tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Chrome WebLab: Interactuando en liña co Science Museum de Londres

O Science Museum de Londres é deses museos imprescindibles para toda persoa amante da ciencia e da tecnoloxía. Se ides a Londres non volo perdades!

Pero se estades a quilómetros de alí tedes a oportunidade de interactuar en vivo a través de Internet coas cinco instalacións do Laboratorio Web de Chrome no museo.

[youtube: WebLab (Beta)]

Abre o teu navegador Chrome e proba estas experiencias. A min as que máis me gustaron foron a Orquestra e o Sketchbot:

Orquestra Universal:

En colaboración con outros usuarios e usuarias de todo o mundo podemos facer música utilizando os instrumentos robóticos localizados no museo, que serán controlados remotamente por nós. Podemos elixir entre 7 instrumentos, sempre que non estean xa collidos, e dispoñemos de 6 notas para tocar. A melodía que se escoita é o resultado da combinación dos sons das persoas que están tocando no mesmo intre.

A aplicación utiliza tecnoloxía webshockets, que permite a comunicación simultánea entre varias persoas.

Robodebuxante:

Sketchbot é unha instalación robótica capaz de debuxar caras en area. Desde a aplicación calquera usuario pode enviar unha imaxe do seu rostro utilizando unha cámara web. Esa imaxe convértese primeiro nun debuxo lineal e, de seguido, nunha serie de instrucións que o robot debe seguir para reproducilo sobre area. Podes seguir en directo a través de streaming como o robot vai debuxando a túa imaxe.

Para o desenvolvemento desta aplicación usouse Canvas e Web Workers.

 

Hai outras instalacións tamén curiosas:

O Teletransportador permítenos viaxar a outros lugares e observar o entorno en tempo real. Podemos visitar unha panadería en Carolina do Norte, o aeroporto en miniatura de Hamburgo ou un acuario de Suráfrica. É posible visualizar estes  vídeos desde o noso navegador en tempo real grazas ás tecnoloxías WebGL e Vídeo HTML5.

Mediante o Rastreador de datos podemos descubrir o lugar de Internet no que está localizada unha imaxe elixida nun buscador. Funciona utilizando a ferramenta Traceroute, capaz de rexistrar os servidores polos que pasa un paquete de datos ata chegar ao seu destino final. Utiliza tamén  WebGL para xerar contornos virtuais en 3D.

Cada persoa usuaria de Chrome WebLab recibe unha tarxeta que lle permite almacenar e recuperar as súas creacións. Mediante a aplicación Explorador de Tarxetas podemos ver as creacións dos visitantes. Para que o acceso á información de Internet resulte un proceso rápido e eficiente , Chrome incorpora o motor Javascript V8 e para amosar estes datos en pantalla utiliza as ferramentas Web Workers e ThreeJS.

 

Próbaas ti accedendo ao Chrome WebLab.…

Esquemáticos: gráficas expandidas funcionais

Acabo de descubrir o traballo “Esquemáticos” da artista mexicana Amor Muñoz.

A instalación consiste nunha serie de diagramas de circuítos electrónicos analóxicos bordados a man sobre teas de gran tamaño (300 x 150 cm). As pezas inclúen os compoñentes electrónicos reais, que están interconectados entre si mediante fío condutor pola parte posterior, de maneira que os circuítos son completamente funcionais e poden ser operados polo público.

[Esquemáticos from Amor Munoz on Vimeo.]

Estes son os circuítos da instalación:

  • Un alcolímetro mide o nivel de alcol no alento do participante. Se o nivel é baixo apenas acenderanse uns LEDs, pero se é alto soará a sirena dunha ambulancia. Para iso utiliza unha serie de amplificadores operacionais que actúan como comparadores. Para axudar ao público a probar o circuíto proporciónaselles un grolo de tequila.
  • Un sensor de audio conectado a un relé fai que funcione e se apague un vello tocadiscos.
  • Un circuíto integrado 555 crea oscilacións de son en resposta aos debuxos que realiza a xente cun lapis de grafito. Está baseado no xa coñecido por nós Drawdio.
  • Un órgano electrónico conta con 8 pulsadores que corresponden á escala musical.
  • Un sensor de frecuencia cardíaca que activa un LED e un altofalante seguindo o ritmo do pulso da participante.

 
Gústame moito a idea para levar a cabo no instituto aproveitando que en 4º de ESO hai un bloque de contidos adicado á electrónica. Habería que buscar unha parede axeitada para realizar unha instalación. Xa veremos para o curso que vén.
 
En palabras da artista:
“O debuxo comunmente é entendido como un medio de representación gráfica bidimensional que ten como fin a transmisión de información, mensaxes, ideas, etc. Neste caso interésame abordar ao debuxo como un sistema expansible e funcional. Por tal motivo encontro un interese particular no debuxo electrónico, pola súa calidade técnica e por ser unha estrutura universal de representación e significacións mediante símbolos gráficos, que proporcionan datos para a análise, deseño e elaboración de artefactos.”

Cycloïd-E. Escultura cinética sonora.

Pareceume boísima a escultura cinética sonora “Cycloïd-E” de Cod.Act:

[youtube: Cycloïd-E] (Visto no tumblr de Conscientious Redux)

Baixo a etiqueta de “Cod.Act”, André e Michel Décosterd desenvolven producións artísticas (esculturas, instalacións, performances, etc.) que combinan o movemento e o son.

O movemento descrito polo Cycloïd-E recorda ao movemento caótico que realiza o dobre péndulo, pero neste caso non está movido pola acción da forza gravitatoria, senón polo movemento que lle proporciona un motor.
A escultura consiste nunha serie de tubos conectados entre si mediante eixes que permiten a libre rotación entre eles. Un motor central proporciona impulsos que producen o movemento global da estrutura, de xeito que o sistema segue un movemento aleatorio con constantes variacións nas traxectorias e velocidades dos tubos. Un movemento moi lento no brazo pode transformarse nunha rápida rotación dun dos seus segmentos, debido á transferencia de enerxía cinética a través da estrutura.

Para asociar un son ao movemento da escultura utilízanse unha serie de sensores situados nos eixes que unen os distintos segmentos, e que se encargan de recoller os datos de velocidade de cada un, a súa posición, o estado global da estrutura e a densidade das flutuacións. Estes datos son enviados a un ordenador central que se encarga de procesalos e de envíar os sinais resultantes aos altofalantes cos que están equipados os elementos do brazo.
Ademais o espectador percibe resonancias, ritmos, ecos, efecto doppler, etc. que dan unidade e harmonía ao conxunto.

Podes ver máis esculturas sonoras de Cod.Act na súa web

Quinteto de corda robótico

Hoxe é venres, así que imos animar esta fin de semana cun pouco de música. Hoxe traemos un quinteto de corda robótico que é capaz de compoñer e interpretar melodías de forma autónoma.  É obra de Wilfried Stoll e un equipo de enxeñeiros da firma Festo. Aquí tedes o vídeo:

[NewScientist: Robotic instruments compose and perform tune]

O sistema escribe música ao escoitar a un intérprete tocar unha melodía nun xilófono ou nun teclado MIDI.

Unha computadora é capaz de crear unha reinterpretación da melodía descompóndoa en diferentes partes para cada instrumento. Para facelo utiliza unha serie de normas derivadas do xogo do matemático John Conway, Game of Life.

O sinal procesado resultante transmítese ás cordas robóticas: Un actuador eléctrico móvese cara arriba e cara abaixo da cadea para producir o ton correcto e un cilindro pneumático move un martelo para facer vibrar a corda.

Os robots poden escoitarse os uns aos outros, xerando novas variacións do tema orixinal.

A instalación ten o único propósito de demostrar como un sistema manual pode ser substituído por unha rede de robots autónomos. O equipo busca agora automatizar os procesos baseados na teoría evolutiva para transformar as fábricas do futuro. Xa nos informaremos do que se vai acadando, pero de momento quedámonos coa música.

(Visto en alt1040)
 

Se o teu é a música algo máis cañeira, podes ver unha banda de robots interpretar «The Beautiful People» de Marilyn Manson.…

A máquina que fai desaparecer o movemento

O motor da máquina que podes ver a continuación móvese a unha velocidade angular de 200 rpm (revolucións por minuto) e a última engrenaxe está incrustada nun bloque de formigón. Como é posible iso? Onde marchou o movemento? Desapareceu?

concrete side
[Machine with Concrete – Arthur Ganson]

[youtube: Machine with Concrete – Arthur Ganson]

Para entender o que está a suceder podemos facer uns cálculos. A máquina consta dun motor que xira a 200rpm unido a unha serie de 12 sistemas de transmisión parafuso sen fin – coroa, cada un cunha relación de transmisión 1/50.

Xa coñecemos o magnífico poder redutor do sistema sen fin – coroa. Neste caso a relación de transmisión utilizada é 1/50, é dicir, necesitamos 50 voltas do parafuso para que a roda dentada dea unha volta.

i= 1/50

Para calcular a relación de transmisión global de todo o sistema formado por 12 conxuntos sen fin – coroa, multiplicamos as relacións de transmisión parciais.

iT= (1/50)12 = 4,096 · 10-21

Para calcular a velocidade á que se move a última engrenaxe só temos que multiplicar a velocidade do motor pola relación de transmisión total:

n2 = iT · n1
n2 = 4,096 · 10-21 · 200 rpm = 8,192 · 10-19 rpm

Unha velocidade moi moi moi pequena.

Imos calcular agora canto tardaría a última engrenaxe en dar unha volta completa:

1 volta · 1 minuto/8,192·10-19 voltas · 1h/60min · 1día/24h · 1ano/365días = 2,32·1012 anos = 2.320.000.000.000 anos

Isto significa que se a máquina funcionase continuamente e sen interrupción tardaría 2,32 billóns de anos en darlle unha volta completa ao bloque de formigón. Polo tanto, podemos incrustar a última engrenaxe no bloque de formigón, nun edificio ou onde queiramos, a velocidade é tan reducida que practicamente é coma se non se movese.

·

Esta máquina é obra do artista Arthur Ganson, un enxeñeiro mecánico de profesión que tamén se dedica á creación de esculturas cinéticas. Ten obras moi interesantes. Velaí dúas que me encantan:

[youtube: Machine with Roller Chain – Arthur Ganson]

[youtube: Machine with Ball Chain – Arthur Ganson]

Podes ver máis obras de Arthur Ganson na súa web.…