O motor de arranque

Sabemos ben como funcionan os motores de combustión interna de gasolina e diésel e como son os ciclos termodinámicos asociados. Estes motores permiten mover automóbiles, barcos, motos, motoserras, etc., pero por si mesmos non poden iniciar o movemento e cómpre inicialo desde fóra mediante un motor de arranque.

Trátase dun motor eléctrico que ten un piñón que engrena coa coroa do volante de inercia.

Cando viramos a chave de contacto péchase o interruptor que conecta a batería co motor de arranque, que comeza a xirar arrastrando ao volante de inercia.

Unha vez en marcha, o piñón desengánchase do volante de inercia e o motor de arranque queda en situación de repouso.

A conexión e desconexión do piñón do motor coa coroa do volante de inercia realízase grazas á acción dun solenoide. Segundo circule ou non electricidade, o núcleo móbil desprázase movendo o piñón cara adiante ou cara atrás.

Pero non todos os motores teñen un arranque eléctrico. É moi común ver arranque manual nalgunhas motos, motoserras, cortacéspedes, motores foraborda, etc. Ao tirar dunha corda facemos xirar a polea na que está enrolada, que vai conectada ao motor e pono en movemento.

No caso dos automóbiles, ata os anos 30 do século XX para poñer en marcha o motor había que facer xirar fortemente unha manivela. Seguro que o viches nalgunha película antiga. Incluso ata hai pouco algúns modelos de automóbil incorporaban unha manivela para utilizar no caso de que fallase a batería. Hoxe en día non queda outra que chamar á asistencia para que che recarguen a batería ou empurrar o coche costa abaixo coa marcha metida para lle transmitir o movemento ao motor desde as rodas ata o cegoñal.

En 1912 Cadillac incorporou por primeira vez un motor de arranque eléctrico ao seu modelo Touring Edition. Toda unha innovación!


·

Con todo, nas películas o máis habitual é que o coche non arranque cando os actores e actrices están en situación de perigo. Sempre falla!

[youtube: Start Dammit]

En jalopnik.com desvélannos o segredo ;-) (Vía: opaco)

Os automóbiles das películas incorporan entre a chave de contacto e o motor de arranque un DPS (Sensor de perigo do condutor) que avalía o nivel de estrés do condutor e utiliza un conxunto de sensores externos para detectar a presencia de sangue, enxames de abellas, talas de árbores, zombis e asasinos achegándose, berros, etc.

Se o DPS detecta un nivel baixo de perigo, o motor ponse en marcha inmediatamente, pero se o nivel de perigo é alto envía o sinal eléctrico a través un circuíto retardador de xeito que o automóbil non se porá en marcha ata pasado un tempo.


Deixa un comentario