Se nun instituto situado á beira do mar utilízase unha estrutura de aceiro sen protexer e sen mantemento sucede o que nos atopamos diante dos talleres de tecnoloxía: A corrosión acaba co material.
Botádelle unha ollada a estas fotos. Veredes como a corrosión foi coméndose os perfís da estrutura, que chegou a escachar por dous sitios.
A Consellería de Educación xa está avisada desta situación, e esperemos que non agarden a que un temporal leve o tellado polo aire para cambialo.
Que é o que sucedeu?
Se temos unha estrutura de aceiro ao aire e sen protexer poden suceder dúas cousas:
Oxidación
En ambiente seco o osíxeno provoca a oxidación do ferro.
2 Fe + O2 -> 2 FeO
4 Fe+ 3 O2 -> 2 Fe2O3
Se a temperatura non é alta isto pode non ser problemático, xa que a capa de óxido recobre o material e evita que continúe a oxidación. Se a temperatura é alta o óxido despréndese da superficie e continúa a destrución do metal.
Corrosión
En ambiente húmido e en contacto co aire prodúcese a corrosión do ferro, e isto xa é máis grave, pois provoca a destrución lenta e progresiva do material, formándose ferruxe ou hidróxido de ferro.
O ferro perde electróns:
Fe -> Fe++ + 2 e–
Os electróns libres reaccionan co osíxeno e a auga segundo a reacción:
1/2 O2 + H2O + 2 e– -> 2 (OH)–
O ferruxe é esa capa parda que se deposita sobre o material férreo:
Fe++ + 2 (OH)– -> 2 Fe(OH)2
E a cousa complícase cando estamos ao lado do mar, pois o salitre que vén no aire potencia esta reacción.
Esta estrutura habería que retirala e facer unha nova. Como a fariades? De que material? Que medidas protectoras contra a corrosión se deberían tomar?
___
(Este post foi enviado á 13ª edición do entroido da física)
Esto mostra dúas cousas:
1) Os edificios, ao igual ca os coches e os electrodomésticos precisan mantemento.
2) Na estrutura trabállase con grandes marxes de seguridade.
Ãs preguntas finais non me atrevo a responder :P
Parece que non hai moitas ideas, así que coméntoche aquí algunha.
Estas son as ideas que me veñen a cabeza neste momento.
– Aceiro Inoxidable: Resiste prácticamente todo, pero o prezo é bastante alto.
– Aceiro Cortén: É ese aceiro que usan para esculturas e similares. Oxídase moi rápido, e o propio óxido protexe o material. Resiste moi ben en ambientes agresivos, pero mancha moito, así que é moi raro que se utilice en estructuras que se poden tocar.
– Aceiro normal con algún tipo de imprimación: Con pinturas especiais e protectoras pódese ter un aceiro normal que soporte ben as agresións. Por suposto necesita mantemento e haberá que repintalo cada certo tempo.
– Aceiro normal recuberto con formigón: Aquí non se usa moito pero é unha solución bastante interesante. Utilízase aceiro para a estructura e recúbrese con formigón. O formigón protexe o aceiro das inclemencias externas (aire, auga). O punto negativo é que si se fai mal o resultado é prácticamente o mesmo que se non se protexera o aceiro.
Por suposto tamén existen as opcións que non teñen a estructura de aceiro (ainda que o utilicen coma parte do material) coma o Formigón armado, ou os bloques prefabricados, que non teñen tantos problemas coa corrosión, pero que abultan bastante máis.
O aceiro Cortén téñoo visto en esculturas, pero nunca o vin utilizar en perfís dunha estrutura. ¿?
No caso de utilizar aceiro do tipo que sexa, estou con Vítor, necesítase mantemento. Os perfís da estrutura do instituto tiñan unha imprimación (témome que unha capa nanométrica) e co tempo foise desprendendo.
Os aceiros inoxidables cromados ou galvanizados son resistentes á corrosión, pero nun ambiente agresivo tamén poden ser atacados se non hai mantemento, e especialmente delicadas son as unións, de feito onde rompeu a estrutura foi polas soldaduras.
Fíxate que as chapas utilizadas nas carrocerías dos coches levan tratamentos anticorrosión, e se non hai mantemento, están ao lado do mar e despois dunhas cagadas de gaivota acaban estragadas.
Non sei se se utiliza en estruturas, pero en canalizacións subterráneas utilízase un ánodo de sacrificio de cinc para evitar a corrosión do aceiro (a reacción prodúcese antes co Zn que co Fe).
Eu descartaría utilizar aceiro ao aire nun edificio situado ao lado do mar, así que a opción de facela de formigón paréceme axeitada. A estrutura non soporta moita carga, así que non tería que avultar moito.
Máis opinións?
O ánodo de sacrifício aco que também se usa em estruturas, e numhas das peças de aceiro mais expostas á corrosom: os flotadores das bateas. Agora, vendo as fotos eu apostava pola madeira. Se a estrutura se desenha e se monta bem, há trabes para muito tempo.
E que vos parece unha estrutura de plástico? https://www.tecnoloxia.org/principal/?p=1718
Sería un puntazo :-)
O que me parece lamentable é que a consellería de educación teña un centro educativo nesas condicións de perigo para os alumnos e profesores.
Pois si, Lucía, é bastante lamentable. Se queren aforrar en mantemento poderían facer as construcións de mellor calidade.
De tódolos xeitos non creo que a estrutura se veña abaixo de momento, xa que non soporta moita carga e está no patio interior do centro, protexido dos temporais, a non ser que deixen que siga actuando a corrosión uns anos máis.