tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Derretendo pedra coa enerxía do Sol

Hai tempo vimos como é posible derreter aceiro utilizando un concentrador solar. Pois a cousa non queda aí: Tamén é posible derreter unha pedra natural coa enerxía do Sol.

Fixérono no Forno Solar de Investigación que hai no sur de Francia, e alcanzáronse 3500ºC na experiencia. Aquí tedes o vídeo:

[youtube: Jem Melts Rock Using Sunshine – Bang Goes The Theory – Series 3, Episode 5 Preview – BBC One]
(Visto en Interesting Engineering)

Chocolate solar

Hoxe recibimos o verán facendo chocolate no patio con dúas cociñas solares.

A primeira é do tipo Fun-Panel, e fixérona o curso pasado os alumnos e alumnas de 3ºPDC, así que xa é coñecida no insti. A partir duns paneis de polipropileno celular fíxose a estrutura seguindo un modelo, forrouse con papel de aluminio utilizando silicona como cola, e lista!

cocinha_solar1.jpg

O segundo modelo que estreamos este ano utiliza unha antena parabólica de telecomunicacións. Só houbo que forrala con papel de aluminio, atopar o foco e buscar un soporte para a pota para mantela no punto correcto, iso si, revisando a posición cada certo tempo, xa que ao moverse o Sol o foco cambia de lugar.

cocinha_solar2.jpg
(Nesta foto xa lle quitáramos á pota o plástico envolvente e, aínda que pareza que non, é negra.
A cor brillante da pota é o reflexo da luz concentrada nela)

En dúas horas as cociñas chegaron aos 100ºC, así que houbo que separar as potas de chocolate e poñelas á sombra mentres non chegaba a hora á que quedamos para a chocolatada.

Para quecer o chocolate aproveitamos o que sabemos sobre a transmisión de enerxía calorífica e buscamos estes efectos:

Colector_parabolico.jpg1. Concentración:

A enerxía térmica transmítese do Sol á Terra por radiación, é dicir, en forma de ondas electromagnéticas. As cociñas funcionan como concentradores solares, facendo que toda a radiación que chegue a elas se concentre nun punto ou superficie pequena. É alí onde colocamos a ola.

Seguro que tamén sabedes que o negro absorbe moi ben as radiacións, así que por iso pintamos as potas de negro.

2. Acumulación:

esquemaInvernadoiro.jpgInterésanos que a enerxía térmica non escape do chocolate para que se vaia acumulando e vaia aumentando a súa temperatura. Para iso puxemos unha bolsa de plástico (polipropileno) rodeando cada ola, de xeito que no interior prodúcese o efecto invernadoiro. O aire quente circulará por convección no interior da bolsa.

A bolsa con aire no seu interior tamén fai de elemento illante, evitando que a enerxía térmica escape por condución.…

Burj Dubai: 828 m. Perdido Regional Host: 2438 m

Acábase de inaugurar o rañaceos máis alto do mundo: o Burj Dubai, con 828 m de altura.

Burj_Dubai1.jpg

Aquí podes ver unha panorámica vertical:

[youtube: Burj Dubai vertical pan]

Unha das imaxes que máis me gustan da torre é esta de cando aínda estaba en construción. Clica para maximizala e vai véndoa de arriba a abaixo. De vertixe!

burj_dubai_1009.jpg

A súa altura non é a única marca. Ten un ascensor que se move a 700m/min, o máis rápido do mundo.

Porén, as construcións máis altas que existen non son rañaceos, senón as plataformas petrolíferas, e tampouco se quedan curtas as torres de comunicación ou as torres solares.

En skyscraperpage.com podemos ver diagramas e datos dos edificios e construcións industriais máis altos do mundo.

Actualmente a estrutura artificial máis alta construída é a plataforma petrolífera Perdido Regional Host, con 2438 m de altura. Atópase no golfo de México, e contén un mastro ancorado a 2.383 m baixo a auga. Aquí tes máis datos

spar_platform_depths_illustration_3col.gif

A Torre Solar de Ciudad Real non lle ten nada que envexar a outras, pois ten unha altura de nada menos que 750 m. Está previsto que remate a súa construción este ano 2010.

torre_solar.jpg

Trátase dun sistema que consiste nun gran colector de radiación solar disposto no chan, no que se quenta o aire. O aire quente ascende pola torre polo efecto da convección, movendo as turbinas que hai dentro dela e xerando electricidade.

torre_solar_funcionamiento.gif

Aquí podes ver unha animación de consumer.es (Clica aquí para vela en pantalla completa)

A torre de comunicacións máis alta do mundo é KVLY/KTHI TV Mast. Trátase dunha antena de televisión situada en Blanchard (Estados Unidos) que mide 628.8 m de altura.

KVLY-TV_Mast_Tower_Wide.jpg

En altura non nos quedaremos aquí. Dentro duns anos veremos como o Burj Dubai quedarase pequeno fronte a outros megaedificios, simbolos do poder. Se invertesen os mesmos cartos no desenvolvemento da arquitectura sostible iríalle bastante mellor ao planeta no que vivimos.

Non te esquezas de darte unha volta de cando en vez por skyscraperpage.com

III Xornada Monográfica de APETEGA. Enerxía Solar.

apetega_solar.pngAPETEGA organiza un ano máis a Xornada Monográfica, esta bez baixo o tema A Enerxía Solar. Será o 28 de novembro de 2009 en Nigrán.

A xornada está dirixida ao profesorado do ensino público de educación secundaria que imparta a área de Tecnoloxía.

Os obxectivos son:

  • Presentar os principios físicos de captación e almacenamento de enerxía solar térmica e a súa aplicación ao procesado de alimentos.
  • Fomentar o desenvolvemento de prototipos de cociñas solares adaptadas a diferentes condicións e usos.
  • Presentar os materiais e dispositivos empregados na captación e utilización da enerxía solar fotovoltaica.
  • Capacitar ao profesorado na construción de reguladores de tensión electrónicos adaptados a uso solar.

Prazo de inscrición: dende o luns 9 de novembro ás 22:00 h ata o venres 20 de novembro ás 20:00 h
Hai prazas limitadas, así que se vos interesa anotádevos canto antes.

Máis información: