tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Twitter en galego

Tuiteiras e tuiteiros, despois de dar moita caña a través dos hashtags #twitterengalego e #twitterengalegoxa e, sobre todo, grazas ao traballo voluntario de tradutores e tradutoras, por fin podemos configurar a rede social Twitter no idioma galego.

De momento aínda é unha versión Beta, polo que se supón que a tradución está aberta a correccións e modificacións.

A min, despois de case 5 anos tuiteando, cústame admitir chamarlle chío a un tuit. Non creo que fose necesario traducir unha palabra tan estendida e usada nesta rede, pois iso tal vez provoque máis rexeitamento que aceptación. Non sei. A min persoalmente non me gusta :-(

En fin, parabéns á comunidade tuiteira galega. De tódolos xeitos, non chega con configurar Twitter en galego, hai que tuitear en galego!

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

11 Comments

  1. Completamente de acordo en que despois de tanto tempo non se deberían traducir certas palabras que poderíase dicir que xa pasaron a formar parte da lingua.
    Pero tamén teño que dicir que así coma no caso dos blogs non me gusta o término blogue (galeguización do termo inglés), nin tampouco me acaba de convence-lo término bitácora (traducción do termo inglés) e prefiro utiliza-la palabra en inglés directamente, neste caso si que teño que dicir que a traducción gústame.
    Tanto chío como chieiro sóanme ben. É unha traducción á que me podería acostumar.

    • Blogue non ten ningún éxito, e case non se usa. E témome que chío vai ter o mesmo éxito que blogue: a maioría da xente non vai usalo. Ou tal vez me equivoque e teña un exitazo, non sei.

      De tódolos xeitos haberá que diferenciar entre os termos que veñen nos dicionarios (mira blogue) que, nos gusten ou non, admítense como válidos, e os termos técnicos que aínda non contan cunha mención nos dicionarios (a maioría).

  2. opinións haberá para tódolos gustos… a min persoalmente, encántanme as verbas “chío” e “rechío”, e polo visto nas poucas horas que leva a posibilidade aberta, somos moitos ós que gostamos do término.
    o tempo dirá se foi acertado ou non

  3. Parabéns aos que colaboraron na tradución de case 15.000 cadeas e aos que as votaron democraticamente. A mín encántame Chío.

  4. O da aceptación de chío e rechío depende dos círculos nos que te movas. Eu comenteino hoxe en clase aos alumnos de bacharelato e chío non gustou. A min tampouco me emociona, pero dáme igual. O que si penso é que como non o use todo o mundo ou a maioría da xente o termo non vai funcionar, e iso é algo que hai que ter en conta.
    De tódolos xeitos, parabéns pola tradución.

  5. Eu non son partidaria de traducir os termos técnicos, pois teñen un significado particular, novo e diferente ás palabras clásicas usadas nas traducións. Neste caso concreto eu deixaría tweet ou tuit, pero chío non ten nada que ver con twitter. Neste debate o que estou vendo é que a xente máis filóloga gusta máis de chío e a máis técnica gusta máis de tweet ou tuit. Non vexo que haxa consenso.

  6. Parece que hai opinións de todos os gustos!
    Ana, estou contigo en que os termos técnicos non se deben traducir alegremente, e non debería haber tanto rexeitamento á invención de novas palabras, como tuitear, clicar, etc. pois non necesariamente hai que usar palabras existentes no dicionario.
    Eu agora estou vendo en twitter algo de follón cos termos rechiar ou rechouchiar, que para min non son válidos neste contexto, aínda que non me vai quedar outra que aceptalos. Xa veremos en que queda a cousa.

  7. Sera pouco tecnico pero rechouchío mola!

  8. A min gústanme chío e rechío

  9. Onte cando estaba fedellando, fixeime que ten algúns erros e por exemplo o espazo adicado ó número de persoas que sueguen ou o número de “chíos” aparecía en branco. Supoño que vai ir poñéndose en orde…. pero un erro tan grave na estrea….

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.