Arte e tecnoloxía

Na antigüidade non había separación entre arte e tecnoloxía, e un exemplo moi claro é o traballo de Leonardo da Vinci, pero despois, especialmente durante o século XIX, concíbense a arte e a tecnoloxía como dúas culturas completamente separadas, sen conexións entre si. Incluso chega a descartarse a tecnoloxía cando se fala do concepto de cultura.

Escola Bauhaus. Cadeira WasilliA partir do século XX comezan a aparecer movementos artísticos que comezan a integrar a práctica artística e tecnolóxica, inspirándose ou explotando nas súas obras a tecnoloxía xurdida da industrialización. Un dos movementos máis significativos neste proceso de integración foi a escola Bauhaus (ler máis), que a principios do século XX estendeu a arte á vida cotiá e á industria, promovendo o valor e o desenvolvemento do deseño industrial, unha disciplina na que, como na arquitectura, conviven sen problemas os criterios artísticos e técnicos.

A mediados do século XX nace a arte cinética (ler máis), que empeza a integrar sistemas mecánicos nas obras de arte, e a partir dos anos 60 os intentos de síntese entre arte e tecnoloxía fóronse estendendo e multiplicando, proceso que se fixo imparable coa emerxencia das tecnoloxías audiovisuais e da comunicación.

Hoxe en día a fronteira entre arte e tecnoloxía desaparece en cada intervención artística de vangarda. Un exemplo diso é a exposición Máquinas & Almas (ler máis) que se exhibe no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en Madrid, que amósanos o dualismo arte-tecnoloxía a través do traballo con robótica, mecánica ou software de artistas como Theo Jansen e a súas criaturas mecánicas, Sachiko Kodama e as súas esculturas con ferrofluídos, Chico MacMurtrie e os seus robots antropomórficos ou abstractos, o físico Paul Friedlander e as súas esculturas de luz ou Daniel Rozin cos seus espellos mecánicos.

[Ver en SlideMyPicks]

A mostra, lonxe da concepción da tecnoloxía como elemento deshumanizador, amósanos a tecnoloxía como sistema que nace da propia humanidade, e a través da cal nos expresamos, sentimos e creamos. Se facedes unha escapada por Madrid no vola perdades.

Falando agora do ámbito educativo, hoxe en día aínda se concibe a tecnoloxía como actividade menor polas elites culturais, dificultándose con cada reforma educativa a correcta integración dos coñecementos tecnolóxicos na cultura que se transfire ao alumnado dende a escola.

A unión entre arte e tecnoloxía pode ser a punta de lanza que chame a atención sobre a necesidade de valorar a tecnoloxía como medio de expresión da sociedade, en tódalas facetas e non só a artística, e axude a salvar a inmensa distancia que separa a a ciencia e a tecnoloxía das humanidades nos currículos da educación secundaria. Se entendemos as humanidades como o conxunto de disciplinas relacionadas co coñecemento humano e a cultura, deixar á marxe á tecnoloxía é negar que a tecnoloxía forma parte da cultura, o cal constitúe un erro educativo máis.


Deixa un comentario