20Q: Un xogo de intelixencia artificial

En Tecnoloxía Habitual falan de 20Q, un xogo que fai uso da intelixencia artifical para adiviñar o que estás pensando en base a preguntas moi concretas que debes responder.

Está baseado na tecnoloxía das redes neuronais e aprende a medida que se van realizando partidas. Cantas máis partidas se xoguen, máis aprende a máquina e maior é a porcentaxe de acertos.

20Q.png

Denomínase intelixencia artificial á disciplina dedicada ao desenvolvemento de axentes racionais non vivos. Non é tarefa doada, pois a maioría dos problemas que hai que resolver non se axustan a un algoritmo ou fórmula determinada, senón que para desenvolver sistemas artificiais intelixentes que resolvan desafíos de forma autónoma precisamos a capacidade de recoñecer patróns, aprender e mellorar o funcionamento a partir da experiencia acumulada.

As persoas, se temos un problema que non podemos resolver mediante un algoritmo, recorremos á nosa experiencia para buscar a solución. As redes neuronais non son máis que un modelo artificial e simplificado do cerebro humano, un sistema que é capaz de adquirir coñecemento a través da experiencia, memorizar e asociar feitos.

Aínda queda moito por andar neste mundo, e seguramente nun futuro teñamos á nosa disposición robots realmente intelixentes, pero de momento aínda son bastante parvos. Todo chegará.

aprendendo.png


2 comentarios en “20Q: Un xogo de intelixencia artificial”

  1. Na facultade de Informática temos unha asignatura de redes de neuronas artificiais, e é bastante curioso que con unha rede neuronal de unha soa neurona, se poda elimina-lo ruido dun sinal; e con unha dunhas duascentas neuronas, identificar impresións dixitais.

    Responder
  2. Pódeselle chamar rede a un sistema formado por unha soa neurona? Para que sexa rede polo menos teriamos que ter dúas, non?

    Teño un libro por casa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía: “Viaje al universo neuronal”. Explica de forma amena, anque bastante densa, como funciona o cerebro. É abraiante a complexidade e eficacia da intelixencia biolóxica, e daste de conta do que ten que evolucionar a intelixencia artificial.

    Hai diferenzas moi importantes no “hardware” utilizado. Por exemplo, mentres nun ordenador o procesamento da información e a memoria realízanse a través de dispositivos diferentes, no cerebro non existe unha distinción entre unha e outra función. As mesmas neuronas que procesan a información poden, modificando as súas sinapsis, ser o lugar de asento da memoria. De feito a memoria non está localizada en ningún lugar concreto do noso cerebro.

    Non sei, pero pégame que coa electrónica dixital a evolución da intelixencia artificial está bastante limitada, farían falta outro tipo de sistemas. Non cres?

    Responder

Deixa un comentario