#NonSenEvidencia

Vender homeopatía nunha farmacia é como vender alí auga bendita. Quen queira crer nos milagres e nos santos é moi libre de facelo, pero que sexa o propio Ministerio de Sanidade quen abra as portas as pseudociencias deixando que os produtos homeopáticos se vendan como se fosen medicamentos eficaces paréceme aberrante.

Aínda que saia da temática deste blogue, apoio a iniciativa #NoSinEvidencia coa publicación do seu manifesto:


A evidencia científica é unha das pedras angulares nas que se asenta a medicina moderna. Isto non sempre foi así: durante anos empregáronse tratamentos médicos sen comprobar previamente a súa eficacia e seguridade. Algúns foron efectivos, aínda que moitos tiveron resultados desastrosos.

Non obstante, na época da historia da humanidade na que máis coñecementos científicos se acumulan, existen aínda pseudo-ciencias que pretenden pasar por disciplinas próximas á medicina e chegar aos pacientes sen demostrar ningunha efectividade nin seguridade.

Os asinantes deste manifesto, profesionais sanitarios e doutras ramas da ciencia, xornalistas e outros, somos conscientes de que a nosa responsabilidade, tanto legal coma ética, consiste en achegar o mellor tratamento posible aos pacientes e velar pola súa saúde. Por iso, a aparición nos medios de comunicación de noticias sobre a apertura dun proceso de regulación e aprobación de medicamentos homeopáticos preocúpanos como sanitarios, científicos e cidadáns, e cremos que debemos actuar ao respecto. As declaracións da directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) asegurando que “non todos os medicamentos homeopáticos teñen que demostrar a súa eficacia” e que “a seguridade non se ten que demostrar con ensaios clínicos específicos” non fan senón aumentar a nosa preocupación.

Polo tanto, solicitamos:

  • Que non se aprobe ningún tratamento que non demostrase, mediante ensaios clínicos reproducibles, unhas condicións de eficacia e seguridade polo menos superiores ao placebo. A regulación duns supostos medicamentos homeopáticos sen indicación terapéutica é unha grave contradición en si mesma e debe ser rexeitada. Se non está indicado para nada, para que hai que empregalo?.
  • Que a AEMPS retire da comercialización aqueles fármacos, de calquera tipo, que malia ser aprobados, non demostrasen unha eficacia maior que o placebo ou que presenten uns efectos adversos desproporcionados.
  • Que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o resto de autoridades sanitarias persigan aquelas empresas que atribúen aos seus produtos calidades curativas ou beneficiosas para a saúde sen demostralo cientificamente.
  • Que o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España / Organización Médica Colexial, en cumprimento do artigo 26 do Código de Deontoloxía Médica, desaprobe aos facultativos que prescriban tratamentos sen evidencia científica demostrada.

 

Un par de artigos para ampliar información:

 


Deixa un comentario