Que é o software libre?

soft_libre.gif
(Imaxe by Néstor Alonso)

O luns escoitei no instituto “O software libre é software gratuíto”. Supoño que haberá moita xente que pense isto, xa que en inglés free significa tanto libre como gratis, pero é unha incorrección. Tanto pode haber software libre que se distribúa cobrando certa cantidade de cartos como software privativo que sexa de balde, así que non debemos relacionar directamente libre con gratis.

O software libre refírese á liberdade dos usuarios e usuarias para executar, copiar, distribuír, estudar e modificar o software, e distribuílo modificado. É dicir, é unha cuestión de liberdade, e non de prezo.

Que significan estas liberdades?

1. Podemos utilizar o software con calquera propósito

Por exemplo, hai software que permite o seu uso gratuíto sempre e cando sexa para uso persoal, pero non permite a súa utilización sen licenza nunha empresa con fins comerciais. Este software xa non sería libre, pois xa non cumpriría a primeira condición.

codigofonte.png2. Acceso ao código fonte para estudar como funciona o programa e/ou para adaptalo ás nosas necesidades.

Podemos atoparnos con software que podemos descargar de balde e utilizalo para o que desexemos, pero se non podemos acceder ao código xa non se trataría de software libre, pois incumpriría a segunda condición.

3.Liberdade para distribuír copias.

opensource.pngCirculan por alí e por alá miles de copias de programas que nos pasamos entre nós, moitas conseguidas de internet. Pero que esteades acostumados a facer iso non significa que teñades a liberdade de facelo. O software privativo non o permite, e sería un acto ilegal, pero o software libre si, vas ter a liberdade de distribuír os programas a quen queiras, cando queiras e como queiras. Non só non te poden dicir nada por facelo, senón que se invita a que o fagas, e incluso poderías distribuílo cobrando unha pequena tarifa, xa que non ten por que ser necesariamente gratuíto.

4.Liberdade para mellorar o programa e facer públicas as melloras en beneficio da comunidade.

Isto está relacionado co dito anteriormente, pois necesitamos acceder ao código e ter liberdade para modificalo e distribuílo. Aquí o importante é o beneficio para a comunidade. Calquera persoa con coñecementos suficientes pode contribuír a que a sociedade dispoña de produtos de software libre cada vez mellores.

Outros tipos de software

Software de código aberto: Soe utilizarse esta expresión para referirse ao software libre, xa que o código fonte é accesible. Porén, pode haber diferenzas en canto as licenzas utilizadas para a súa distribución. As diferenzas entre software libre e de código aberto teñen máis que ver coa filosofía que coa práctica.

Software privativo ou propietario: O seu uso, redistribución ou modificación requiren dunha autorización, ou o código non está dispoñible.

Freeware: É un tipo de software que se distribúe sen custo algún para o seu uso. Soe ser software privativo e non soe ser posible acceder ao código fonte.

Software de dominio público: É o software que non está protexido por dereitos de autor e tódalas persoas teñen dereitos de uso, modificación (no caso de que estea dispoñible o código fonte) e distribución.
Ao non estar protexido por unha licenza copyleft, non cómpre que se distribúan as modificacións baixo a mesma licenza, e polo tanto pode suceder que as obras derivadas se convertan en software privativo.

Software comercial: É aquel desenvolvido por un negocio que pretende obter un beneficio económico da súa utilización. Aínda que a maioría do software comercial é privativo, non son o mesmo, pois pode haber software libre comercial e software privativo non comercial.

Para rematar, tes isto recollino neste mapa conceptual que podes descargar para modificalo:

map-gl-500.png

E tamén este vídeo:

[youtube: software libre]


2 comentarios en “Que é o software libre?”

Deixa un comentario