Cada vez que un transistor cambia de estado, parte da enerxía eléctrica consumida pérdese en forma de enerxía calorífica. Un microprocesador está composto de millóns de transistores, así que emitirá unha gran cantidade de enerxía calorífica durante o seu funcionamento. Ademais, canto maior sexa a frecuencia de procesamento (MHz) máis cambios de estado se producirán por unidade de tempo, polo que será maior o calor irradiado.
A máis de 45ºC os sinais internos dos microprocesadores chegan con ruído, e iso tradúcese en que o sistema “cólgase”, e cambios bruscos de temperatura, como alcanzar máis de 100ºC en décimas de segundo, poden provocar a rotura do cristal de silicio do micorprocesador. Por iso é necesaria a existencia dun sistema de refrixeración que evite que o microprocesador se quente en exceso.
Neste vídeo podes ver que lle sucede a un microprocesador cando traballa sen o sistema de refrixeración:
Nota: O vídeo é vello, os AMD novos xa non se queiman ao momento.
A maioría dos ordenadores constan dun disipador metálico, xeralmente de aluminio, e dun ventilador.
Se o ventilador fai un ruído estrano seguramente o que lle suceda é que estea sucio e atascado. Coida de que estea limpo, e non está de máis abrir o ordenador cada certo tempo e pasarlle a aspiradora, sen esquecerte de desconectalo previamente.
Existen outros sistemas de refrixeración, como a refrixeración líquida, que consiste no bombeo de auga arredor dun microprocesador. Anque hai quen tamén aproveita este sistema para refrixerar o seu corpo cando vai en coche poñéndose unha camiseta como a da imaxe.
Existen moitos máis sistemas de refrixeración de microprocesadores, anque son menos habituais, como a refrixeración por metal líquido, termoeléctrica, por heatpipes, crioxenia, etc. Podes coñecelos neste artigo de www.chw.net.