X Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

apetegaPara o profesorado de tecnoloxía:
Xa están en marcha as X Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, que este ano vanse realizar no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela os días 23 e 24 de Abril de 2010.

Eu repetirei o obradoiro de robótica con Lego Mindstorms NXT “Robots en acción!” das edicións pasadas, así que se aínda non probastes e queredes fedellar cos robots de Lego vémonos alí.

Tedes toda a información e o formulario de inscrición na web de apetega.


IX Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Xa vos podedes inscribir nas IX Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas por APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia)

xornadas09.jpgEste ano celebraranse no IES Otero Pedrayo de Ourense os días 24 e 25 de Abril de 2009.

Como nas anteriores edicións, a maior parte do programa estará adicado a obradoiros prácticos. De momento aínda non está publicado o listado de obradoiros que se van ofrecer, pero seguramente teremos cousas moi interesantes.
Eu repetirei o obradoiro de robótica con Lego Mindstorms NXT “Robots en acción!” que din o curso pasado, así que se queredes fochicar cos robots de Lego vémonos alí.

O venres pola mañá temos dúas visitas didácticas: ás instalacións da empresa CIE Galfor e ao Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole.

Tamén hai unha interesante conferencia inaugural: “Educar con software libre”, a cargo de Rubén Rodríguez Pérez, director do equipo que desenvolve o sistema operativo Trisquel GNU/Linux.

Tedes a información na web de apetega.


Nova sección de control e robótica

robot LEGOAbrín hai pouco unha nova sección de control e robótica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo. Aínda está incompleta, pero irei ampliándoa pouco a pouco cando vaia atopando tempo, e centrareime en principio nos contidos de robótica con LEGO, en consonancia co material do que dispoñemos para traballar esta parte do currículo.

Tamén podedes ver unha nova ligazón: Robot-Ingenio. É un blogue no que participamos os catro institutos que estamos no proxecto de robótica que empezamos a poñer a andar este curso. De momento aínda estamos subindo as fotografías e vídeos de presentación, pero iremos subindo proximamente outra información sobre como van transcorrendo as probas.

Mañá nas VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia impartirei o obradoiro “Robots en acción”, así que se alguén desexa probar a programación de robots LEGO pode apuntarse (máximo 12)


Resolto o concurso de cartaces para as VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

O cartaz gañador é o realizado por Cristina Iglesias, alumna de 4º de ESO do IES “Fermín Bouza Brei” de Vilagarcía de Arousa.

Podes ver en Flickr a galería de traballos presentados

Grazas ó alumnado do IES Primeiro de Marzo por participar. Outra vez será.

(fonte: apetega)