Efecto microondas

Hai tempo que non participo no blogueiro Entroido da Física, que este mes vai ser en cienciamia.net, así que aproveito para explicar aquí o “efecto microondas”. O nome é cousa miña, xa que non sei como chamalo.

Trátase do fenómeno que se produce cando, despois de sacar o café con leite quente do microondas antes de que ferva, botámoslle o azucre e sae todo o contido da cunca coma se se producise unha explosión no seu interior.

Pódelo ver neste vídeo, anque nel só temos auga:

Isto ten que ver co xeito de quentar que ten o forno microondas. Cando quentamos o café con leite as microondas fan que as moléculas de auga que hai no interior comecen a vibrar, aumentando a temperatura.

Podes ver aquí unha animación do movemento das moléculas de auga sometidas a microondas
auga_microondas.jpg

As moléculas de auga rompen as súas ligazóns coas outras moléculas e pasan a estado gasoso, ou vapor, pero non poden saír á superficie debido á tensión superficial, pois non teñen enerxía suficiente para superala. Supoño que ademais da tensión superficial tamén terá que ver a masa de pesadas moléculas que hai por riba cando se trata de leite.

Cando quentamos o café con leite nunha tarteira non sucede nada diso e podémoslle botar o azucre sen problema. O vapor si pode escapar, xa que ao existir un foco quente establécese un movemento de convección no fluído axudando ao vapor a superar tódalas barreiras.
Convection.gif

Volvendo ao café con leite quentado no microondas, o vapor, ao non poder escapar, quédase no seo do fluído a moita presión. No intre en que lle botamos o azucre o que estamos a facer é crear un camiño para que todo ese vapor escape, e así o fai, levándose por diante todo o café con leite que queriamos tomar.

Así que para no sufrir ningún accidente será mellor non quentar excesivamente a auga ou o café con leite no microondas.

Actualización:
Se non sabes como funciona un forno microondas podes consultar esta infografía de consumer.es

Clica aquí para ver a infografía en pantalla completa


2 comentarios en “Efecto microondas”

Deixa una resposta a Adrián Cancelar a resposta