Frecuencia e volume

Rafael Lozano-Hemmer é un artista que realiza obras de arte tecnolóxica. Realiza intervencións interactivas en espazos públicos utilizando robótica, proxeccións, son, conexións de internet e telefonía móbil, sensores e outros sistemas que se desenvolven pola presenza do público, interactuando cos corpos das persoas ou coas súas sombras.

Entre os seus proxectos atopamos “Frecuencia e volume”. Trátase dunha instalación interactiva que investiga o espazo radioeléctrico e converte ao corpo en antena, pois permite aos participantes sintonizar radiofrecuencias utilizando a sombra do seu corpo.

antenassombra

Un sistema de seguemento computarizado detecta as sombras dos participantes, que se proxectan nunha escala de entre 100 e 800 m2. As sombras escanean as ondas coa súa presenza e posición, e o seu tamaño controla o volume do sinal.
A peza permite a sintonización de calquera frecuencia desde os 150 kHz aos 1.5 GHz, incluíndo tráfico aéreo, FM, AM, onda curta, celular, CB, satélite, telefonía sen fíos e radionavegación. Pódense escoitar ata 16 canles simultáneas e a contorna sonora xerada é unha composición dirixida polos movementos da xente.

Podes ver máis proxectos de Rafael Lozano-Hemmer na súa web.

(Vía: www.alg-a.org)


Deixa un comentario