tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Creación de obxectos sonoros no alg-a lab

Ten boa pinta este obradoiro “Creación de obxectos sonoros” programado para a Feira Imaxinaria 2014 do Alg-a Laboratorio (do 39 ao 31 de agosto en Valadares, Vigo)

Copio a descrición:

908882_origNeste obradoiro esencialmente práctico búscase unha re-apropiación de sons escondidos, daqueles sons conservados nos espazos máis improbables da nosa vida. Neste taller serán transformados materiais naturais e obxectos comúns da vida cotiá, para crear instrumentos que poidan producir universos sonoros únicos e orixinais, sen descartar as posibilidades da electrónica (amplificadores, circuítos sinxelos e micrófonos de contacto) e a electromecánica. (Motores, altofalantes, etc). Por último faremos exercicios de escoita profunda e improvisación.

Máis información: Creación de obxectos sonoros

Cycloïd-E. Escultura cinética sonora.

Pareceume boísima a escultura cinética sonora “Cycloïd-E” de Cod.Act:

[youtube: Cycloïd-E] (Visto no tumblr de Conscientious Redux)

Baixo a etiqueta de “Cod.Act”, André e Michel Décosterd desenvolven producións artísticas (esculturas, instalacións, performances, etc.) que combinan o movemento e o son.

O movemento descrito polo Cycloïd-E recorda ao movemento caótico que realiza o dobre péndulo, pero neste caso non está movido pola acción da forza gravitatoria, senón polo movemento que lle proporciona un motor.
A escultura consiste nunha serie de tubos conectados entre si mediante eixes que permiten a libre rotación entre eles. Un motor central proporciona impulsos que producen o movemento global da estrutura, de xeito que o sistema segue un movemento aleatorio con constantes variacións nas traxectorias e velocidades dos tubos. Un movemento moi lento no brazo pode transformarse nunha rápida rotación dun dos seus segmentos, debido á transferencia de enerxía cinética a través da estrutura.

Para asociar un son ao movemento da escultura utilízanse unha serie de sensores situados nos eixes que unen os distintos segmentos, e que se encargan de recoller os datos de velocidade de cada un, a súa posición, o estado global da estrutura e a densidade das flutuacións. Estes datos son enviados a un ordenador central que se encarga de procesalos e de envíar os sinais resultantes aos altofalantes cos que están equipados os elementos do brazo.
Ademais o espectador percibe resonancias, ritmos, ecos, efecto doppler, etc. que dan unidade e harmonía ao conxunto.

Podes ver máis esculturas sonoras de Cod.Act na súa web

Facendo soar calquera superficie

Chámase Mogees, acabo de velo en microsiervos e encántame.
Trátase dun dispositivo que, a través dun micrófono de contacto e dun software específico (MuBu), é capaz de recoñecer xestos sobre calquera superficie e asocialos a diferentes sons. É obra de Bruno Zamborlin e Norbert Schnell.

Non te perdas o vídeo:
[youtube: Mogees – Gesture recognition with contact-microphones]

 

Os micrófonos son dispositivos capaces de converter o son en impulsos eléctricos.
Os micrófonos de contacto son micrófonos deseñados para detectar formas de onda sonora nun medio sólido no canto de facelo a través do aire. Utilízanse, por exemplo, para recoller o son directamente de instrumentos musicais de xeito que non afecte o son ambiental.

No caso de Mogees, o micrófono detecta vibracións na superficie, que serán diferentes en función da textura e xestos que se realicen sobre ela, e transfórmaas en impulsos eléctricos. Estes datos eléctricos dixitalízanse e, mediante o software MuBu, asóciase un arquivo de audio almacenado nunha base de datos a cada patrón sonoro que recolle o micrófono.

software MuBu

A arte da chafallada electroacústica

O pasado martes estiven no Marco facendo un “Obradoiro para facer un instrumento dun xoguete electrónico“, impartido por Olaf Ladousse, que nos explicou como fai os seus “doorags”.

Desde unha práctica electrónica moi pouco ortodoxa invita á xente a desmontar un xoguete electrónico sonoro e transformar o son substituíndo unha resistencia fixa por outra variable (un potenciómetro, unha LDR, etc). Variando a resistencia varíase a frecuencia do son emitido polo xoguete, obtendo curiosos instrumentos musicais electrónicos.

Eu tiven mala sorte, xa que o xoguete que merquei nun bazar chinés era tan cutre que non había maneira de modificarlle o son (non tiña resistencia), pero o resto de compañeiros e compañeiras si que obtiveron bos resultados. Aquí hai un vídeo con algúns dos proxectos que fixemos ese día:


[youtube: Doorags]

doorag.jpgO procedemento é moi simple:

  • Desmontamos o xoguete
  • Buscamos unha resistencia preto do chip e poñemos o dedo mollado enriba dela para ver se varía o son. Se varía o son xa está localizada.
  • Cortamos as patas da resistencia e soldamos uns cables, onde conectaremos un potenciómetro. (habería que medir primeiro o valor da resistencia para conectar un potenciómetro do rango axeitado)
  • Tamén pódese substituír a resistencia por unha LDR de xeito que o son varíe ao variar a luz incidente.

Para mellorar o instrumento e que nos quede ben chulo hai que quitar o circuíto da carcasa e colocalo noutra. Por exemplo, á dereita tes un doorag feito cunha cafeteira. Tamén podemos substituír o altofalante por un jack para poder conectar o instrumento a un amplificador.

Neste vídeo explícannos como se fai:

[youtube: Cómo fabricar un doorag]

Na web de olafladousse.com podes ver e escoitar algúns dos deseños de Olaf Ladousse.

Paréceme unha idea estupenda para un proxecto de 4º de ESO, agora que imos comezar coa electrónica. Xa sabedes, se tedes por casa un instrumento sonoro que non vos importe destripar e transformar traédeo ao taller para convertelo nun doorag. A ver o que nos sae!…

Xogo: mecanismo musical

Se remataches de estudar e gústache a música pásate polo xogo Pâte à Son .

pateason.png

Debes colocar os diferentes mecanismos que aparecen na parte inferior da páxina creando un circuíto para as pezas que aparecen polos laterais do taboleiro.
Cada un dos mecanismos ten unha función e xera un son, pero só se está ben colocado. Se sitúas o punteiro sobre algún deles aparecerán unhas frechas que che permitirán viralo.

Aquí tes o xogo: Pâte à Son

(Visto en Aula de Música)