Vaixela eléctrica

Cada día aparecen novos gadgets que incorporan a electrónica a obxectos que nunca a precisaron. De feito a electrónica non fai máis que ocupar cada vez máis espazo nas nosas vidas.

Agora parece que chegou a hora de incorporarse ás nosas mesas, xusto debaixo dos alimentos.

plate1.jpg

Drach e Dov ganchrow incorporan aos pratos un conductor metálico serigrafiado sobre a cerámica, de xeito que se conectamos unha fonte eléctrica xérase a enerxía calorífica necesaria para manter os alimentos quentes, todo iso sen deixar de lado un bo gusto na decoración.

plate2.jpg plate3.jpg

Neste caso a decoración resulta ter unha utilidade a maiores da puramente estética, ou a resistencia ten forma artística e decorativa, segundo se queira ver. De novo arte e tecnoloxía camiñan xuntas.


paraSITEs

Onte, falando cunhas compañeiras do frío que fai e do mal que o deben de estar pasando as persoas que dormen na rúa, acordeime dun post publicado hai pouco en inicios.es, un interesante espazo que investiga as interseccións entre a arte contemporánea e o activismo político e social.

No post en cuestión fala dos “parásitos” (paraSITEs) de Michael Rakowitz, que son construcións de polietileno, bolsas de plástico e celo que están construídas para aproveitar a enerxía calorífica que sae dos sistemas de ventilación para ofrecer un refuxio quente a quen non teña un teito para protexerse.

michaelRakowitz2.jpg

Rakowitz repartiu diversos prototipos a máis de trinta persoas sen fogar en Boston e New York provocando dúas reaccións interesantes. Por unha banda, algúns usuarios vírono como un modo de reclamar o seu lugar na cidade. Por outro, o resto de veciños comezaron a temer que os parásitos reproducísense dada a súa evidente utilidade, o número de persoas sen fogar nestas cidades e o sinxelo do sistema.

MichaelRparaSITE.JPG

Paréceme unha interesante intervención tecnoartística de aproveitamento enerxético, e unha forma útil (polo menos para os “senteito”) de chamar a atención sobre unha realidade social.


Mira o son e escoita a imaxe

No blogue “4ºD” fálannos do proxecto Monalisa, que consiste en converter unha imaxe en son e un son nunha imaxe.

Este vídeo amósanos unha instalación que utiliza ese sistema. Ao principio faise unha foto. Despois esta foto convértese en son e reprodúcese. Este son recólleo un micrófono que volve converter o son en imaxe a cal proxéctase na pantalla.


Monalisa “Shadow of the sound” from Cuarto derecha on Vimeo.

Pódese ver que a imaxe resultante queda distorsionada. Isto é porque o son vese afectado pola resonancia das paredes da habitación, por iso sae a imaxe repetida.

O sistema supoño que consistirá en establecer unha equivalencia dixital son-imaxe. Cando dixitalizamos a información somos capaces de converter imaxes e audio en impulsos eléctricos que se traducen en información binaria, e tamén podemos realizar o proceso inverso, unha información almacenada de xeito dixital podemos reproducila a través dun altofalante ou dunha pantalla. Podes saber algo básico sobre isto na sección de “dixitalización da información

Se dispoñedes dun iPhone, podedes probar o sistema de converter imaxe en son coa aplicación gratuíta iMonalisa, desenvolvido por Audible Realities

Máis información en monalisa-au.org


Música tele-robótica

Vía Make, atopo inormación sobre un proxecto no que persoas de todo o mundo poden participar a través de internet para facer música: Telematic Drum Circle. Desgrazadamente xa non está dispoñible a pariticipación.

Trátase dun proxecto artístico presentado en ArtBots 08 que combina robótica, telemática, pneumática e música. (Ver esquema do control)

Consta dun conxunto de tambores dispostos en círculo que son manipulados a través de internet por usuarios e usuarias de todo o mundo, que deben sincronizarse para crear unha composición musical. A intención é promover a harmonía global en todo o mundo.

Aquí está o vídeo:

Outro proxecto de creación de robo-música telemática é Absolut Quartet, de Jeff Lieberman e Dan Paluska. Desgrazadamente, tampouco está accesíbel a participación.

Neste sistema, unha persoa a través de internet teclea unha melodía, e a máquina xera en tempo real unha peza musical baseada na música de entrada.

O principal instrumento é un lanzador de bolas de goma, perfectamente dirixidas para que reboten nunhas teclas de madeira. Tamén hai un conxunto de vasos de viño manexados por dedos robóticos, e un conxunto de instrumentos de percusión que completan o instrumento.

(Esta entrada dedícolla a Iván, polo seu robot-xilófono)


Lixo creativo

taller_cirquit_beding_02_p.jpgBasurama é un colectivo dedicado á investigación e á xestión cultural desde 2001 que centrou a súa área de estudo e actuación nos procesos produtivos e na xeración de lixo que estes implican. Nacido na Escola de Arquitectura de Madrid, aborda a produción de lixo na sociedade de consumo a través de actividades creativas de diversa índole, aportando novas visións que actúan coma xeradoras de pensamento crítico.

Entre as súas accións atopamos obradoiros e exposicións de traballos feitos con material de refugallo de todo tipo, incluídos vellos ordenadores, ou a construción de instrumentos musicais e posterior concerto con eles.

Tamén están Circuit Bending e Obsoletos, proxectos de investigación, creación e difusión de sistemas creativos de transformación de residuos electrónicos.

Outras actividades desenvolvidas en Basurama pódense consultar nesta páxina, e as que aínda non se atopan arquivadas estan en proxectos recentes.

taller_obj_5.jpgOs escasos orzamentos cos que traballamos na educación secundaria, que nos conducen inevitablemente a botar man de material de refugallo para a construción dos prototipos desenvolvidos na aula, tamén nos axudan a ser conscientes da cantidade de lixo que xeramos e tiramos e que aínda se pode reutilizar.

Os cargadores dos vellos móbiles válennos coma fontes de alimentación, os vellos ordenadores que ninguén quere aínda pódense aproveitar para traballar con aplicacións que non requiren moita memoria ou velocidade de procesamento, dos vellos xoguetes que o alumnado aínda garda na casa podemos aproveitar motores, interruptores, LEDs, mecanismos, e un longo etcétera.

Non está de máis, nesta sociedade consumista na que vivimos, que tratemos nas aulas o tema dos resíduos dende un punto de vista crítico, e a utilización creativa do lixo paréceme unha forma eficaz de abordalo.