A maior redución do universo

Un exercicio ao que recorro cada ano para o cálculo de transmisións en engrenaxes é o que explico no artigo “A máquina que fai desaparecer o movemento” (Machine with Concrete – Arthur Ganson) no que se pode ver un motor movéndose a unha velocidade angular de 200 rpm e a última engrenaxe do tren incrustada nun bloque de formigón. Que pasou co movemento? desapareceu?

Pois hoxe, vía un tuit de @FECYT_Ciencia , atopei outra máquina similar, inspirada na anterior, pero cunha redución aínda maior. É esta:

A máquina encadea 100 conxuntos de engrenaxes de maneira que cada parella ten unha relación de transmisión i= 1/10

  • Para calcular a relación de transmisión global debemos multiplicar as relacións de transmisión parciais:

iT= (1/10)100 = 1/10100

Isto significa que para que a última engrenaxe dea unha volta completa, a primeira deberá xirar 10100 veces. (10100 = 1 googol)

  • Supoñamos que o motor xira a 100 rpm. A que velocidade xirará a última engrenaxe?

n2 = iT · n1
n2 = 1/10100  · 100 rpm = 10-98 rpm

Móvese moi moi moi amodo.

  • Canto tempo tardaría en dar unha volta completa?

1 volta · 1 minuto/10-98 voltas · 1h/60min · 1día/24h · 1ano/365días = 1,9·1092 anos

O propio autor comenta “necesitará máis enerxía da que ten que facer todo o universo coñecido. Isto atórdeme a mente.

Non o veremos nunca, pero estes trebellos son ben curiosos.


Factoría de androides

Se andades por Vigo esta fin de semana e vos gustan os obxectos feitos con materiais de refugallo, podedes pasarvos polo Halcón Milenario a ver a exposición “Factoría de androides” de Sátrapa. Inaugúrase mañá venres 11 de maio de 21:30 a 23:30h.

Pode darnos ideas para reciclar cacharrada que xeramos nos talleres, non?

Máis información:

 


Captives. Escultura e robótica

Cando Michelangelo esculpiu a serie de esculturas inacabadas coñecidas como “Os escravos” ou “Os prisioneiros ” utilizaba o método da talla directa: Primeiro facía uns bosquexos e despois introducía as súas ferramentas no mármore de forma manual. El mesmo dicía “Dentro do bloque está a figura, o único que fago é arrincar coa ferramenta a pedra que sobra ao redor desta, ata que a figura queda liberada da súa envoltura.”

Neste caso non liberou completamente as figuras, que quedaron prisioneiras, atrapadas no mármore que as encerraba completamente.

captives141
Prigioni – (1513-1534) – Michelangelo

O artista italiano Davide Quayola acaba de presentar no festival Ars Electronica a súa interpretación contemporánea da serie “Prigioni” de Miguel Anxo. As esculturas xa non se fan en mármore, senón en polietileno expandido (EPS de alta densidade) máis coñecido como poliexpán, e non son unhas mans cun martelo e un cicel quen as esculpe, senón un robot industrial controlado por ordenador.

Captives – (2013) – Davide Quayola

Nun mundo dixital as máquinas encárganse da técnica, pois manualmente non podemos alcanzar a precisión do fresado CNC, e a creatividade, a imaxinación e a arte céntranse no deseño dixital, un debuxo en 3D que un robot sexa capaz de interpretar.

Nos seguintes vídeos amósase o proceso escultórico no que se visualizan as funcións matemáticas que forman parte do “pensamento” do robot escultor.

[Captives – Robotic Milling from Quayola on Vimeo.]

[Captives – Robot session]

Nesta páxina podedes ver máis imaxes da obra “Captives” de Quayola

 


Urban Insects. Vehículos vistos desde abaixo.

A artista búlgara Yasena Popova está a traballar en tomar imaxes de obxectos desde unha perspectiva diferente á que temos costume de ver. Na súa páxina de Flickr ofrécenos unhas interesantes imaxes de vehículos vistos desde abaixo. Aquí tedes algunhas:

Non pensedes que foi fácil fotografar estes vehículos:

SAMSUNG

Podes ver a galería completa en Flickr