A arte da chafallada electroacústica

O pasado martes estiven no Marco facendo un “Obradoiro para facer un instrumento dun xoguete electrónico“, impartido por Olaf Ladousse, que nos explicou como fai os seus “doorags”.

Desde unha práctica electrónica moi pouco ortodoxa invita á xente a desmontar un xoguete electrónico sonoro e transformar o son substituíndo unha resistencia fixa por outra variable (un potenciómetro, unha LDR, etc). Variando a resistencia varíase a frecuencia do son emitido polo xoguete, obtendo curiosos instrumentos musicais electrónicos.

Eu tiven mala sorte, xa que o xoguete que merquei nun bazar chinés era tan cutre que non había maneira de modificarlle o son (non tiña resistencia), pero o resto de compañeiros e compañeiras si que obtiveron bos resultados. Aquí hai un vídeo con algúns dos proxectos que fixemos ese día:


[youtube: Doorags]

doorag.jpgO procedemento é moi simple:

  • Desmontamos o xoguete
  • Buscamos unha resistencia preto do chip e poñemos o dedo mollado enriba dela para ver se varía o son. Se varía o son xa está localizada.
  • Cortamos as patas da resistencia e soldamos uns cables, onde conectaremos un potenciómetro. (habería que medir primeiro o valor da resistencia para conectar un potenciómetro do rango axeitado)
  • Tamén pódese substituír a resistencia por unha LDR de xeito que o son varíe ao variar a luz incidente.

Para mellorar o instrumento e que nos quede ben chulo hai que quitar o circuíto da carcasa e colocalo noutra. Por exemplo, á dereita tes un doorag feito cunha cafeteira. Tamén podemos substituír o altofalante por un jack para poder conectar o instrumento a un amplificador.

Neste vídeo explícannos como se fai:

[youtube: Cómo fabricar un doorag]

Na web de olafladousse.com podes ver e escoitar algúns dos deseños de Olaf Ladousse.

Paréceme unha idea estupenda para un proxecto de 3º ou 4º de ESO cando comezamos coa electrónica. Xa sabedes, se tedes por casa un instrumento sonoro que non vos importe destripar e transformar traédeo ao taller para convertelo nun doorag. A ver o que nos sae!


2 comentarios en “A arte da chafallada electroacústica”

  1. Je je… que divertido… unha pena que o teu trebello mercado no chinés non funcionase como esperabas. Botarei un ollo pola casa a ver se teño algún aparato que poda destripar e probar tamén a facer un “instrumento caseiro”.

    Responder
  2. Si que foi divertido. Como o meu xoguete non valía aproveitei para axudar á xente a soldar, a facer fotos e vídeos, …
    Esta é a parte máis sinxela, pero podemos mellorar o instrumento introducindo unha resistencia fixa para aproveitar o percorrido do potenciómetro (hai un rango en que non soa), utilizar un conmutador de varias posicións para substituír os múltiples pulsadores que poida ter o xoguete, substituír un pulsador por ese que se ve do resorte para obter sons intermitentes, etc. Iso xa é cousa de cada un.
    Tentarémolo facen en clase e xa publicarei os resultados se son decentes.

    Responder

Deixa una resposta a Iván Cancelar a resposta