Cando Michelangelo esculpiu a serie de esculturas inacabadas coñecidas como “Os escravos” ou “Os prisioneiros ” utilizaba o método da talla directa: Primeiro facía uns bosquexos e despois introducía as súas ferramentas no mármore de forma manual. El mesmo dicía “Dentro do bloque está a figura, o único que fago é arrincar coa ferramenta a pedra que sobra ao redor desta, ata que a figura queda liberada da súa envoltura.”
Neste caso non liberou completamente as figuras, que quedaron prisioneiras, atrapadas no mármore que as encerraba completamente.

O artista italiano Davide Quayola acaba de presentar no festival Ars Electronica a súa interpretación contemporánea da serie “Prigioni” de Miguel Anxo. As esculturas xa non se fan en mármore, senón en polietileno expandido (EPS de alta densidade) máis coñecido como poliexpán, e non son unhas mans cun martelo e un cicel quen as esculpe, senón un robot industrial controlado por ordenador.

Nun mundo dixital as máquinas encárganse da técnica, pois manualmente non podemos alcanzar a precisión do fresado CNC, e a creatividade, a imaxinación e a arte céntranse no deseño dixital, un debuxo en 3D que un robot sexa capaz de interpretar.
Nos seguintes vídeos amósase o proceso escultórico no que se visualizan as funcións matemáticas que forman parte do “pensamento” do robot escultor.
[Captives – Robotic Milling from Quayola on Vimeo.]
Nesta páxina podedes ver máis imaxes da obra “Captives” de Quayola