tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Chrome WebLab: Interactuando en liña co Science Museum de Londres

O Science Museum de Londres é deses museos imprescindibles para toda persoa amante da ciencia e da tecnoloxía. Se ides a Londres non volo perdades!

Pero se estades a quilómetros de alí tedes a oportunidade de interactuar en vivo a través de Internet coas cinco instalacións do Laboratorio Web de Chrome no museo.

[youtube: WebLab (Beta)]

Abre o teu navegador Chrome e proba estas experiencias. A min as que máis me gustaron foron a Orquestra e o Sketchbot:

Orquestra Universal:

En colaboración con outros usuarios e usuarias de todo o mundo podemos facer música utilizando os instrumentos robóticos localizados no museo, que serán controlados remotamente por nós. Podemos elixir entre 7 instrumentos, sempre que non estean xa collidos, e dispoñemos de 6 notas para tocar. A melodía que se escoita é o resultado da combinación dos sons das persoas que están tocando no mesmo intre.

A aplicación utiliza tecnoloxía webshockets, que permite a comunicación simultánea entre varias persoas.

Robodebuxante:

Sketchbot é unha instalación robótica capaz de debuxar caras en area. Desde a aplicación calquera usuario pode enviar unha imaxe do seu rostro utilizando unha cámara web. Esa imaxe convértese primeiro nun debuxo lineal e, de seguido, nunha serie de instrucións que o robot debe seguir para reproducilo sobre area. Podes seguir en directo a través de streaming como o robot vai debuxando a túa imaxe.

Para o desenvolvemento desta aplicación usouse Canvas e Web Workers.

 

Hai outras instalacións tamén curiosas:

O Teletransportador permítenos viaxar a outros lugares e observar o entorno en tempo real. Podemos visitar unha panadería en Carolina do Norte, o aeroporto en miniatura de Hamburgo ou un acuario de Suráfrica. É posible visualizar estes  vídeos desde o noso navegador en tempo real grazas ás tecnoloxías WebGL e Vídeo HTML5.

Mediante o Rastreador de datos podemos descubrir o lugar de Internet no que está localizada unha imaxe elixida nun buscador. Funciona utilizando a ferramenta Traceroute, capaz de rexistrar os servidores polos que pasa un paquete de datos ata chegar ao seu destino final. Utiliza tamén  WebGL para xerar contornos virtuais en 3D.

Cada persoa usuaria de Chrome WebLab recibe unha tarxeta que lle permite almacenar e recuperar as súas creacións. Mediante a aplicación Explorador de Tarxetas podemos ver as creacións dos visitantes. Para que o acceso á información de Internet resulte un proceso rápido e eficiente , Chrome incorpora o motor Javascript V8 e para amosar estes datos en pantalla utiliza as ferramentas Web Workers e ThreeJS.

 

Próbaas ti accedendo ao Chrome WebLab.…