Mesturando o mundo real e o virtual

Internet e a información existente na rede rompen a barreira do virtual e comezan a introducirse no mundo real como un elemento máis do noso entorno. A rede evoluciona máis alá do ciberespazo, de xeito que xa podemos acceder á información que queiramos en calquera momento e en calquera lugar, superpoñéndoa aos obxectos físicos que temos diante dos nosos ollos.

Isto é posíbel grazas á realidade aumentada, que está entrando con forza en múltiples e variadas aplicacións.

Para conseguir a realidade aumentada necesitamos:

  • Unha cámara de vídeo conectada a un ordenador, ao teléfono móbil ou a calquera outro dispositivo portátil.
  • Un dispositivo de saída como poden ser un monitor, gafas de realidade virtual, pantalla do móbil, etc.
  • Unha CPU que analice e procese os datos
  • Outros dispositivos, segundo a aplicación a desenvolver: GPS, compás, acelerómetro, etc.
  • Software

A cámara capta imaxes da contorna real e envíaas á CPU, que se encarga de analizalas e procesalas segundo as instrucións do software instalado. Estas imaxes poden compararse con algunha base de datos existente ou coa información de internet. Feito isto, o ordenador superpón información dixital ás imaxes captadas e envía o contido resultante á pantalla.

Aquí hai algúns exemplos:

Identidade aumentada:

Augmented ID é un sistema que visualiza as identidades dixitais das persoas que se reúnen na vida real. Cun dispositivo móbil e software de recoñecemento facial, Augmented ID permite acceder a información sobre as persoas que tes arredor, como o seu perfil nas redes sociais, o seu sitio web, ou calquera ligazón á web social que o usuario faga pública para o sistema.


youtube: TAT augmented ID (Visto en El Caparazón)

Navegadores en realidade aumentada:

Hai aplicacións para móbiles que engaden ás imaxes reais de lugares unha serie de ligazóns e información extraída en tempo real da web. Funcionan determinando a posición do teléfono a través de GPS e a orientación do mesmo grazas ao compás do dispositivo e, segundo estes datos de localización, o programa intúe que edificios ou sitios de interese ten o usuario xusto enfronte o teléfono, aportando información sobre os mesmos. Ten aplicacións de información turística, localización de estacións de transporte público, localización e información sobre vivendas de aluguer ou venda, etc.

Hai varios sistemas. Para os terminais co sistema operativo Android temos Layar, que é unha aplicación que se basea no posicionamento do móbil, wikitude, unha guía para viaxes e turismo que utiliza mapas, vídeos e contidos informativos da Wikipedia, ou enkin, que incorpora datos de negocios, lugares e edificios extraídos de servizos como Google Maps.


youtube: Layar, worlds first mobile Augmented Reality browser

Información do metro:

Hai quen se fai un lío cos paneis informativos do metro en grandes cidades, e pode ser que a partir de agora sexa máis doado. Nearest Tube é unha aplicación para iPhone 3GS que incorpora información do metro de Londres sobre o vídeo captado, indicándonos a dirección que hai que tomar para acceder ás distintas liñas de metro, as paradas que hai ou a que distancia están.


youtube: Nearest Tube Augmented Reality App for iPhone 3GS from acrossair (Visto en xataka.com)

Prismáticos turísticos:

mirador.jpgSon moitos os miradores que atopamos cando imos de viaxe a coñecer lugares. Desde eles temos unhas impresionantes vistas de montañas e cidades, pero en moitas ocasións non é doado identificar o que vemos ou localizar determinados lugares, pois os mapas panorámicos de información (cando existen) en ocasións non ofrecen toda a información que nos gustaría.

A realidade aumentada pode mellorar isto mediante especiais prismáticos que capten en tempo real a imaxe que estamos vendo e sobreimpresionen nela textos, audio, fotos, vídeos, etc. Iso é o que fai unha aplicación de themovie.

Realidade aumentada nos museos:

dinosaurio.jpgA realidade aumentada permite aos museos ofrecer información actualizada e contextualizada nos diferentes espazos. Xa non nos fará falta o audífono que soen repartir en moitos museos, xa que mediante a captura de imaxes mediante o dispositivo móbil podemos obter información sobre as diferentes obras que imos vendo.

Pero non todo quédase en obter información. A realidade aumentada pode constituír a propia exhibición do museo, como é o caso da actual mostra de dinosaurios que se está a exhibir en Xapón.

Paréceme destacable neste sentido o traballo de Escultura Aumentada do artista Pablo Valbuena.


youtube: Augmented Sculpture – Medialab07 – Madrid

Son aumentado:

A realidade aumentada pódese aplicar tamén ao son, e non só ás imaxes.
Un exemplo é d-touch drum machine, unha máquina de percusión que capta a posición dunha serie de obxectos sobre unha plantilla e tradúceos en sons segundo o lugar que ocupen.


youtube: d-touch Drum Machine

Eu probeino, pero parece que a versión actual dá problemas coas cámaras logitech, así que esperarei á unha nova versión, ou a versión para linux, na que están a traballar.

Outra aplicación para son é Shazam, que funciona con móbiles android e que permítenos a través do micrófono recoñecer a canción que estamos escoitando, e dinos o grupo, o disco ao que pertence, etc…

Ceo aumentado:

Coa aplicación Google Sky Map, os usuarios de móbiles con android poden situar a posición das estrelas e constelacións en tempo real e no lugar onde se atopen, podéndose observar así as estrelas ao descuberto e saber cal é o nome de cada unha delas.

E haberá máis:

Hai moitos máis exemplos de aplicacións que se están a desenvolver, e isto só acaba de empezar. Nos vindeiros anos xa veredes como irán aparecendo cada vez máis e máis utilidades que mesturan o mundo real e o virtual.

Podes ver máis anotacións publicadas aquí sobre realidade aumentada


Deixa un comentario