tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

InspiraSTEAM

Cheguei a través do Twitter a unha interesante e necesaria iniciativa promovida pola Universidade de Deusto: InspiraSTEAM, que nace da necesidade de promover vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas e mozas.

O proxecto ten coma obxectivos, entre outros, dar a coñecer os estereotipos existentes para que non condicionen a elección de estudos por parte das rapazas e concienciar sobre a necesidade de que o desenvolvemento do país se produza entre homes e mulleres.

Estou 100% de acordo no contido do seu manifesto, e penso que cómpre un traballo activo por parte de institucións, organizacións e persoas a título individual para lograr os obxectivos que nel se propoñen. Eu xa asinei, e invítovos a que tamén o fagades vós.
_ _ _ _ _ _ _ _ _ _

Manifesto Inspira

Abrindo espazos a nenas e mulleres en ciencia e tecnoloxía

Vivimos nun mundo global e diverso onde a igualdade non está conseguida en moitos aspectos. Un que nos preocupa e ocupa é a fenda de xénero e a tecnoloxía.

Son feitos demostrados que menos mulleres elixen unha profesión tecnolóxica, menos mulleres traballan no mundo científico/técnico, as mulleres chegan a postos de menor importancia e perciben salarios inferiores en postos de igual relevancia.

Estes feitos non se deben a un menor gusto, a unha menor capacitación, a unha inferior vocación, ou a un inferior desempeño. Son os factores sociais, culturais e educativos os que empoderan, recoñecen e incentivan menos ás mulleres que aos homes. Son os estereotipos, procesos de socialización, roles de xénero, machismos ocultos cos que construímos a educación e a sociedade os que fan crer que as mulleres son menos capaces e os que provocan que as mulleres sexan menos valoradas, social e economicamente.

Esta realidade pódese cambiar, e facelo é relevante. Xogámonos moito. E concírnenos á sociedade no seu conxunto e a cada unha das persoas e entidades que a formamos.

Este manifesto constitúe un compromiso, das persoas e organizacións que se adhiren a el, de traballar activamente pola igualdade entre mulleres e homes no ámbito científico-tecnolóxico, a través das seguintes liñas de acción:

  1. Reflexionar e revisar a falsa crenza de que xa hai igualdade. Coñecer os datos que demostran que esta igualdade aínda non existe e hai moito traballo que facer por conseguila.
  2. Recoñecer publicamente que mulleres e homes temos as mesmas capacidades, dereitos e responsabilidades, e merecemos por tanto o mesmo recoñecemento.
  3. Dar a coñecer as consecuencias da falta de igualdade existente, e traballar para concienciar á sociedade da necesidade de accións positivas para evitalas, promovendo un sistema científico-tecnolóxico responsable e diverso.
  4. Facer visibles ás mulleres científicas e tecnólogas históricas e actuais, pondo en valor o seu traballo e construíndo novos referentes.
  5. Favorecer un contexto social e educativo no que as nenas e mozas se vexan animadas, capaces e recoñecidas para que poidan elixir o seu futuro sen condicionamentos.
  6. Reverter os estereotipos sociais, desmitificando as crenzas sobre os roles de xénero; facilitando información sobre as carreiras científicas e tecnolóxicas; e dando a coñecer o amplo abano de posibilidades profesionais das STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
  7. Contribuír ao empoderamento das mulleres, desenvolvendo accións en todas as dimensións para conseguilo.

Traballar co prisma de xénero encamíñanos a revisar a igualdade no seu conxunto. Esta actuación é só unha de todas as que teñen que se poñer en marcha. Somos sensibles a outras actuacións, e desde este punto de partida queremos seguir avanzando e profundando na igualdade a todos os niveis.

_ _ _ _ _ _ _ _ _ _

Mías información: http://inspirasteam.net