Hoxe en día utilizamos medios de comunicación sociais para deixar mensaxes aos nosos amigos e amigas. Se deixas a mensaxe “Voume de vacacións a Carnota!” en tuenti , no fotolog ou en twitter, os teus contactos decataranse de que marchaches de viaxe un tempo, sen ter que avisalos un por un mediante SMS.
Pois isto que estamos utilizando non é algo novo. Cambiaron os medios, agora electrónicos, pero a idea de deixar mensaxes en público de xeito que calquera persoa as poida ver xa existía en 1935. (Vía:lo que sea .0)
O que ves na imaxe chamábase “O notificador“, unha máquina instalada nas rúas, tendas e estacións de Londres a principios do século pasado que servía para que as persoas puidesen deixar mensaxes en público. Só había que escribir unha mensaxe nunha tira de papel continuo e introducir unha moeda para que a nota permanecese detrás dun cristal da máquina durante un mínimo de dúas horas.
Hoxe en día utilizamos redes sociais en Internet, que son dun gran potencial comunicativo e formativo, pero pensa que nas redes sociais abertas ao público calquera persoa pode ler as túas mensaxes e ver as fotos e vídeos que publicas.
Debes deixar para o ámbito privado aquelas mensaxes e fotos persoais que non desexes compartir con calquera. Se non as publicarías nunca na máquina “Notificador” ou no taboleiro de anuncios do insti, tampouco o fagas en Internet, pois vén sendo o mesmo, anque con outras tecnoloxías que lle dan soporte.