Hai pouco preguntoume alguén en clase como funciona a dirección asistida. Como respondín un pouco polo aire vou intentar contárvolo cun pouquiño máis de detalle.
A dirección:
En primeiro lugar hai que saber como funciona a dirección: Ao xirar o volante, mediante o mecanismo piñón-cremalleira conseguimos desprazar unha barra dentada, que fará xirar ás rodas.
Agora o que necesitamos é algún sistema que nos axude a facer este movemento reducindo o esforzo que teñamos que facer ao mover o volante. Principalmente temos dous sistemas: oleohidráulico e eléctrico, que van a actuar sobre a barra que ten a cremalleira, desprazándoa horizontalmente.
O sistema hidráulico:
O sistema hidráulico ou oleohidráulico consiste nun cilindro de dobre efecto acoplado á barra da cremalleira. Segundo sexa o xiro do volante, unha válvula rotativa conduce o aceite ao cilindro facendo mover o pistón nun sentido ou no contrario.
Neste fragmento do vídeo (do minuto 3:20 ata o 4:39) explícannos como funciona:
[youtube: PFC Roberto Isasa. Direccion asistida de cremallera. Part 1/2]
O sistema electromecánico:
O sistema electromecánico consiste en acoplar un novo piñón á cremalleira, pero esta vez movido por un motor eléctrico.
Necesitamos uns sensores que nos indiquen como son as condicións do entorno, e unha unidade de control que procese os datos e lle dea ás ordes ao motor.
Entre os sensores atopamos o sensor de ángulo de dirección, que detecta os graos que xira o volante, e o sensor de par de dirección, que mide o par de forza exercido.
Tamén se teñen en conta outros datos coma, por exemplo, a velocidade de marcha do vehículo, xa que necesitamos máis axuda a baixas velocidades.
En función dos sinais de entrada procedentes dos sensores, a unidade de control calcula as necesidades momentáneas de servoasistencia para a dirección, e calcula para cada instante a intensidade de corrente excitadora do motor eléctrico.
Neste vídeo explican de forma moi completa como funciona a dirección asistida electricamente:
[youtube: Direccion Asistida Electricamente EPS (Electrical Powered Steering) ]