto (ata o 1 de outubro), pero paga a pena intentalo, especialmente para aqueles centros que non conten con recursos para mercar hardware. É unha oportunidade para arrancar con arduino nas clases de tecnoloxía de ESO e Bacharelato, ou de montar unha impresora 3D como a que nos contaba Tucho hai pouco neste blogue.

Tes toda a información en:


Libera os teus documentos!

Decateime algo tarde, pero aínda estamos a tempo de celebralo: Hoxe é o Día da Liberdade dos Documentos ou tamén coñecido como Document Freedom Day (DFD). Vino na web de mancomun.org

O obxectivo desta celebración é promover o emprego de formatos libres e estándares abertos nos nosos documentos dixitais.

Por que?

Para entendelo pensade que o noso televisor, sexa da marca que sexa, pode interpretar os sinais de todas as cadeas, ou que co noso teléfono podemos comunicarnos sexa cal sexa a compañía telefónica da persoa coa que estamos a conversar. Isto é posible porque a información que se transmite segue uns estándares abertos, é dicir, para determinadas tarefas hai unha serie de especificacións dispoñibles publicamente que permiten a compatibilidade entre diferentes compoñentes de hardware e software.

Ben, pois no caso dos contidos informáticos a cousa parece que non está tan clara: Hai miles de sitios web que son accesibles só cun navegador, formatos de vídeo que necesitan un reprodutor específico, libros que só se poden ler cun lector concreto, documentos creados nun determinado programa ofimático que só podemos ver co mesmo programa, etc. Non credes que todo sería máis doado se usásemos formatos e estándares abertos?

Que podemos facer nós?

Podemos comezar a liberar os nosos documentos utilizando:

  • Formato PDF para documentos que non queremos que se modifiquen.
  • Formato ODF para documentos que queremos permitir que se modifiquen. (Texto: odt, Folla de cálculo: ods, presentación: odp, etc.)

 
As suits ofimáticas LibreOfficeOpenOffice permiten crear documentos co estándar ODF e PDF, así que xa sabedes, pasade do Microsoft Office e apuntádevos á liberdade dos documentos.


Coñecemento aberto

Se tedes un pouquiño de tempo, recoméndovos escoitar a conferencia que Juan Freire deu o 9 de novembro na Libre Soft World Conference LSWC 2011

Fala do coñecemento aberto, do procomún, un modelo de produción e xestión no que as persoas partícipes comparten coñecementos, organizan a súa produción e xestionan as súas relacións colectivas de forma autónoma, e que funcionan de xeito independente ás institucións oficiais e aos mercados.

Non se trata de algo novo, senón que este modo de funcionar xa comezou na Idade Media. Porén, a tecnoloxía social que se está a estender desde hai anos (Internet, software libre, wikipedia, comunidades e redes sociais, etc) permite recuperar estes antigos modos de funcionar producindo coñecemento independente e libre.

[globbtv.com: LSWC’2011-Conocimiento abierto]

Para reflexionar: ata que punto pode chegar capacidade de transformación social, política e económica do coñecemento aberto?

Cando falamos de software libre, do traballo en rede, de colaborar e compartir en internet, estamos a falar de moito máis que de linux ou windows, copyright ou copyleft, pagar ou piratear, … a cousa é moito máis profunda, e supoño que chegará un tempo en que todas e todos o comprendamos e sexamos realmente conscientes da súa importancia.

(Vía: Conocimiento abierto o porqué el software libre se inventó en la Edad Media)


Comezar con Ubuntu

carousel-book.pngA verdade é que Ubuntu é tan intuitivo e doado de manexar que non fai falta para nada un titorial para comezar a traballar con el. Chega con poñerse a fedellar nos menús e facer as cousas habituais para que en moi pouco tempo nos pareza que levamos con este sistema operativo toda a vida. E cando hai algo que non sabemos facer, non hai mellor cousa que buscar en google: en internet aparecen tódalas respostas. Se non necesitastes ningún manual para usar windows, linux non ía ser menos.

De tódolos xeitos, se hai alguén que non se atreve a aventurarse con Ubuntu sen axuda, temos á nosa disposición o manual “Comezar con Ubuntu“, unha guía para principiantes, en galego, que pode axudarnos coa instalación e a realizar as tarefas diarias como navegar pola rede, escoitar música, clasificar os arquivos, etc.

Animádesvos?

Ligazóns: