tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Un teléfono móbil en 1922

Moitos anos antes de que se fixese realidade, as persoas xa querían comunicarse mediante teléfonos móbiles. Aquí tedes un dos anos 20 do século pasado:

[youtube: World’s First Mobile Phone (1922)]

En realidade non é un teléfono tal e como o concibimos hoxe en día, xa que non permitía unha comunicación bidireccional. Aínda que se publicitase como teléfono, o invento non era outra cousa ca un receptor de radio. Había que conectalo a terra atando un cable na boca de incendios e despregar unha antena instalada un paraugas para recibir o sinal da operadora da central telefónica. Imaxinades ter que facer iso hoxe en día?

(Visto en disquecool.com)

Sobre móbiles e normativas

Onte publiquei en educacontic.es un artigo de opinión sobre as normativas de prohibición dos dispositivos electrónicos nos centros educativos. Hei de dicir que estas reflexións foron expostas no meu centro a principio de curso, e que pouco conseguín. De tódolos xeitos, quero compartilas coa comunidade educativa e contribuír con elas ao debate.

No meu centro boto moito en falta algunha intervención educativa que promova o correcto uso da tecnoloxía móbil e de Internet, incidindo especialmente nas cuestións éticas relativas ao seu uso. Vexo no alumnado pouca consciencia sobre o público e o privado, do que é aberto e do que é pechado en Internet, e cómpre o coñecemento dos dereitos das persoas ao honor, á intimidade, á propia imaxe, ao segredo das comunicacións e á protección de datos, e tamén cómpre aprender a protexerse fronte ás posibles agresións. Prohibindo ao alumnado sacar do peto un aparello electrónico non se consegue educación ao respecto, e tampouco vexo compatible unha intervención educativa neste sentido baixo unha normativa prohibitiva e unha mensaxe antitecnolóxica.

Guste ou non, hai unha realidade: a gran maioría do alumnado, especialmente nos cursos superiores, ten un smartphone con acceso a Internet. Ou asumimos esta realidade aproveitándoa educativamente, ou negámola prohibindo completamente o seu uso sexa cal sexa o contexto. Eu opto pola primeira opción, pero non depende só de min.

Supoño que non serei eu quen faga cambiar a opinión da xente. Xa se encargará a propia realidade cando non quede máis remedio que aceptala. Iso si, cando isto se acepte xa será tarde, e haberá novas tecnoloxías que á súa vez se prohiban, volvendo a repetirse a mesma historia nos centros de ensino, que funcionan sempre anos por detrás do mundo real. Sobre isto vén a conto a viñeta “Eran tempos difíciles” que vin hoxe en Microsiervos:

Cando as mochilas nos persigan

Comezou o curso en Educación Secundaria, e a primeira imaxe que se ve é a dunha morea de rapaces e rapazas con pesadas mochilas ao lombo. Pode ser que isto deixe de verse dentro duns anos, xa sexa porque unicamente fará falta levar a clase unha tableta electrónica ou porque evolucionen as mochilas na dirección que marca este invento de Rodrigo García: Hop, a maleta que anda soa.

Trátase dunha maleta capaz de seguir a unha persoa 80 cm por detrás. Oriéntase grazas a unha serie de receptores capaces de recibir os sinais que lle chegan desde o móbil do usuario ou usuaria. Unha tarxeta arduino interpreta estes sinais obtendo a posición do teléfono respecto á maleta, e envía ordes precisas a un sistema de tracción de eiruga que lle permite salvar obstáculos e subir escaleiras.

[hop! the following suitcase from rodrigo garcía on Vimeo.]

Aínda falta moito para perfeccionar este sistema e non sei se nun futuro terá saída comercial. Eu desde logo que no caso dos centros de ensino aposto pola utilización de dispositivos electrónicos e abandonar o papel, polo menos no que se refire ao material de consulta, titoriais e lecturas, pero neste sentido creo que aínda queda moito por andar, pois cómpre un cambio de mentalidade nas e nos docentes con respecto ás tecnoloxías móbiles e persoais.…

Wi-Fi na escola. Ondas electromagnéticas e saúde.

Publiquei este artigo en educacontic, pero vouno reproducir (e ampliar un pouco) tamén aquí, pois escribino por mor da campaña contra a Wi-Fi nas escolas que estou a ver estenderse en Galicia, e tamén porque vén a conto co vindeiro tema que imos ver en 4º de ESO sobre tecnoloxías da comunicación.

Desde hai uns meses, en varias ocasións chegoume información sobre unha campaña en contra da inclusión de tecnoloxía Wi-Fi nas aulas que denuncia que ten efectos prexudiciais para a saúde. Tanto na información que lin sobre esta campaña como nos debates que tiven en diversos foros observei moi pouco rigor científico nas argumentacións.

Non vou poñerme neste artigo a rebater, punto por punto, os argumentos esgrimidos na campaña anti Wi-Fi, pero si me gustaría aclarar certos conceptos científicos básicos sobre a radiación electromagnética que a xente debería ter en conta á hora de construír a súa propia opinión.

A natureza da radiación electromagnética.

Se organizamos as ondas electromagnéticas en función da súa frecuencia (Hz = Hercios) obtemos o chamado espectro electromagnético.

Canto maior é a frecuencia da radiación maior é a enerxía (J) que transmite.

Segundo se a radiación é capaz de romper enlaces das moléculas ou non, podemos diferenciar entre radiación ionizante e non ionizante. Os raios gamma, raios X e luz ultravioleta son ondas ionizantes, pois son ondas de alta enerxía que poden producir danos no ADN. O resto son ondas non ionizantes e non provocan ningún dano nas moléculas.

En telecomunicacións (radio, televisión, teléfono móbil, GPS, radar, Wi-Fi, bluetooth, etc.) utilízase o chamado espectro radioeléctrico, que abrangue frecuencias desde os 153 kHz até os 300 GHz.

A tecnoloxía Wi-Fi utiliza polo xeral a banda de 2,5 GHz (2,5·109 Hz), que se atopa dentro do rango das microondas.

Unha das afirmacións que máis escoitei é que as microondas que utiliza a wifi “son malas e provocan cancro”. Se observamos o espectro electromagnético, veremos que esta radiación é non ionizante, ten algo máis de enerxía cás ondas de radio, pero moita menos cá luz visible. Hai algunha razón pola que debemos ter medo dos efectos da radiación de microondas e non da luz dunha lámpada? Non ten esta unha maior frecuencia e enerxía e é máis daniña?

O primeiro erro na argumentación é, polo tanto, acusar á microondas de nocivas só pola súa natureza, sen analizar outras variables como a súa intensidade ou potencia.

A potencia da radiación.

Supoño que o medo á radiación do rango das microondas utilizada en telecomunicacións provén de asociala co forno microondas, capaz de quentar os alimentos ao facer vibrar as moléculas de auga contidas nos mesmos. Con todo, este efecto está máis relacionado coa potencia da radiación utilizada que coa propia natureza da mesma.

A potencia é a cantidade de enerxía transmitida pola unidade de tempo, e mídese en vatios (W).

A potencia á que pode funcionar un forno microondas pode ser da orde dos 1000 W.

Os valores típicos de potencia de emisión dos dispositivos Wi-Fi habituais atópase entre os 32 e os 100 mW (entre 0,032W e 0,1W) o cal é unha potencia insignificante, que non ten efecto algún sobre as nosas células.

Para entendelo pensemos, por exemplo, nas forzas. Unha forza de 1 N sobre o meu brazo non me provoca ningún efecto, pero unha forza de 10.000 N estrágamo completamente. Ben, pois o mesmo sucede coa radiación. A luz visible é a que nos permite ver, pero esa mesma radiación nun láser pode cortarnos a retina. Os efectos que podan ter sobre a saúde diferentes fenómenos físicos (radiación, temperatura, forzas, corrente eléctrica, etc.) teñen máis que ver coa súa magnitude que coa súa natureza.

A Axencia de Protección da Saúde británica di que “sentándose sobre un punto de acceso Wi-Fi durante un ano recíbese a mesma dose de radiación que cunha chamada de teléfono móbil de 20 minutos”. Habería que coñecer os datos exactos de potencia en cada caso e realizar os cálculos, pero supoño que a afirmación non vai desencamiñada.

Para saber máis:

Recoméndovos ver este vídeo do programa Escépticos de ETB: As ondas do mal? Xa o publicara hai tempo noutra anotación.

[eitb.com: Escépticos (Capítulo 4): ¿Las ondas del mal? ]

Ligazóns:

 

Para tomalo con humor:

Por se hai dúbidas

  • Organización Mundial da Saúde: “A pesar das abundantes investigacións realizadas, até a data non hai probas que permitan concluír que a exposición a campos electromagnéticos de baixa intensidade sexa prexudicial para a saúde das persoas.
  • Instituto Nacional do Cancro de EEUU: “Non hai evidencia concluínte ou consistente de que a radiación non ionizante emitida polos teléfonos celulares estea asociada cun maior risco de cancro”
  • Journal of the National Cancer Institute: “O efecto fotoeléctrico non é unha cuestión de opinión, a absorción de enerxía de radiofrecuencia non pode romper as moléculas de ADN, e os estudos en animais son bastante consistentes en mostrar que non hai aumentos de cancro como consecuencia da absorción de enerxía de radiofrecuencia”.

GalApps: Galego no teu Android

Se tes un dispositivo móbil funcionando con android non tes ningunha escusa para falar e escribir ben en galego.

A xente de GalApps pon á nosa disposición tres estupendas aplicacións para levar o galego no peto:

ConxuGalego DicionarioGalego TradutorGalego
Conxuga automaticamente verbos en galego Busca calquera termo e descobre tódalas posibles acepcións da palabra. Traduce automaticamente do galego ao español, catalán,  inglés ou francés, e viceversa.
conxugalego_qrcode.png dicionariogalego_qrcode.png tradutorgalego_qrcode.png
ir a market.android ir a market.android ir a market.android

E se tes pensado agasallar a alguén cun androide, lémbrate de instalar antes estas aplicacións.…