21 de xaneiro: A Compostela co galego no ensino!

folga ensino queremos galegoEste xoves 21 de Xaneiro non irei á clase, pois súmome á convocatoria de folga e asistirei á manifestación en Santiago de Compostela convocada por Queremos Galego.

Todo isto vén a conto da presentación por parte da Consellería de Educación do documento de Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Para informarvos da situación, recoméndovos encarecidamente a lectura da Análise da Real Academia Galega. Trátase dun extenso, rigoroso, serio e firme documento de análise feito polos compoñentes desta institución. Un magnífico traballo.

Para coñecer o marco legal desta normativa, recoméndovos a lectura do documento Análise xurídica crítica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. (Actualización 20/01/2010)

Resulta tamén interesante a lectura do ditame de Consello da Cultura Galega. (Actualización 04/02/2010)

Ademais, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fixo unha extensa compilación de artigos, entrevistas e posicionamentos públicos que podedes consultar para informarvos.

Aparte de todo o escrito e argumentado ata agora a través de diversos medios, pouco máis podo dicir sobre isto, pero desexo resaltar dúas cousas:

A lingua galega é cultura.

A lingua galega é cultura, e a cultura propia dun pobo hai que defendela, promovela, difundila, protexela e asimilala.
As escolas e institutos son lugares onde se transmite a cultura, ensínase e apréndese.

Non resulta ético que as directrices, decretos ou leis que rexen o currículo e o funcionamento das escolas e institutos baséense no menosprezo ou no rexeitamento á lingua propia. Iso constitúe non só un ataque á cultura dun país, senón tamén á institución educativa e á labor formativa que se está a facer nela.

As decisións que afecten ao ensino débense basear en criterios estrictamente educativos, científicos e técnicos.

galego_cultura2.pngEstase utilizando o ensino como campo de batalla político, e iso paréceme unha auténtica barbaridade.

Presentar un decreto que non atende a criterios pedagóxicos, aos informes científicos sobre sociolingüística elaborados por universidades e institucións de prestixio e que carece de viabilidade técnica e organizativa supón unha total falta de respecto pola educación e polo traballo que se está a realizar nas escolas e institutos.

Nas aulas galegas dedicámonos a ensinar, a aprender e a compartir. A educar, en definitiva, e nin a escola nin a lingua galega merécense este brutal ataque.

Xa o dixen outras veces: é moi triste que un pobo teña que saír á rúa a defender o seu patrimonio cultural, pero alí estaremos.

——————–

Actualización (1 de febreiro de 2010):
Vídeos da manifestación.


[youtube: Queremos Galego 21X manifestación]


[Manifestación “Queremos Galego” 21-01-2010 from SonCine on Vimeo]


Deixa un comentario